27.6.17

Nota de Prensa sobre o Uso do Galego


Ante o ataque á lingua galega e diante do ofrecemento de Galicia Bilingüe para recorrer as multas por non respectar os sinais so en galego de Gondomar, despois da denuncia efectuada pola Guardia Civil por mor do rotulo en galego de tres sinais de tráfico no noso concello, o grupo municipal de Gondomar Concello Aberto debe recordar que o artigo 5, apartado 1, do vixente Estatuto de Autonomía establece que “A lingua propia de Galicia é o galego”.

E no mesmo artigo apartado 3 dise que “Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento”.

No seu apartado 4, establece que Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

Todos os datos indican un retroceso alarmante no uso do galego a nivel cotiá en calquera dos ámbitos de uso da lingua. O Atlas da UNESCO das linguas do mundo en perigo de extinción inclúe ao galego. A redución do galego en materias de ensino é evidente, e a día de hoxe dáse o esperpento da prohibición de ensinar matemáticas en galego.

Que a estas alturas do século XXI, unha institución ou unha asociación denuncie un uso abusivo do galego en calquera ámbito da vida indica que ou non vive na realidade ou simplemente ten mala fe.

Para mais inri a defensa do idioma propio de Galiza, o galego, feito por este goberno municipal deixa bastante que desexar, mesmo no uso dos topónimos oficiais ou dos cartaces e sinais que se colocan nas rúas ou parques.

Veleiquí a modo de exemplo tres casos para a denuncia nos últimos 6 meses:


Decembro 2016: Esperabamos da asociación galegofóbica Galicia Bilingüe o mesmo ofrecemento na defensa da lingua galega cando o cartace de desvío de tráfico a “Morgadanes”, estivo durante case tres meses nas rúas de Gondomar,

incluso logo de ser tratado no Pleno da Corporación e da promesa do Sr. Alcalde de rectificar o topónimo de xeito inmediato, cousa que non fixo. Sorprendentemente Galicia Bilingüe ficou muda, a pesares da vulneración do dereito e do incumprimento da norma, a lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingü.stica, establece que a única forma oficial dos nomes dos lugares (topónimos) de Galicia é a galega.



Abril 2017: Asemade é un magoa que non estivera na defensa do idioma galego cando o sinal que indicaba, en perfecto español, o desvío da estrada en 600 metros que estivo no centro de Gondomar durante mes e medio polas obras da rúa Eduardo Iglesias. De novo a afonía de GB na defensa do idioma propio de Galiza.








Xuño 2017: Ou mesmo o cartace que hai menos de unha semana puxo o goberno municipal no adefesio de pista de deportes enfronte á xefatura da policía local, indicando o uso dunha serie de normas de seguridade, tamén única e exclusivamente en español. Onde están os dereitos dos nenas e nenos galego falantes?



Onde estaba daquela e hoxe a asociación supremacista da lingua española? Na defensa do galego, evidentemente non.

O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto rexeita de xeito rotundo estas actitudes racistas cara a lingua galega e pide o recoñecemento da normalidade do seu uso en todos os ámbitos.

Gondomar, 26 de xuño de 2017.
Asdo.: Pauliño do Río Iglesias.

Voceiro do Grupo Municipal de CABE.

23.6.17

Nota de Prensa sobre o Pleno Extraordinario de Aprobación de Núcleos.


Onte se celebrou no salón de Plenos a sesión Extraordinaria convocada pola oposición para tratar da delimitación dos núcleos rurais de Prado, San Roque da ELM Morgadáns e de Penalba en Mañufe, así como aprobar en debida forma o núcleo de Campo Grande, en Morgadáns, aprobado xa no Pleno de 26 de xaneiro de 2017.

Mentres o goberno municipal (PSOE e MM) seguen enredados na súa lea interna e se acusan mutuamente da perda de subvencións (que non so afecta a mellora da Prazas de Abastos, hai pouco perderon outra subvención, esta concedida, por valor de 70.000€ da mellora dun camiño en Cernadas, Vincios). Gondomar Concello Aberto traballa dende a oposición, non lle quedou outra, para solucionar os problemas da veciñanza, neste caso da problemática urbanística que dende hai 12 anos, dende a anulación do PXOM do 97 padecemos todos e todas en Gondomar.

CABE instou a convocatoria deste Pleno extraordinario por responsabilidade e coherencia, no convencemento que so dende o dialogo, a participación, a transparencia e a legalidade se pode lograr o consenso de todos os grupos políticos nun tema tan estratéxico e fundamental como é o urbanismo e o PXOM dun concello.

NUCLEOS DE PRADO, SAN ROQUE /MORGADANS E PENALBA (MAÑUFE)

De enorme gravidade pareceunos o comportamento do grupo de Goberno no Pleno ordinario de 1 de xuño ao empecinarse, conculcando a normativa, de non someter a votación a proposta de deixalos sobre a mesa para poder estudialos co rigor que require un instrumento de planeamento urbanístico e máxime en Gondomar.

A pesares da actitude irresponsable do goberno municipal, CABE procedeu a falar con grupos da oposición, pediu a documentación pertinente e solicitou xunto co resto da oposición a celebración dun Pleno Extraordinario. A solución, aínda que parcial, á problemática urbanística así o requiría. Demostrando coa nosa acción que lonxe de querer amolar ao goberno ou utilizar o urbanismo como arma política Gondomar Concello Aberto quería unha solución ditada dende a sensatez, o acordo e a legalidade.

NUCLEO DE CAMPO GRANDE/ MORGADANS.

Houbo que traer de novo este núcleo a pleno, esta vez a proposta da oposición porque na aprobación feita polo goberno municipal, en xaneiro e por urxencia, o Sr. Concelleiro de Urbanismo furtou información ao pleno cando dixo na sesión plenaria que o informe de Augas de Galiza acababa de chegar e que era “favorable, ningún problema” cando a realidade é que estaba condicionado a unha serie de modificacións, que non se levaron a Pleno.

Nin tan sequera se informou aos grupos que votamos a prol desa delimitación de núcleo. O que fixo o goberno foi enviar de forma unilateral o modificado á Xunta de Galiza, sen ser o órgano competente para aprobar esta modificación. A Xunta remitiu un escrito indicando que estas modificación deberían ser aprobadas polo Pleno.

O resultado desta práctica de facer urbanismo por parte do Sr.Arauxo é que se van perder nove meses na aprobación definitiva deste núcleo, case un ano.

A perxudicada foi a veciñanza que vai ter que esperar a ver resoltos os seus problemas, dende licenzas de primeira ocupación, ata expedientes de reposición da legalidade, mesmo execución de sentenzas xa ditadas polos xulgados. Era necesario este xeito de proceder por parte do goberno? A quen beneficiou? Dende logo aos veciños e veciñas non.

O Grupo municipal de Gondomar Concello Aberto actuou con seriedade e responsabilidade, sen excluír a ninguén na busca dunha solución aos problemas do urbanismo en Gondomar. O resultado deste proceder a vista esta.
  • No Pleno de onte aprobáronse por unanimidade as 4 propostas de delimitación de núcleos que levamos a Pleno.
  • Conseguiuse que a Comisión de Seguimento do PXOM se puxera de novo en marcha, logo de máis de medio ano sen convocar.

A solución definitiva aos problemas urbanísticos de Gondomar pasa pola elaboración dun novo PXOM do que, dende a aprobación da nova LOUGA que obrigaba a empezar de cero, nada sabemos. E do que esperamos que non se nos exclúa.

O resultado da coherencia, do dialogo, da transparencia e da legalidade é que os primeiros instrumentos de planeamento urbanísticos que se aproban por unanimidade na Corporación Municipal de Gondomar en décadas foron promovidos dende a oposición a instancia de CABE.

Gondomar, 22 de xuño de 2017.

Asdo.: Pauliño do Río Iglesias.

Voceiro do Grupo Municipal de CABE.

22.6.17

Nota de Prensa sobre as acusacións do PSOE de Gondomar

Ante as declaracións do PSOE de Gondomar en diferentes medios, nas que acusa ao concelleiro de Gondomar Concello Aberto Josué Villar da perda dunha subvención correspondente a consecución de mercados de excelencia cando era responsable de Formación, Emprego e Dinamización Económica no goberno tripartito de Gondomar, queremos manifestar o seguinte:

1. O PSOE de Gondomar minte cunha grave acusación a un concelleiro do grupo municipal de CABE, que non forma parte do goberno de Gondomar dende o 2 de febreiro de 2016, cando pasamos a formar parte da oposición.

2. Dita subvención ven recollida no DOGA do 14 de Xullo de 2016, cando CABE xa levaba meses fóra do Goberno municipal, sendo os únicos responsables da tramitación da subvención no momento da súa publicación o goberno bipartito que preside o sr. Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira.

3. Non deixa de sorprendernos a obsesión do alcalde e o partido que lidera con Gondomar Concello Aberto, chegando ata o punto de inventarse unha realidade alternativa na que culpabiliza a un partido da oposición da súa mala xestión do goberno.

4. Dende CABE esiximos unha retificación pública da información publicada nos medios e redes sociais por parte do PSOE, na que minte gratuítamente aos veciños e veciñas de Gondomar, como xa ven sendo habitual.

Gondomar, 22 de xuño de 2017.

Josué Villar Ballesteros

Grupo municipal de Gondomar Concello Aberto

17.6.17

Convocatoria de Asemblea Veciñal para o 19 de xuño

Convócase á Asamblea de Gondomar Concello Aberto,

Día: luns, día 19 de xuño
Primeira convocatoria: 20.45 horas
Segunda convocatoria 21,15 orde do día:
Lugar: local de CABE no CDL

Orde do día:
  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.
  2. Información e análise sobre a delimitación dos núcleos.Postura ante o pleno extraordinario.
  3. Información económica.
  4. Rogos e preguntas

12.6.17

Convocatoria de reunión de seguimento da campaña do Centro de Saude

O vindeiro martes, 13 de xuño, ás 20 h. teremos unha reunión no local de CABE para reunir todas as sinaturas, facer reconto e coordinar as próximas accións da campaña do Centro de Saúde.

Nota de prensa sobre o pleno extreaordinario que tratará a delimitación de núcleos

Como xa anunciamos o venres 2 de xuño tras o Pleno ordinario, tras a petición e análise da documentación relativa aos núcleos de Penalba, San Roque e Prado, e contactar co resto do grupos da oposición, hoxe ás 13:26 presentamos a solicitude de convocatoria de Pleno extraordinario.

Na proposta de orde do día inclúese tamén a aprobación provisional da delimitación do núcleo de Campo Grande, tendo en conta o escrito da Xunta de Galiza, de data 01 de xuño de 2017, remitido ao Concello de Gondomar en relación á delimitación de dito núcleo, cun requirimento previo á súa aprobación definitiva.

Neste requirimiento indícase que a aprobación provisional desta delimitación de núcleo rural debe ser sometida novamente á aprobación polo Pleno da Corporación Municipal de Gondomar, xa que con posterioridade á súa aprobación provisional polo Pleno do pasado 26 de xaneiro de 2017 achegáronse por parte do goberno municipal á Xunta de Galiza unha corrección de erros, así como modificacións motivadas polo informe de Augas de Galiza, que non contaban coa preceptiva aprobación do Pleno da Corporación.

Tras a presentación desta solicitude de convocatoria por parte de todos os grupos da oposición, esperamos que o goberno municipal convoque canto antes a Xunta de Voceiros de carácter urxente que anunciaron o pasado sábado 3 de xuño.

Gondomar, 9 de xuño de 2017.

Jimena Varela

Grupo municipal de Gondomar Concello Aberto

7.6.17

Convocatoria de xuntanza do Grupo de Traballo sobre urbanismo, mobilidade e medio ambiente

Convócase xuntanza do grupo de traballo sobre urbanismo, mobilidade e medio ambiente
Día e hora: xoves 8 de xuño ás 10:00 da mañá
Lugar: local CABE