30.9.16

Convocatoria do grupo de urbanismo o 30 de xuño

Convócase reunión do Grupo de Urbanismo o xoves 30 de xuño ás 20 horas no local de CABE (Centro Neural).

Convocatoria do grupo de infancia o 6 de outubro

O vindeiro xoves, 6 de outubro reúnese o grupo de Infancia ás 21 h. no local de Cabe.

Denuncia de verquido no río Zamáns

Un veciño de Vincios enviounos as imaxes seguintes imaxes dun verquido de augas residuais no colector do Zamans, á altura do barrio de Rocha en Vincios, ocurrido coas choivas do sábado noite e que non tiñamos observado antes. 

Nestes casos o conveniente é facer o seguinte: ante calquera verquido na foz do Miñor, dende Zamáns ata a desembocadura, compre avisar ao 112 (normalmente van ao lugar e toman datos e é a maneira de que quede constancia "oficial"· do verquido. Logo enviar a foto á plataforma polas Defensa da Foz, ao enderezo https://polaprotecciondafozdominor.wordpress.com/manifesto-de-inquedanzas/

Dende CABE, se tamén nos informades, podemos canalizar a denuncia e facela pública.






Nota de prensa sobre verquido no río Zamáns

Dende Gondomar Concello Aberto queremos denunciar un verquido de augas fecais orixinado no colector de saneamento do Zamáns á altura do barrio de Rocha na parroquia de Vincios, concretamente na Ponte do Seixal a 100 metros cara Zamans. No entronque entre o colector principal e o ramal secundario.

Este verquido afectou ás beiras e ao propio río Zamáns e se produciu durante esta fin de semana.
Achegamos diversas fotos do verquido e o seu emprazamento.

Dende Gondomar Concello Aberto pedímoslle ao goberno municipal, Concellaría de Infraestruturas e Servizos Básicos que tome cartas no asunto, avalíe os seus efectos, minimice o seu impacto e poña os medios necesarios para que non se volva producir.

Esperamos do Goberno municipal unha actuación inmediata que contribúa a criar consciencia entre a veciñanza sobre a importancia de matermos limpos e saudábeis os nosos ríos. A concienciación, educación e participación cidadán na defensa dos nosos ríos debe estar avalada por unha actuación coherente, rápida e eficaz dos responsables políticos para manter unhas infraestructuras en condicións mínimas que permitan unha mellora na conservación, coñecemento e mellora dos espazos fluviais.

Gondomar. 27 de setembro de 2016
Pauliño del Río Iglesias.

Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.

Nota de prensa sobre indemnizacións dos órganos colexiados

Ante o anuncio do Sr.Alcalde de Gondomar de levar ao próximo Pleno a celebrar o día 20 deste mes a redución das indemnizacións por asistencia dos órganos colexiados do Concello, o grupo municipal de CABE quer manifestar o seguinte.

Resulta curiosa, contraditoria e moi selectiva, a memoria do Sr.Alcalde a respeito do Pacto alcanzado no seu día por CABE, MM e PSOE para a gobernanza do Concello de Gondomar.

Despois da saída de CABE do goberno municipal o Sr.Alcalde decidiu subirse o soldo máis dun 20%, argumentou que xa que o pacto non existía, pola saída de CABE do goberno municipal, non se sentía vinculado ao mesmo (pretendeu cobrar 48.686€, porque, segundo manifestou no Pleno o seu salario de 38.880€ supoña estar a pan e auga . Vengoñento). Agora seica o pacto segue en vigor e co só argumento do seu cumprimento pretende rebaixar un 10% as indemnización por asistencia a Plenos, Comisións e Xuntas de Goberno.

A diferenza entre o cobro actual 180€ por comisión informativa e a proposta 162,50€, multiplicada polo número de membros da Comisión, oito, é de 144€. E para realizar este cambio o Sr.Alcalde convoca unha Comisión de Economía, Facenda e Contas, sen mais asunto ca este, que lle vai custar ao erario público 1.440€. Para aforrar 144€ despilfarra 1.440€. Tremendo. Disparate típico do Sr.Ferreira. So pasaran catro días dende que se celebrara a Comisión de Economía, Facenda e Contas correspondente ao Pleno deste mes, onde se puido levar esta proposta sen ningún problema. Non o fixo. Resultado: a súa falla de eficacia vaille custar ao cidadáns de Gondomar 1.440€. Cando reclama aforrar dilapida por incompetente. O pretendido aforro xa o gastou anticipadamente.

Pero hai máis. No tema dos Plenos estamos no mesmo nivel. O Sr.Alcalde pretende aforrar 552€ por pleno, que serían 6.027€ anuais (11 Plenos/ano, en agosto non se celebran). Nada di sen embargo como vai restituír ao erario público os 11.050€ gastados pola súa ineficacia e ineficiencia, ao convocar 2 Plenos para ter que elixir ao xuíz de Paz ou cando necesitou outros dous plenos para nomear aos compoñentes das mesas electorais (veuse obrigado a celebrar dous porque no primeiro non se podían escoller aos membros das mesas porque aínda estaba o censo en período de reclamacións).

Se botamos contas o Sr.Ferreira e o seu Goberno dilapidaron do erario público no asunto de referenza (indemnización dos órganos colexiados), en tan so 8 meses do que vai de ano, dous Plenos, que non deberon ser convocados (5.525 por Pleno) máis 1.440€ dunha Comisión de Contas que tampouco se debeu celebrar, por innecesaria. En total 12.190€ tirados, malgastados pola falla de xestión dun Alcalde incapaz de xestionar unha Administración Pública, un gobernante máis preocupado do seu perfil de facebook que dos problemas reais e cotiás dos veciños e veciñas de Gondomar. Dende CABE nos preguntamos, como vai devolver ao erario público estes 12.190€ ? A súa falla total de control sobre a administración local, a súa inoperancia quedan unha vez máis á vista.

Agora para agochar a súa ineptitude pretende a rebaixa das indemnizacións aos órganos colexiados. Pedímoslle ao Sr.Alcalde un mínimo de responsabilidade na xestión dos cartos públicos, os veciñ@s non poden pagar a factura da súa incapacidade para tramitar, xestionar e resolver os asuntos públicos.

Gondomar, 14 de setembro de 2016.
Asdo.: Pauliño del Río Iglesias.

Voceiro municipal de Gondomar Concello Aberto.

Nova campaña da plataforma Non ao TTIP Galiza contra os tratados de libre comercio



A plataforma Non ao TTIP Galiza (https://nonaottip.org/  está intentando poñer a andar a actividade que se describe no documento adxunto: "A carabana anti TTIP e os vampiros do librecomercio"

Para iso precisan axuda económica para poñela en práctica e tamén saber se algunha asociación tería interese en levar (no caso de poder facerse) a carabana ao seu concello e colaborar na organización de algún acto que axude a difundir o que son estes tratados á cidadanía (proxección de documental, charla, acto de rúa con mesa informativa...)

Ademáis, no mes de outubro haberá unha manifestación contra os tratados (xa se indicará lugar e día) que coincidirá con outras que se farán en diferentes países entorno á mesma data.


Convocatoria de reunión de análise das eleccións autonómicas o 30 de setembro

Convócase unha reunión o vindeiro venres, día 30, ás 20,30 na casa de Cultura para analizar as pasadas eleccións autonómicas.
Non se trata dunha asemblea senon dunha reunión aberta á cidadanía.

27.9.16

Limpeza de Propaganda Electoral

Hoxe, martes 27, ás 18 h quedamos no local de CABE  para comenzar a retirar a propaganda electoral de EnMarea nas rúas de Gondomar.

25S: Grazas

Gondomar Concello Aberto, único grupo de Gondomar que participou como tal na campaña electoral de En Marea, quere agradecer o seu apoio a todas e cada unha das 1.746 veciñas e veciños de Gondomar que co seu voto colaboraron a que esta formación se convertera na segunda forza política de Galicia.


Tamén quere agradecer a todas aquelas persoas que participaron na campaña, ben no nome de CABE ou ben de xeito individual, o esforzo realizado durante estes días para intentar trasladar á veciñanza as nosas propostas e garantir o adecuado discorrer da xornada electoral.

10.9.16

PXOM de Gondomar a disposición pública

O Concello de Gondomar puxo a exposición pública durante dous meses o borrador do PXOM co que está traballando o goberno municipal no seguinte enderezo:

 https://pxom.concellodegondomar.gal/

Queremos recordar que dende CABE entendemos que a entrada en vigor da nova Lei do Solo obriga aos concellos sen planeamento aprobado inicialmente (caso de Gondomar) a iniciar a tramitación do plan urbanístico dende cero. Este feito non foi explicado á opinión pública e na práctica significa que temos que empezar por un borrador do plan co contido necesario para a súa análise urbanística e un documento inicial estratéxico, documentos que aínda non se empezaron a redactar. En lugar diso, o Goberno municipal preséntanos un documento carente de validez para enviar á Xunta e incompleto: non contén, entre outras reflexións, ningún tipo de análise do crecemento poblacional no municipio. A intención do Goberno é facer o cálculo con posterioridade á proposta, o que demostra a frivolidade e o nulo rigor co que se está tratando este tema. O documento está baseado en cartografía e normativa desactualizada, o que non se trata dunha mera formalidade; presentar este documento só confundirá aos veciños e veciñas de Gondomar, que presentarán alegacións a un documento que non vale para comenzar a tramitación administrativa, e retrasará a mesma. Se a intención é abrir a participación o antes posible, hai outros mecanismos para facelo de xeito máis productivo para os intereses xerais e que non despisten aos habitantes de Gondomar.

Por outro lado, e pese o que diga o concelleiro de Urbanismo, a proposta do bipartito non presenta modificacións substanciais con respecto ao Plan do Partido Popular. A propia empresa redactora, na pasada Comisión de Seguimento do PXOM o 29 de marzo, recoñeceu e dixo literalmente que o “espíritu” do Plan é o mesmo e que o número de vivendas previstas no termo municipal comparadas co Plan do PP practicamente non se reducía. Dende CABE, defendemos unha ordenación urbanística con criterios racionais e sustentables que non existen no Plan do anterior Goberno nin neste, porque son o mesmo.

Lamentamos o tempo que este Goberno perdeu e segue a perder ante un tema de vital importancia para o noso concello como é o PXOM; con comisións de seguimento mensuais onde non se toma ningunha decisión e quedan polo tanto baleiras de calquera utilidade, e sobre todo coa próxima exposición pública dun documento sen validez ante a Xunta de Galicia, que non conta co consenso da Corporación (nin sequera do Goberno bipartito, polo manifestado nas comisións de seguimento), e que polo tanto, carece de percorrido.