26.7.17

CABE: “Hai que ter moita caradura e cinismo para tomar como reféns a unhas nenas e as súas ilusións” (Valmiñor tv)


O goberno municipal levou ao Pleno do pasado luns as subvencións nominativas para o exercicio 2017, que foron aprobadas por unanimidade. Entre elas non estaba incluída ningunha subvención para o Club de Patinaxe Artística de Gondomar. Primeira mentira do Sr. Alcalde de Gondomar.
Hai dúas formas de conceder as subvencións, un procedemento ordinario en réxime de concorrencia competitiva (comparación das solicitudes presentadas) e un excepcional: o de concesión directa que son as subvencións previstas nomitativamente nos orzamentos, estas son as que se aprobaron no Pleno.
“Tiña por tanto o Sr. Ferreira dúas posibilidades: a concesión directa da subvención de 3.000 € ao Club de Patinaxe de Gondomar. Non foi a escollida polo Sr.Alcalde, xa que na relación que se aprobou por unanimidade no pasado pleno non estaba. E non estaba porque o Sr. Alcalde non a incluíu. El saberá o por que, só a el é imputable este feito tal vez por descoido, desidia, ou falta de xestión”, sinala Pauliño del Río, voceiro do Grupo Municipal de CABE.
A outra posibilidade é entrar xunto co resto das asociacións na concesión por concorrencia competitiva: a día de hoxe non está nin feita a convocatoria, nin aprobadas as súas bases reguladoras, nin nomeado o tribunal de valoración, nin publicitados os criterios de valoración, nin os requisitos para solicitar a subvención nin que documentación hai que presentar, nin polo tanto valoradas as propostas para ver as que se aproban e as que se denegan.
“Resumindo, o Sr. Alcalde volveu vender fume, comprometeuse a algo que non cumpriu, e faltoulle ao respecto non só a este Club de Patinaxe senón ás ducias de asociacións, entidades e clubs que solicitan subvención por esta vía e nada teñen garantido que se lles vaia conceder e que cantidade. Ou estaba anunciando o Sr. Alcalde que ía prevaricar concedendo a dedo una subvención que debía resolverse mediante unha valoración?”, engade del Río.
Para o voceiro de Gondomar Concello Aberto, “hai que ter moita caradura e cinismo para tomar como reféns a unhas nenas e as súas ilusións para mentir sobre o que pasou e pretender con isto que se lle dera carta branca para seguir gastando sen control”.
Segundo Pauliño del Río, o que o Alcalde propuxo no pleno nada tiña que ver co patinaxe senón cunha modificación de crédito por valor de 334.000 € porque en 6 meses xa gastou os cartos de todo o ano “e quere seguir gastando a escape libre”.
“Por que non lle explica ás asociacións culturais, deportivas, recreativas ou sociais que tampouco teñen este ano partida para as subvencións, a onde foron os seus cartos”, conclúe o voceiro de CABE.
O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto fará público proximamente unha xeira de gastos realizados polo goberno bipartito, para que a cidadanía de Gondomar coñeza en que gasta o Alcalde “o diñeiro de todos e todas”.

5.7.17

Centro de Saúde: Entrega de sinaturas

O concello de Gondomar tratase dunha zoa de rápido crecemento demográfico de carácter residencial, como expansión da cidade de Vigo e elevada afluencia estival de carácter turístico.

A poboación actual de Gondomar é de 16.085 persoas, cunha poboación infantil menor de 15 anos de 2.212 persoas e de 13.873 adultos

Na actualidade o Centro de Saúde de Gondomar é pequeno e con mala accesibilidade, pola ausencia de aparcamentos e dificultades de circulación rodada xa que esta rodeado de rúas estreitas dun so sentido de circulación.

Ten un dos ratios mais altos de tarxetas sanitarias, da área tanto en Médico de Familia (M.F.) como en pediatría, así como en enfermería. A iso hai que lle engadir que o centro non está a recoller toda a poboación con tarxeta sanitaria do concello so de 10.121 habitantes, dos que 1.352 son menores de 14 anos e 8.769 maiores de 14, que son atendidos no CS Gondomar actualmente, a diferenza está a ser soportada polo centro de saúde de Valmiñor ( a Xunqueira)

A actual estrutura que alberga a Unidade de Atención Primaria é claramente insuficiente. Polo que se fai imprescindible a construción dun novo centro de Atención Primaria, cun Plan Funcional e un programa de espazos que dea resposta as necesidades asistenciais actuais e poda acoller crecementos futuros.

Dada a poboación de Gondomar, 16.085 usuarios, o novo centro de saúde, debe ter unha sala de Rehabilitación con cabinas de tratamento, una sala de Fisioterapia, e unha consulta de fisioterapia. A superficie mínima seria de 1800 m2

Por todo o explicado anteriormente hoxe, vimos de presentar no Rexistro da Xunta de Galiza en Vigo esta petición dun Centro de Saúde que cubra as necesidades reais do noso concello, avalada por 2.012 sinaturas recollidas en Gondomar.

Asemade solicitamos unha entrevista co Conselleiro de Sanidade, D. Jesús Vázquez Almuiña á maior brevidade posíbel, para tratar este asunto dado a prioridade de actuación que ten este tema para a saúde e benestar da veciñanza de Gondomar.

Ademais están rexistradas, con data 26 de xuño de 2017, sendas iniciativas para tratar a construción dun Centro de Saúde que asuma todas as necesidades sanitarias do concello de Gondomar, no Parlamento Galego, polo Grupo En Marea, a través dunha Proposición Non de Lei para o seu debate na Comisión e no Pleno do Parlamento Galego.

Esperamos da Xunta de Galiza un compromiso firme e decidido coa sanidade pública e que modifique o recorte proxectado para o novo centro de saúde que vai nacer xa cun déficit asistencial e sanitario. É un disparate proxectar unha nova infraestructura pensada para 10.000 usuarios cando na actualidade xa conta con máis de 16.000.

HISTORIA E DATOS:

En Decembro de 2008, se deseñou un novo centro de Atención Primaria, en una parcela de 5.000 m2 de titularidade municipal, na zona urbana, dotada dos servizos urbanísticos necesarios e que o concello sa procedeu a realizar a cesión patrimonial o SERGAS. Nese momento o programa de espazos e o Plan Funcional para o novo centro estaba deseñado con capacidade para 8 médicos de Medicina de Familia (3 máis que agora) e 2 Pediatras (1 máis), 8 profesionais de enfermería e 2 de enfermería pediátrica (en total 10 profesionais de enfermería, 5 máis que na actualidade), matrona, traballador social (non existe no actual centro), 4 PSX ( hai na actualidad 3) e unha auxiliar de enfermería (non hai na actualidade). Se contemplaba, un importante crecemento dos recursos de persoal. Esta era a construción no ano 2009. Cunha superficie de 1.565 m2  e un custe de 1.806.842 €.

Este proxecto paralizouse coa chagada do PP a Xunta de Galicia (Sr. Feijoo).

No Consello da Xunta do 14 de Outubro de 2010, nova aprobación do Centro de Saúde sen construílo.

O 10 de Agosto de 2012, licitación de 15 C.S., cofinanciado pola U.E. cos fondos Feder Galicia 2007-2013. Nos que se atopa o C.S. de Gondomar e o de Panxón (Hoxe feito e en funcionamento). Para 10.280 TIS e unha superficie de 1.039 m2 e un custe de 2.400.000 €. O Plan Funcional para o novo centro estaba deseñado con capacidade para 6 médicos de Medicina de Familia e 1 Pediatras, 6 profesionais de enfermería, 1 matrona, 2 PSX e una auxiliar de enfermería

En Maio de 2015, previo as eleccións municipais, comeza a súa construción. En Agosto de 2015, paralizase a construción por quebra da empresa CORSAN-CORVIAM.

En Xullo de 2016, novo anuncio da Xunta que sacara a concurso as obras, sen realizalo.

O 14 de Febreiro de 2017, anunciase unha nova construción do C.S. de Gondomar cunha inversión de 3.000.000 €, para rematar no 2018. Co plan Funcional do 2012.

Ante a parálises da súa construción. O 2 de Marzo, Gondomar Concello Aberto a través do seu grupo municipal, presenta no pleno do Concello unha Moción sobre o Centro de Saúde. Moción que foi aprobada cos votos de Cabe e Iniciativa x Gondomar. Abstención do PSOE. Encontra o PP. Ausencia de Manifesto Miñor.

A plantilla actual do Centro de Saúde de Gondomar é de 7 Médicos de Familia, 1 Pediatra, 7 Enfermeiras 1 Auxiliar de enfermería, 4 PSX/Auxiliar Administrativo e 1 Matrona, para toda a poboación de referencia.

É imprescindible a construción dun novo centro de Atención Primaria, cun Plan Funcional e un programa de espazos que dea resposta as necesidades asistenciais actuais e poda acoller crecementos futuros, en base os ratios do Plan de Mellora de Atención Primaria de 1 médico/1.250 TSI y 1 pediatra/800 menores de 14 años, así como a dotación de espazos necesarios para o desenrolo dos programas asistenciais.

Nos consideramos que en función da poboación existente, as necesidade reais son:




Gondomar, 5 de xullo de 2017.

Asdo.: Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal CABE.


(Pódese ver un vídeo explicativo en: https://youtu.be/DiQTzzFVQ1Q)

2.7.17

Convocatoria de reunión de seguimento da campaña do Centro de Saude

O vindeiro luns, 3 de xullo, ás 21 h. teremos unha reunión no local de CABE para coordinar as próximas accións da campaña do Centro de Saúde.

Nota de Prensa: A insensibilidade do goberno cara aos menores saharauis e o programa Vacacións en Paz

En abril deste ano a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, dirixiu ao Sr. Alcalde e Concelleira de Benestar Social un escrito que entre outras cousa dicia:

“Dirixímonos a través da presente, á institución Municipal para plantexar ás seguintes peticións que consideramos aceptables e posibles para o desenvolvemento da acción de cooperación en causa xusta e xustificada.

O Programa de Vacacións en Paz é un acto solidario e cooperativo de humanitarismo cos cativos e cativas dos Campamentos de Refuxiados no deserto de Tinduf (Arxelia) no que se deu en chamar Hamada (terra infernal).

Mediante o mesmo viaxan varios nenas e nenos ao noso Concello para seren acollidos por familias os dous meses de verán, xullo e agosto. As familias acolledoras realizan un gran esforzo dando alimento, vestido, axudas de todo tipo e mesmo costeando eventos deportivos e culturais, etc. Moitos concellos tamén poñen o seu graniño de area na cooperación, costeando a viaxe das nenas que son acollidas polas familias.

Por este motivo e polo que considerando que no noso Concello hai 4 familias acolledoras, é polo que nos diriximos á Institución para solicitar dúas peticións doadamente factibles:

1º.- Que o noso Concello asine un convenio de cooperación para axudar a costear á viaxe destes nenos e nenas, coa presidenta da Asociación SOGAPS.

2º.- Que se colabore coas familias acolledoras que o desexen, aceptando nos campamentos de verán organizados polo concello para nenas e nenas do municipio a estes nenos. Para así realizar un dos obxectivos básicos do programa Vacacións en Paz que é nin máis nin menos que a socialización, convivindo cos nenas e nenos de aquí e así procurar aprender mellor os nosos idiomas. Agardando a comprensión destas propostas e a aceptación das mesmas so temos que enviarlles un cordial saúdo na esperanza de podermos contar coa súa total colaboración.”

Dado o silenzo do Goberno Municipal, esta asociación saharaui dirixiu, o 29 de maio, o mesmo escrito de Solicitude Institucional aos grupos políticos municipais.

Produto desta solicitude o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto presentou unha Moción por urxencia ao pleno do 1 de xuño para que se aprobara a seguinte proposta de acordo:

“O Pleno da Corporación Municipal insta ao Sr. Alcalde de Gondomar a que asine, antes do 10 de xuño, o Convenio de Colaboración entre o Concello de Gondomar e a Asociación SOLIDARIEDADE GALEGA CO POBO SAHARAUI, arriba referenciado e que foi entregado ao Goberno Municipal e a todos os Grupos Políticos con representación Municipal, e que se achega con esta proposta de acordo. “

Acordo que se tomou por unanimidade.

Debemos significar que o Concello de Gondomar leva anos contribuíndo a esta causa de Vacacións en Paz dos nenos e nenas saharauis, evitando que estes nenos e nenas permanezan os meses de calor de xullo e agosto nos campamentos con temperaturas en ocasións superiores de 50º e que entre os obxectivos deste Convenio están, entre outros, garantir os dereitos das nenas e nenos á saúde realizando controis médicos oportunos, asegurala súa integridade física e emocional, respectar ás súas crenzas e favorecer a súa integración no medio durante a súa estadía no noso país, facilitando a súa participación en alternativas de ocio e tempo libre. E que a contribución económica por parte da Administración Municipal está nos 3.500€, cantidade destinada a contribuír a sufragar o financiamento dos billetes das nenas e nenos en avión dende o aeroporto de Tindouf ata Peinador.

Dise no preámbulo da Declaración de Dereitos do Neno, que esta se proclama a fin de que nenas e nenos podan ter unha infancia feliz e gozar, no seu propio ben, e no da sociedade, dos dereitos e liberdades que nela se enuncian e insta aos proxenitores, aos homes e mulleres individualmente e ás organizacións particulares, autoridades locais e gobernos a que recoñezan estes dereitos e que loiten polas súa observancia con medidas lexislativas e doutra índole.

E no seu principio II establece que os nenos e nenas gozarán dunha protección especial e disporán de oportunidades e servizos, para que poidan desenrolarse física, mental, moral, espiritual e socialmente en forma saudable e normal, así como en condicións de liberdade e dignidade.

Son ou deberían ser algo máis que palabras acaídas.

Pasaron xa máis de 30 días sen que o goberno municipal co seu Alcalde á cabeza deran cumprida conta deste acordo plenario, seguindo a súa norma de conducta de obviar a vontade da corporación municipal que representa á veciñanza de Gondomar. Hai que volver subliñalo: este acordo foi tomado por unanimidade.

A participación do Concello de Gondomar co programa Vacacións en Paz vense realizando dende hai máis de 20 anos de xeito ininterrompido con todos os gobernos municipais, de diversa cor política, sen excepción. Vai ser este goberno quen se opoña a colaborar? Por acción ou omisión?

Rexeitamos profundamente esta actitude do goberno, máis preocupado polas cuchipandas e realidade virtual que polos temas sociais, educativos ou solidarios do noso concello.

Dende o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto exiximoslle á goberno municipal a que asinen xa o convenio e deixen de dar escusas inexistentes.

Gondomar, 31 de maio de 2017.

Asdo.: Pauliño do Río Iglesias.

Voceiro do Grupo Municipal de CABE.