27.4.17

Acto polo novo Centro de Saude en Borreiros

Hoxe xoves 27, ás 20,30 horas faremos un acto de presentación de campaña 

"POLO NOVO CENTRO DE SAÚDE" 

á veciñanza no Centro Cultural de Borreiros.


10.4.17

Inicio de campaña por un novo Centro de Saúde que cubra as necesidades de Gondomar.


Este venres, (07/04/2017) mediante unha comparecencia publica Gondomar Concello Aberto inicia unha campaña por un Novo Centro de Saúde que cubra as necesidades sanitarias de atención primaria de Gondomar.

Estaban na Mesa os representantes de CABE: Jimena Varela, Josué Villar, Rosa Pascual, Jesus Araujo e Pauliño del Río, acompañados pola parlamentaria Eva Solla responsable de En Marea da área de sanidade no Parlamento de Galiza. Jesus Araujo, médico otorrino no HAC e membro da Asemblea Galega en Defensa da Sanidade Pública foi quen explicou as principais liñas da campaña.

Despois de anos de retrasos, recortes e paralización do proxecto constructivo dun novo Centro de Saúde de Gondomar con data 13 de febreiro de 2017, DOG nº30 publica unha Resolución, da Axencia Galega de Infraestruturas, do 6 de febreiro de 2017, pola que se anuncia a licitación do Centro de Saúde de Gondomar. Orzamento base da licitación: 2.987.667,35€.

A construción do Centro levaba paralizada dende agosto do 2015, o que significou a perda dos fondos europeos para a súa construción (Fondos Feder Galicia 2007-2013) 

Esta nova licitación ten un aumento de 600.000 euros con respecto ao proxectado no 2014 pero as prestacións do servizo serán as mesmas: seis consultas de medicina xeneral y outras tantas de enfermería, un área de pediatría con 1 consulta médica y outra de enfermería, así como 1 consulta de matrona.

É un centro mal dimensionado e insuficiente que nace xa cun déficit dende o seu proxecto. Está previsto para unha poboación de 10.280 usuarios, cando segundo os datos oficiais do mes de abril deste ano do padrón municipal, Gondomar ten 16.085. É dicir un 56% máis de usuarios que os previstos no novo centro.

Na actualidade no Centro de Saúde ten 7 médicos de familia, 1 pediatra, 7 enfermeiras, 1 auxiliar de enfermería e 4 PSX/Aux.Adm e 1 Matrona.

A proposta do SERGAS para o Centro de saúde é : 6 médicos de familia (perdemos un con respecto ao que temos na actualidade), 1 pediatra (igual), 6 enfermeiras (perdemos 1 con respecto ao que temos), 1 Auxiliar de enfermería (igual) e 2 PSX/Aux.Adm. (perdemos 2 con respecto ao que temos). Matrona 1 (igual).

Ademais redúcese a superficie total , sobre una previsión de superficie construída de 1.565 m2 no proxecto do ano 2.009, pasase a una superficie de 1.039 m2. En total se reducen 526 m2, o 33,61% do total.

Tendo en conta os estándares de consenso para este tipo de centros de atención primaria que son:
  • Médic@s de familia 1/ por 1.250 usuarios.
  • Pediatría 1/ por cada 800.
  • Enfermería 1/1.250 usuarios.
  • PSX: 1/3.500 usuarios.
  • Matrona 1/ Servizo de atención primaria.
  • Fisioterapeutas 1/ 10.000-15.000
  • Traballador Social: 1/SAP.

A Gondomar lle corresponderían segundo estes estandares o seguinte cadro de persoal: 11 Médicos de familia, 3 pediatras, 13 de enfermería, 2 Auxiliares de enfermería e 5 PSX/Aux.Adm, 1 Matrona, 1 Traballador Social e 2 Fisioterapeutas.

Este cadro de persoal é o que vai reivindicar Gondomar Concello Aberto para o novo Centro de Saúde de Gondomar.

O pasado mes de marzo presentamos unha Moción ao Pleno da Corporación neste sentido, foi aprobada cos votos a prol de CABE e IxG, a abstención do Goberno (PSOE) e o voto en contra do PP e a non comparecencia no Pleno de MM.

Dende Gondomar Concello Aberto iniciaremos unha campaña de recollida de sinaturas para que a veciñanza de Gondomar participe e apoie esta iniciativa polo Novo Centro de Saúde, un centro que dea resposta a toda a poboación de Gondomar.

Asemade iniciaremos unha xeira de charlas polas parroquias para explicar onde estamos, o que queren facer e o que deberían facer que é o que necesitamos.

Ademais levaremos este tema ao Parlamento. En Marea rexistrará unha iniciativa no Parlamento de Galiza nesta mesma dirección.

Pensamos que non se pode investir nunha infraestrutura tan importante como a atención primaria cunha merma tan importante nos servizos como a que pretenden implantar. Non se pode proxectar un Centro de Saúde que xa nace obsoleto e con déficits evidentes e comprobables.

Un exemplo: En Gondomar hai na actualidade e se quere seguir mantendo 1 pediatra cunha poboación infantil de 0 a 15 anos de 2.212 nenos. No Concello de Nigran hai 3 pediatras cunha poboación infantil de 2.267. En Nigran a ratio é de 1/755, en Gondomar 1/2.212.

Polo que reivindicaremos un Novo Centro de Saúde máis grande que o proxectado actualmente, que será insuficiente e non cubrirá as necesidades actuais da poboación polo que reivindicamos 8 consultas de Medicina Xeral, 2 consultas de pediatría e 1 sala de rehabilitación. Con 11 médicos de familia, 3 pediatras, 13 enfermeiras, 2 Aux, de enfermería, 1 celador 5 PSX, 1 matrona, 1 traballador social e 2 fisioterapeutas.