23.6.17

Nota de Prensa sobre o Pleno Extraordinario de Aprobación de Núcleos.


Onte se celebrou no salón de Plenos a sesión Extraordinaria convocada pola oposición para tratar da delimitación dos núcleos rurais de Prado, San Roque da ELM Morgadáns e de Penalba en Mañufe, así como aprobar en debida forma o núcleo de Campo Grande, en Morgadáns, aprobado xa no Pleno de 26 de xaneiro de 2017.

Mentres o goberno municipal (PSOE e MM) seguen enredados na súa lea interna e se acusan mutuamente da perda de subvencións (que non so afecta a mellora da Prazas de Abastos, hai pouco perderon outra subvención, esta concedida, por valor de 70.000€ da mellora dun camiño en Cernadas, Vincios). Gondomar Concello Aberto traballa dende a oposición, non lle quedou outra, para solucionar os problemas da veciñanza, neste caso da problemática urbanística que dende hai 12 anos, dende a anulación do PXOM do 97 padecemos todos e todas en Gondomar.

CABE instou a convocatoria deste Pleno extraordinario por responsabilidade e coherencia, no convencemento que so dende o dialogo, a participación, a transparencia e a legalidade se pode lograr o consenso de todos os grupos políticos nun tema tan estratéxico e fundamental como é o urbanismo e o PXOM dun concello.

NUCLEOS DE PRADO, SAN ROQUE /MORGADANS E PENALBA (MAÑUFE)

De enorme gravidade pareceunos o comportamento do grupo de Goberno no Pleno ordinario de 1 de xuño ao empecinarse, conculcando a normativa, de non someter a votación a proposta de deixalos sobre a mesa para poder estudialos co rigor que require un instrumento de planeamento urbanístico e máxime en Gondomar.

A pesares da actitude irresponsable do goberno municipal, CABE procedeu a falar con grupos da oposición, pediu a documentación pertinente e solicitou xunto co resto da oposición a celebración dun Pleno Extraordinario. A solución, aínda que parcial, á problemática urbanística así o requiría. Demostrando coa nosa acción que lonxe de querer amolar ao goberno ou utilizar o urbanismo como arma política Gondomar Concello Aberto quería unha solución ditada dende a sensatez, o acordo e a legalidade.

NUCLEO DE CAMPO GRANDE/ MORGADANS.

Houbo que traer de novo este núcleo a pleno, esta vez a proposta da oposición porque na aprobación feita polo goberno municipal, en xaneiro e por urxencia, o Sr. Concelleiro de Urbanismo furtou información ao pleno cando dixo na sesión plenaria que o informe de Augas de Galiza acababa de chegar e que era “favorable, ningún problema” cando a realidade é que estaba condicionado a unha serie de modificacións, que non se levaron a Pleno.

Nin tan sequera se informou aos grupos que votamos a prol desa delimitación de núcleo. O que fixo o goberno foi enviar de forma unilateral o modificado á Xunta de Galiza, sen ser o órgano competente para aprobar esta modificación. A Xunta remitiu un escrito indicando que estas modificación deberían ser aprobadas polo Pleno.

O resultado desta práctica de facer urbanismo por parte do Sr.Arauxo é que se van perder nove meses na aprobación definitiva deste núcleo, case un ano.

A perxudicada foi a veciñanza que vai ter que esperar a ver resoltos os seus problemas, dende licenzas de primeira ocupación, ata expedientes de reposición da legalidade, mesmo execución de sentenzas xa ditadas polos xulgados. Era necesario este xeito de proceder por parte do goberno? A quen beneficiou? Dende logo aos veciños e veciñas non.

O Grupo municipal de Gondomar Concello Aberto actuou con seriedade e responsabilidade, sen excluír a ninguén na busca dunha solución aos problemas do urbanismo en Gondomar. O resultado deste proceder a vista esta.
  • No Pleno de onte aprobáronse por unanimidade as 4 propostas de delimitación de núcleos que levamos a Pleno.
  • Conseguiuse que a Comisión de Seguimento do PXOM se puxera de novo en marcha, logo de máis de medio ano sen convocar.

A solución definitiva aos problemas urbanísticos de Gondomar pasa pola elaboración dun novo PXOM do que, dende a aprobación da nova LOUGA que obrigaba a empezar de cero, nada sabemos. E do que esperamos que non se nos exclúa.

O resultado da coherencia, do dialogo, da transparencia e da legalidade é que os primeiros instrumentos de planeamento urbanísticos que se aproban por unanimidade na Corporación Municipal de Gondomar en décadas foron promovidos dende a oposición a instancia de CABE.

Gondomar, 22 de xuño de 2017.

Asdo.: Pauliño do Río Iglesias.

Voceiro do Grupo Municipal de CABE.