27.6.17

Nota de Prensa sobre o Uso do Galego


Ante o ataque á lingua galega e diante do ofrecemento de Galicia Bilingüe para recorrer as multas por non respectar os sinais so en galego de Gondomar, despois da denuncia efectuada pola Guardia Civil por mor do rotulo en galego de tres sinais de tráfico no noso concello, o grupo municipal de Gondomar Concello Aberto debe recordar que o artigo 5, apartado 1, do vixente Estatuto de Autonomía establece que “A lingua propia de Galicia é o galego”.

E no mesmo artigo apartado 3 dise que “Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento”.

No seu apartado 4, establece que Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

Todos os datos indican un retroceso alarmante no uso do galego a nivel cotiá en calquera dos ámbitos de uso da lingua. O Atlas da UNESCO das linguas do mundo en perigo de extinción inclúe ao galego. A redución do galego en materias de ensino é evidente, e a día de hoxe dáse o esperpento da prohibición de ensinar matemáticas en galego.

Que a estas alturas do século XXI, unha institución ou unha asociación denuncie un uso abusivo do galego en calquera ámbito da vida indica que ou non vive na realidade ou simplemente ten mala fe.

Para mais inri a defensa do idioma propio de Galiza, o galego, feito por este goberno municipal deixa bastante que desexar, mesmo no uso dos topónimos oficiais ou dos cartaces e sinais que se colocan nas rúas ou parques.

Veleiquí a modo de exemplo tres casos para a denuncia nos últimos 6 meses:


Decembro 2016: Esperabamos da asociación galegofóbica Galicia Bilingüe o mesmo ofrecemento na defensa da lingua galega cando o cartace de desvío de tráfico a “Morgadanes”, estivo durante case tres meses nas rúas de Gondomar,

incluso logo de ser tratado no Pleno da Corporación e da promesa do Sr. Alcalde de rectificar o topónimo de xeito inmediato, cousa que non fixo. Sorprendentemente Galicia Bilingüe ficou muda, a pesares da vulneración do dereito e do incumprimento da norma, a lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingü.stica, establece que a única forma oficial dos nomes dos lugares (topónimos) de Galicia é a galega.



Abril 2017: Asemade é un magoa que non estivera na defensa do idioma galego cando o sinal que indicaba, en perfecto español, o desvío da estrada en 600 metros que estivo no centro de Gondomar durante mes e medio polas obras da rúa Eduardo Iglesias. De novo a afonía de GB na defensa do idioma propio de Galiza.








Xuño 2017: Ou mesmo o cartace que hai menos de unha semana puxo o goberno municipal no adefesio de pista de deportes enfronte á xefatura da policía local, indicando o uso dunha serie de normas de seguridade, tamén única e exclusivamente en español. Onde están os dereitos dos nenas e nenos galego falantes?



Onde estaba daquela e hoxe a asociación supremacista da lingua española? Na defensa do galego, evidentemente non.

O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto rexeita de xeito rotundo estas actitudes racistas cara a lingua galega e pide o recoñecemento da normalidade do seu uso en todos os ámbitos.

Gondomar, 26 de xuño de 2017.
Asdo.: Pauliño do Río Iglesias.

Voceiro do Grupo Municipal de CABE.