27.6.18

Adxudicación a dedo de proxectos

O Sr. Alcalde ven de adxudicar a dedo máis de 25.000€ nun mes en proxectos sen cumprir os máis mínimos procedementos de contratación.

Estes proxectos son:
  • Elaboración prego prescricións técnicas licitación mantemento zonas verdes. Importe: 5.203,00€.
  • Redacción proxecto mellora pavimento camiño Barcalla (Donas). Importe: 7.187,40€.
  • Proxecto Reforma e pavimentación camiño Sequeiros dende PO-340 fase 1. Importe líquido: 8.379,25€.
  • Proxecto conexión rede pluviais transversal San Bieito a Párroco Mariño. Importe: 5.142,50€

Proxectos adxudicados a dedo e pagados previo levantamento por parte do Sr. Alcalde dos reparos e informes negativos dos técnicos municipais. Así queda acreditado nas resolucións postas a disposición do Pleno da Corporación municipal de Gondomar.

Preguntado por Gondomar Concello Aberto por esta forma de contratación nada contestou o Sr. Ferreira tan locuaz e dado a publicitarse, obviou as preguntas feitas a este respecto, tanto no pleno de maio como no pleno de xuño.

Estas adxudicación, totalmente arbitrarias, infrinxen a normativa de aplicación, xa que incumpren a Base de Execución nº 16 do Orzamento municipal que exixe obrigatoriamente pedir e xuntar tres ofertas (orzamentos) de provedores ao superar o gasto o importe de 3.000€. Omitiuse este trámite e se contratou de xeito improcedente e inmotivado por parte do Sr. Alcalde. Un dedazo de manual.
Incumpriuse ademais ao contratar estes proxectos o preceptuado nos artigos 23, 86 e 138 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público e o 72 do seu Regulamento, sobre os contratos menores e o seu uso de xeito fraudulento por parte da administración en canto a súa duración, contía e uso.

Por se isto fose pouco se incumpre tamén o artigo 62 do TRLCSP sobre a solvencia económica e financeira, profesional e técnica e  non queda acreditada a habilitación para contratar coa administración pública dos provedores.   

Revestido dun caudillismo exacerbado e coa filosofía de “as urnas me xulgaran” o Sr. Ferreira hai tempo que perdeu non so as formas senón tamén a legalidade na acción de goberno.

Por que se contrata deste xeito improcedente, abusivo e despótico impedindo a outras empresas e profesionais participar é algo que moitos en Gondomar se preguntan. A quen está beneficiando o Sr. Ferreira con este xeito de actuar e por que son preguntas que lexitimamente nos temos que facer e que requiren resposta.

O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto volverá preguntar ao Sr. Ferreira para que dea unha explicación, que esperamos que sexa motivada e coherente, deste xeito de contratar no próximo pleno ordinario.  De obter de novo a calada por resposta, CABE estudiara outras accións para cumprir coa súa obriga de fiscalizar a acción do goberno municipal.


        Gondomar, 25 de xuño de 2018.
        Pauliño del Rio Iglesias.
        Voceiro do Grupo Municipal de CABE.

Convocatoria de Asemblea Veciñal Extaordinaria o xoves 28 de xuño

Convócase Asemblea extraordinaria de Gondomar Concello Aberto,

Día: xoves, 28 de xuño
Primeira convocatoria: 20.45 horas
Segunda convocatoria 21,15
Lugar: local de CABE no CDL

Orde do día:

Punto único: Análise da situación e postura de CABE cara as próximas eleccións municipáis

11.6.18

Convocatoria de Asemblea Veciñal Ordinaria o mércores 13 de xuño

Convócase Asemblea ordinaria de Gondomar Concello Aberto,

Día: mércores, 13 de xuño
Primeira convocatoria: 20.45 horas
Segunda convocatoria 21,15
Lugar: local de CABE no CDL

Orde do día:
  1. Aprobación, se procede, de actas anteriores 
  2. Preparación do Pleno Municipal de Xuño
  3. Renovación da Mesa da Asemblea
  4. Rogos e preguntas

Limpeza e Adecentamento do Centro de Saúde de Gondomar

O actual Centro de Saúde de Gondomar, presenta unhas xeira de carencias , algunha graves, como son:
  • Ten uns dos ratios mais altos tanto de Médicos de Familia como en Pediatría. Na actualidade o centro non recolle a poboación con tarxeta  de Concello así parte da poboación esta a ser atendida no Centro de Saúde de Valmiñor. A poboación de Gondomar segundo o INE do 2016 ten unha poboación de  14.192 persoas , con unha poboación infantil menor de 15 anos de 2.064 persoas e de 12.128 adultos.
  • Presenta mala accesibilidade pola ausencia de aparcamentos e dificultades  de circulación rodada.
  • Si ben  a estrutura non é antiga, tódolos espazos están en uso e non ten posibilidades de crecer.
  • O arquivo esta repartido por diferentes dependencias.
Hai sete anos, o Consello da Xunta de 14 de outubro de 2010 aprobou a licitación do Centro de Saúde entre outros de Gondomar. Obra absolutamente necesaria para o noso concello, xa daquela. Aínda  hoxe está en construción e unha vez rematado non vai resolver moitas das necesidades asistenciais da poboación de Gondomar (pediatría, fisioterapia...), mentres os usuarios e usuarias seguen a ser atendidas no antigo edificio.

Este edificio presenta ademais das carencias citadas arriba un aspecto de descoido evidente. Na fachada principal vese claramente esta falla de interese, das diferentes administracións, a entrada esta sucia e chea de grafitis e cartaces, unha das luces da entrada está rota e o reloxo está cuberta de escrementos de paxaros. O aspecto non se corresponde en absoluto co que ten que transmitir un espazo público, máxime un Centro de Saúde.

Por todo ou anteriormente exposto o grupo municipal de Gondomar Concello Aberto presentará unha iniciativa no próximo pleno do mes de xuño a celebrar este xoves día 14 ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío coa seguinte proposta:

O Pleno do Concello de Gondomar insta á Administración competente (Xunta de Galiza –SERGAS, Concello de Gondomar) para que proceda ao adecentamento do Centro de Saúde na súa fachada principal, repoñendo os elementos de iluminación rotos, retire os cables á vista, restaure os elementos de madeira da entrada principal, eliminando grafitis e cartaces e limpando o reloxo.

Gondomar, 11 de xuño de 2018.       
Asdo.: Pauliño do Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de CABE.

 

4.6.18

Nota de Prensa: Segunda concentración por un Centro de Saúde que cubra as necesidades de toda a poboación de Gondomar


 
Que a actual estrutura que alberga a Unidade de Atención Primaria de Gondomar, Centro de Saúde,  é claramente insuficiente é un feito por todas constatado.  Polo que se fai imprescindible a construción dun novo centro de Atención Primaria, cun Plan Funcional e un programa de espazos que dea resposta as necesidades asistenciais actuais e poda acoller crecementos futuros. Non é o caso do novo Centro de Saúde programado.

As ratios comparativas así o poñen de manifesto, mentres en Nigran hai 1 medico cada 1.277 pacientes, en Gondomar se eleva a 1 cada 1.715, en Pediatría mentres que en Nigrán é de 1 por cada 755 nenos en Gondomar supera a tripla 1 para 2.267, en enfermería máis do mesmo mentres que no concello veciño é de 1 por 1.172 en Gondomar é de 1 por 2.027. Empeza a época das vacacións, empezaremos coas restricións e peche de consultas. A Xunta e o Concello parecen non concernidos por esta problemática. O Sr. Ferreira mofandose das concentracións e o Sr. Concelleiro dando a calada por resposta, non tivo a ben nin tan sequera contestar a solicitude de entrevista, avalada por 2.000 sinaturas.

Por todo isto Gondomar Concello Aberto convocou onte sábado unha nova concentración a prol dun Centro de Saúde digno para Gondomar que cubra as necesidades reais de asistencia sanitaria para toda a poboación. Non estamos dispostos a asumir os recortes da Sanidade Pública, nin imos asumir un Novo Centro de Saúde que vai nacer xa cun déficit asistencial e sanitario. Seguiremos.


                        Gondomar,  3 de xuño de 2018.
                        Pauliño D. del Río Iglesias.
                        Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.

1.6.18

Concentración o sábado pola mañá por un Centro de Saúde que cubra as necesidades de Gondomar

GONDOMAR CONCELLO ABERTO , está a realizar unha campaña para que a construción do novo Centro de Saúde recolla as necesidades e servizos que demanda Gondomar e con capacidade para atender a toda a súa poboación, con mocións no concello, recollida de firmas, solicitude de entrevista co Conselleiro de sanidade, etc.

O próximo Sábado día 2 de xuño, vamos facer unha concentración as 12 da maña, diante do Centro de Saúde actual.

Por este motivo, INVITAMOS a toda a cidadanía de Gondomar  a asistir a concentración, para conseguir o CENTRO DE SAÚDE que GONDOMAR NECESITA.