28.2.18

Nota de Prensa: A insensatez do Sr. Ferreira

O Sr. Alcalde incluíu na orde do día da sesión plenaria deste xoves, día 1 de marzo, "Os Pregos de claúsulas económico administrativas que rexerán a contratación da Reforma da Praza da Paradela". Montante da obra 800.000€.

Este expediente conta cos seguintes informes:
  • Informe de Patrimonio: que non autoriza as obras tal como están no proxecto. Existen unha serie de condicionantes que implican un Modificado do Proxecto aprobado polo Pleno en setembro.
  • Non consta a autorización da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.
  • Non existe a cesión, por parte da Xunta de Galiza, da estrada autonómica PO-340, requisito indispensable xa que a subvención concedida pola Deputación de Pontevedra precisa necesariamente que as obras se realicen sobre terreos de propiedade municipal ou cedidos ao concello.
  • Existe un requirimento da Deputación Provincial de Pontevedra para que se subsanen no proxecto técnico unha manchea de cuestións, entre outras : modificar partidas que afectan a descrición das mesmas para evitar marcas comerciais, incorporación dun estudio de seguridade e saúde valorado, xustificación do cumprimento de accesibilidade, estudio xeotécnico e outra serie de cuestións que afectan á memoria, presuposto e planos do proxecto. Modificacións non incluídas no expediente. O que pode levar á perda da subvención.
  • Informe do Arquitecto municipal onde se ratifica no informado no seu día sobre os trocos a realizar no proxecto e que non se fixeron. Implicaría tamén un modificado do Proxecto que non se fixo.
  • Informe de Reparo (desfavorable) da Intervención Municipal.
Con todos estes informes cuestionando os Pregos tal e como están a día de hoxe, sen modificación do Proxecto de Reforma da Praza (que incidiría en novos planos, nova memoria, distintas medicións e orzamentos), sen autorización da Xunta que impide a realización das obras, cun requirimento da propia administración concedente da subvención que vai financiar o proxecto para que se modifique o proxecto, con todo isto o Sr. Ferreira leva a Pleno este asunto nun acto de incomprensible irresponsabilidade.

Un proxecto de reforma da praza da Paradela e a súa contorna que realizou o Sr. Ferreira pola súa conta e risco sen consensuar con ninguén, nin resto dos grupos políticos municipais, nin veciñanza , nin profesionais ou comerciantes afectados. E que manifestou no Pleno de setembro que non pasaba nada que tempo habería antes dos pregos para consensuala. Ata hoxe.

Agora presenta ao Pleno deste xoves, 1 de marzo, uns Pregos que non cumpren os mínimos de legalidade e transparencia na acción de goberno. Non se pode estragar case un millón de euros de subvención pública por torpeza, ineficacia e falla de xestión. Non se poden aprobar uns Pregos dun contrato de 800.000€ levantando un reparo de legalidade debido a graves irregularidades manifestas.
 
O escándalo é de tal calibre que dende o grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto lle advertimos ao Sr. Alcalde que de persistir na aprobación destes Pregos nas condicións que constan no expediente municipal que se presentan ao Pleno non so botaremos en contra senón que levaríamos o asunto á Fiscalía.

Gondomar, 28 de novembro de 2018.
Asdo.: Pauliño do Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de CABE.

19.2.18

Nota de Prensa: Acondicionamento Camiños de Terra. Obras nas Parroquias Aprobadas polo Pleno da Corporación.

Por incrible que pareza aínda existen vivendas en Gondomar dentro dos núcleos rurais con camiños públicos de propiedade municipal cun firme de terra.

Dende o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto levamos neste mandato unha liña de actuación tendente a eliminar este anacronismo, por dicilo de xeito suave.

A Administración municipal está mandatada por lei a dar unha serie de servizos a toda a cidadanía. Entre estas competencias propias que veñen nidiamente reflexadas na Lei de Bases de réxime local, está o seu artigo 26.1. Os Concellos deberán prestar, en todo caso, os servizos seguintes:

a) En todos os Concellos: alumeado público, cemiterio, recollida de residuos, limpeza viaria, abastecemento domiciliario de auga potable, sumidoiros, acceso ao núcleos de poboación e pavimentación das vías públicas”

O goberno está obrigado a facelo, pero non o fai. O noso grupo municipal leva periodicamente propostas ao Pleno para que se remedie esta situación. As propostas son aprobadas, mesmo por unanimidade e logo non executadas polos responsables políticos do goberno municipal máis interesados na francachela e no escaparate que no benestar da cidadanía.

Mentres a veciñanza, usuaria destes camiños públicos, que tivo que solicitar e obter a preceptiva licenza de obras para construír a súa casa, que tivo que ceder parte do seu terreo ao concello para anchear ese camiño e gastar os cartos para facelo en documento notarial, e que paga escrupulosamente os seus impostos, contribución e imposto de rodaxe, entre eles, non teñen uns camiños públicos que reúnan os mínimos exixidos en canto a súa pavimentación e outros servizos.

E debemos lembrar que deben ser tratados coma calquera outro veciño ou veciña, viva nas parroquias ou no casco urbano, pola contra non teñen os mesmos servizos.

Está é unha situación intolerable á que hai que porlle remedio e sen dilación nin escusas. A que espera o goberno municipal? Seica o Sr.Alcalde non coñece a súa situación xa que preguntou no pasado Pleno ao noso grupo que lle indicaramos cales eran eses camiños, o que así fixemos. Tal vez o Sr. Ferreira debería andar algo máis polas parroquias do noso Concello.

Na sesión Plenaria do mes de febreiro, celebrada o pasado xoves, presentamos unha proposta de Acordo para que se pavimentaran eses camiños de terra. Foi aprobada por unanimidade.

Permanezan atentos ao facebook.


Gondomar, 19 de febreiro de 2018.
Asdo.: Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.

17.2.18

Nota de Prensa: Saneamento na Pedra, Morgadáns.

Dende hai cando menos 10 anos distintos gobernos municipais tentaron acometer o saneamento do barrio da Pedra, en Morgadáns, ata hoxe. Por un motivo ou por outro nunca se conseguiu levalo a cabo, moitas veces por falta de recursos.

Agora hainos e debemos de aproveitar esta oportunidade. O Plan de Obras e Servizos 2018-2019 da Deputación Provincial ten como especial novidade nesta edición que se establecen dúas anualidades para a Liña 1 (Investimentos), unha a correspondente ao exercicio 2018 destinándolle alomenos un mínimo do 67,87% ao capítulo de Investimentos, isto supón un montante de 658.195,41 €. E a outra ao exercicio do 2019, cunha cantidade de 697.438,60% que se pode facer efectivo este ano. A suma total das dúas anualidades é de 1.355.195,41€ para investimentos en Gondomar.

O proxecto está feito e orzamentado (350.000€). As autorizacións sectoriais favorables, e incluso os permisos dos terreos de particulares afectados feita. So está pendente de adxudicarlle os cartos e da vontade política para levalo a cabo.

Estamos a falar do saneamento dun dos barrios máis singulares que hai no concello de Gondomar e na parroquia de Morgadáns, cun valor histórico e patrimonial inmenso. Unha obra de especial importancia que xa se debeu de acometer a través do Plan de Reequilibrio territorial  feito pola Deputación de Pontevedra a mediados do ano pasado, destinado a subvencionar proxectos singulares e relevantes en concellos de menos de 20.000 habitantes. Non pareceu entendelo así o goberno municipal.

A oportunidade de facelo a través dun financiamento extraordinario da Deputación Provincial deixouse pasar, optando o goberno por un proxecto de reforma da praza da Paradela e a súa contorna sen consensuar con ninguén, nin resto dos grupos políticos municipais, nin veciñanza ou profesionais ou comerciantes afectados.

Dende Gondomar Concello Aberto si nos parece unha prioridade rematar o saneamento integral do noso concello e pensamos que non debíamos de perder, novamente, a oportunidade de facer esta infraestrutura tan necesaria para o benestar dos veciños e veciñas do barrio da Pedra, e para por en valor un dos poucos barrios de alto valor histórico e patrimonial que aínda existen do noso concello.
Tendo o proxecto, os informes sectoriais favorables, os permisos concedidos, so faltaba o orzamento e a vontade política,  polo que na sesión do Pleno de febreiro celebrado onte, o noso grupo municipal levou unha Moción pedindo a inclusión desta obra no Plan de Obras e Servizos 2018 - 2019. Foi aprobado por unanimidade. Esperamos que o goberno, que votou tamén a prol, cumpra este acordo Plenario e se leve a cabo obra tan demandada e necesaria.
As parroquias tamén existen.


    Gondomar, 16 de febreiro de 2018.
    Asdo.: Pauliño del Río Iglesias.
    Voceiro do Grupo Municipal Gondomar Concello Aberto
.

14.2.18

Nota de Prensa: Mantemento dos Centros de Ensino

Hai agora un ano, na sesión ordinario do Pleno da Corporación do 2 de febreiro de 2017, aprobouse por unanimidade unha Moción da nosa formación política para destinar 75.000€ ao mantemento dos colexios de infantil e primaria do noso Concello.

O goberno, co seu talante habitual de incumprimento dos acordos plenarios non fixo efectivo este acordo e destinou os cartos a outras prioridades, entre as que non se atopaban nin atopan os centros escolares (si outras como Anos do Conde, rotondas, mostradores, coellos, televisores, axendas e cousas variadas).

Un ano despois o mantemento dos centros escolares seguen na mesma ou peor situación. Algúns exemplos: O CEIP de Souto Donas xa alertou da situación do tellado e o seu beirís nun Consello Escolar de data 1 de febreiro de 2017, agora hai que porlle unha rede para que non caian os cachotes. No CEIP Serra Vincios os baños e os vestiarios seguen a estar nun estado lamentable, o comedor quedou pequeno para poder atender a demanda , etc. Outro tanto poderiamos falar do restos dos centros de infantil e primaria.

E non é un problema de cartos, que os hai, senón de prioridades, e a calidade no mantemento dos centros escolares non está entre elas. A vontade e as gañas de mellorar e falar coa comunidade educativa para avanzar entre tod@s, tampouco. As veces abondaría con ir aos Consellos Escolares e escoitalos.

As competencias no Concello nesta materia están establecidas na Lei de Bases de réxime Local no seu artigo 25 apartado 2 "O Concello exercerá en todo caso como competencias propias, nos termos da lexislación do estado e das Comunidades Autónomas, nas seguintes materias:
Letra f) A conservación, mantemento e vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil, educación primaria ou de educación especial."
E son claras e delimitadas despois do Acordo Marco entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o desenvolvemento do pacto local en materia de educación en relación cos centro públicos, asinado en Santiago de Compostela, a 9 de xaneiro de 2008, na sede da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

O Plan Concellos 2018, xa está publicado e está na fase de que os Concellos fagan as propostas de gasto á Deputación.

A totalidade dos Centros escolares de Primaria e Infantil do noso concello remiten todos os cursos escolares e periodicamente as súas necesidades e carencias ao goberno municipal para que as atenda no ámbito das súas competencias. Moitas destas necesidades quedan sen ser atendidas, entre outras cousas por falla de orzamento municipal.

Neste 2018 o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto mantén a súa aposta polo ensino público e de novo levará ao Pleno deste mes de febreiro unha proposta para que dos cartos destinados pola Deputación de Pontevedra ao Concello de Gondomar no Plan de Obras e Servizos 2018 (1 millón de euros) se lle dedique unha partida exclusivamente aos Centro Educativos e as súas necesidades, que son moitas e necesarias.

Proporemos no Pleno de febreiro deste xoves día 15 no Audotorio Lois Tobío que se tome o acorde de que

A Administración Local de Gondomar destinará, a conta do Plan Concellos 2018, un mínimo de 75.000€ para o mantemento e conservación dos Colexios de Infantil e Primaria Públicos do noso termo municipal. Está cantidade será independente da destinada a este fin no orzamento municipal.

A prioridade das necesidades en mantemento e conservación dos centros citados serán consensuadas entre o Concello e a Comunidade educativa dos mesmos.

Que o Sr. Alcalde dará conta a este Pleno do resultado desta Moción.

Veremos se desta vai ou seguen poñendo escusas.


        Gondomar, 14 de xaneiro de 2018.       
        Asdo.: Pauliño del Río Iglesias.
        Voceiro do Grupo Municipal de CABE.

13.2.18

Nota de Prensa: Liberalización da Peaxe na Autoestrada AG-57 Vigo-Baiona.

O Grupo municipal de Gondomar Concello Aberto presentou unha proposta de acordo pedindo a supresión da peaxe da Autoestrada do Val Miñor AG 57, tanto no próximo pleno ordinario do mes de febreiro no Concello de Gondomar como no próximo Pleno da Mancomunidade do Val Miñor.

Esta autoestrada que comunica ao Val Miñor  (Baiona, Nigrán e Gondomar) e da servizo tamén aos concellos do Baixo Miño ( O Rosal, A Guarda, Tomiño, Tui e Oia) coa cidade de Vigo, a Universidade ou Porriño. Estamos a falar de máis de 100.000 habitantes que se poden facilmente duplicar en períodos estivais.

Dende a súa inauguración o 24 de maio de 1.999, vai para 17 anos, e en distintas etapas, practicamente todos  os grupos políticos do Val Miñor xunto con diversos e múltiples colectivos veciñais, sociais e empresariais,  pediron que está tramo da rede viaria quedara libre da peaxe.

Xa toca e non cabe esperar. Esta Autoestrada AG-57 é de titularidade autonómica, da Xunta de Galiza. Suprimida a peaxe no tramo do Morrazo e máis recentemente o de Redondela (de titularidade estatal), debemos de novo incidir na supresión da peaxe da AG-57.

Polos seguintes motivos:
Porque está a ser infrautilizada e non cumpre coa súa función primordial que é a de ser a circunvalación dos tramos urbanos de Gondomar, Nigrán e Baiona.

Porque evitaría moitos dos atascos e accidentes que debido á densidade de tráfico no Val Miñor cara a Vigo e ao contrario se producen acotío. (Claro exemplo o temos agora co Plan de seguridade da estrada PO 331 ao seu paso por Vincios por mor dos puntos negros e repetidos accidentes (densidade diaria de tráfico entre 10.000 e 15.000 vehículos por día.)

Porque a eliminación da peaxe suporía o aforro en diversas infraestruturas que debido á negativa do goberno autonómico para liberalizar o seu uso, preténdense realizar como alternativa ao conxestionado tráfico da bisbarra do Val Miñor.  A alternativa xa está feita e chamase autoestrada AG-57.

Unha demanda xusta e asumida e reinvindicada como tal polo conxunto da poboación do Val Miñor.  Polo que dende Gondomar Concello Aberto levaremos ao Pleno do Concello de  Gondomar e ao Pleno da Mancomunidade do Val Miñor, a exixencia da retirada da Peaxe da Autoestrada AG 57 e que se remita a proposta aos concellos de Nigrán e Baiona para que adopten, se así o estiman, un acordo no mesmo senso.


    Gondomar, a 12 de febreiro de 2018.
    Asdo.: Pauliño del Río Iglesias.
    Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.


Nota de Prensa: Retirada do Proxecto de Seguridade PO 331 ao seu paso por Vincios


No pasado mes de xaneiro aprobouse por unanimidade solicitar da Axencia Galega de Infraestructuras prorrogar por dous meses o prazo de exposición pública do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria no contorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-331, p.q. 11+200 a 14+600, de clave PO/17/137.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados.
A resposta da Xunta xa está en mans da Administración municipal denega a ampliación do prazo.
Diante desta negativa e da evidencia que este Plan de seguridade viaria está feito sen coñecer o territorio sobre o que se actúa e esta feito cunha concepción que prioriza a entrada e saída dos vehículos na parroquia de Vincios en vez de integrar este tramo como un tramo urbano urbanizado con limitacións de velocidade, pasos de peóns, rede semafórica e beirarrúas. É dicir faise un Vincios para os coches en vez de un Vincios para a xente.
Un plan tan disparatado que impediría o paso de autobuses escolares e outros vehículos polo estrada que vai a Chandebrito, tanto cara a Gondomar polo valado e o peralte da estrada como cando se suba, xa que estaría prohibido xirar á esquerda. Este plan tamén impediría á entrada e saídas de material ao aserradoiro, co que esta empresa  tería que pechar a súa actividade, por poñer so dous un exemplo e non reiterar os casos coñecidos e postos enriba da mesa por distintos colectivos (prohibir todos os xiros á esquerda, dificultar a entrada e saída ao Centro Veciñal de Vincios, Escola de Música, CEIP Serra Vincios, torreiro..., ou eliminación de pasos de peóns, ou a creación de raquetas  de xiro que crearían máis problemas que os actuais, etc).
Unha estrada pola que circulan entre 10.000 e 15.000 vehículos diarios, o que indica tamén a importancia de apostar por un transporte público que sexa eficaz para comunicar o Val Miñor co Vigo ou coa Universidade e que hai que seguir reivindicando, e que sacaría unha parte importante dos vehículos que circulan por esta vía.
Tendo en conta, ademais a entrevista mantida polo Sr. Alcalde co Director Xeral da Axencia Galega de Infraestructuras, o Delegado da Xunta e técnicos da Xunta e polo que o grupo municipal de Gondomar Concello Aberto levara ao Pleno ordinario do mes de febreiro, a celebrar este xoves, dia 15 ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío, unha Moción coa seguinte proposta de Acordo:

O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar insta á Xunta de Galiza:
A retirada do actual Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria no contorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-331, p.q. 11+200 a 14+600, de clave PO/17/137.06. 
Que a Axencia Galega de Infraestructuras ou organismo competente da Xunta de Galiza elabore outro documento que presentará ao Concello e aos distintos colectivos veciñais da parroquia de Vincios para o seu consenso.
Que este documento se someta a un novo período de exposición pública.
 
Gondomar, 12 de febreiro de 2018
Asdo:Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.

5.2.18

Convocatoria de Asemblea Veciñal o día 8 de febreiro

Convócase Asamblea Ordinaria de Gondomar Concello Aberto,
Día: xoves, día 8 de febreiro
Primeira convocatoria: 20.45 horas
Segunda convocatoria 21,15
Lugar: local de CABE no CDL

Orde do día: 
  • Lectura e aprobación, se procede, de actas anteriores 
  • Modificación da estrada de Vincios: análise e accións a a levar a cabo. 
  • Centro de saúde: estado e próximas accións.
  • Recollida de sinaturas da iniciativa popular para a creación dun parque de bombeiros no Val Miñor
  • Renovación da mesa da asemblea
  • Rogos e preguntas