24.11.16

Nota de Prensa sobre a falta de políticas municipais serias no ámbito da violencia machista

Tras un ano e medio no goberno, o bipartito de Gondomar segue sen convocar o Consello Municipal de Muller, a pesar das preguntas de CABE no Pleno ao respecto, e segue sen presentar a avaliación do III Plan de Igualdade 2012-2015, polo que a participación e o seguimento das políticas de igualdade, non só de parte da Corporación senón da sociedade civil, non existen.

Qué loita contra a violencia de xénero conmemora un goberno que non cumple nin sequera os seu propio Plan de Igualdade (que por certo, é o do goberno anterior prorrogado, porque un plan novo, según o Alcalde, “costaba moitos cartos”)? Non se presentou a avalación anual prevista no mesmo, nin a finais do 2015, nin parece que se vaia a facer no 2016.

Dende Gondomar Concello Aberto esiximos que, máis alá dos actos puntuais, as políticas contra a violencia machista sexan unha prioridade durante todo o ano no Concello de Gondomar. As mulleres non queremos nin necesitamos que nos solten globos na nosa honra nin que nos dediquen luces de Nadal, como fai o Concello de Gondomar no Día Internacional contra as Violencias Machistas.

Necesitamos que non nos asasinen, que non nos maltraten, que non nos violen.
Necesitamos formación contra o machismo na infancia e na adolescencia, necesitamos servizos públicos de calidade, necesitamos políticas de conciliación, necesitamos e esiximos ao goberno de Gondomar que nos faga partícipes das decisións e das políticas de igualdade municipais.

Gondomar, 23 de novembro de 2016.
Jimena Varela
Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto

Concentración convocada pola Marcha Mundial das Mulleres polo 25N



Nota de Prensa sobre a incomparecencia dos grupos do goberno municipal na Xunta de Voceiros

Mediante escrito do Concello de Gondomar de data 11.11.2016 fomos convocados polo goberno a unha Xunta de Voceiros a celebrar este pasado xoves día 17 na Sala de Xuntas do Concello de Gondomar.

A devandita Xunta de Voceiros, tiña como orde do día os seguintes puntos:

  1. Data da celebración Pleno de decembro.
  2. Adhesión convenio de transportes metropolitano.
  3. Procedemento de presentación de mocións.
  4. Información sobre o Proxecto Sectorial de A Pasaxe.

Ningún membro dos grupos municipais que integran o goberno asistiu á devandita Xunta. Incomparecencia inxustificada e inxustificable. Para máis inri na propia convocatoria puña “en caso de non poder acudir o comunique para poder escusalo”. Tremendo.

Resulta escandaloso que quen convoca unha xuntanza non compareza na mesma, nin tan sequera dea algunha explicación da súa ausencia, mesmo cando existe a posibilidade da súa substitución por outros representantes dos seus grupos políticos.

Ou considera o Sr. Alcalde que os temas a tratar e polo que convocou ao resto dos partidos (Transporte metropolitano ou a Ordenación do Polígono industrial da Pasaxe) non son temas transcendentes e importantes para o Concello de Gondomar. Logo virán coa milonga do consenso. Ou tal vez pretenda o Sr.Ferreira a celebración da Xunta de Voceiros vía facebook.

Esta espantada dos voceiros dos grupos do goberno ven demostrar, unha vez máis, a falla de control e de xestión da administración pública que pretendidamente dirixen. Unha mostra máis do desprezo que o actual goberno, co Sr.Alcalde á cabeza, teñen polo traballo e o tempo do resto da Corporación municipal, que tamén representan á cidadanía de Gondomar.

Dende o grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto exiximoslle ao Sr.Alcalde un mínimo de respecto institucional á Corporación que representa.

Gondomar, 18 de novembro de 2016.
Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.

14.11.16

Convocatorio do Grupo de Traballo de Participación Cidada o 16 de novembro de 2016

Convócase Grupo de Traballo Municipal de Participación para este Mércores 16 de Novembro ás 21:00h na sede de Gondomar CABE sita no CDL de Gondomar.
Orde do día:
  1. Lectura do borrador da alegación ao Regulamento de Participación Veciñal por parte do Concelleiro.
  2. Propostas de corrección, eliminación e/ou sustitución dos diferentes enunciados do borrador.
  3. Propostas.

Charla sobre Axudas Sociais en Nigrán o 18 de novembro


13.11.16

Mocións presentadas por CABE ao Pleno ordinario do mes de novembro

Mocións presentadas por CABE ao Pleno ordinario do mes de novembro:

  1. Moción pola derrogación das reválidas
  2. Moción para a creación de hortas comunitarias
  3. Moción para a solicitude da subvención do fondo de compensación ambiental 2017
  4. Moción de apoio ás reivindicacións das traballadoras e traballadores de Extel 

Xuntanza aberta para a formación de En Marea Gondomar

O vindeiro martes 15 de Novembro celebrarase unha xuntanza previa aberta para a formación de En Marea Gondomar.
Lugar: Cafetería Píntega de Gondomar.
Hora: 20,00

Análise e conclusións do Grupo de Traballo Infancia de CABE sobre o equipamento dos parques infantís do concello

O grupo de traballo Infancia de Cabe ten adicado as súas primeiras reunións a analizar os equipamentos dos parques infantís do noso concello xa que consideramos que o xogo é imprescindible para o desenvolvemento dos nenos e nenas e así esta recollido na carta dos dereitos da infancia.
Unha vez analizados os vinte parques que coñecemos, as condicións son moi diversas polo que se pode deducir que non se teñen establecidas unhas condicións mínimas para todos.
O mantemento é escaso ou nulo, excepto no Centro Cultural de Vilaza, o que supón que se vaian deteriorando as instalacións e se incrementen os riscos para os cativos.
Unha vez que se constrúen quedan estáticos sen que se introduzan novos elementos, se modifiquen os existentes ou se introduzan melloras no contorno.
Hai que subliñar que en ningún dos parques existentes existe nin un so elemento adaptado para criaturas con dificultades ou moi pequenas.
Consideramos que se deben establecer uns criterios de mellora para todos eles nos que se contemple:

  • Os elementos de xogo a proporcionar aos nenos e nenas, non teñen por que ser os mesmos en todos os parques.
  • O mobiliario urbano para acompañar estas instalacións (papeleiras, asentos, fontes de auga potable,...)
  • O control do acceso de animais.
  • As árbores que doten de sombra, cales son as máis axeitadas. Incrementar a plantación das mesmas, cuidalas para que ofrezan a sombra que se pretende con podas adecuadas e non facendo trasmochados que firan ás árbores e impidan o seu crecemento en boas condicións.
  • O mantemento cunha periodicidade establecida que evite riscos aos nenos e nenas.
  • A modificación e introdución de elementos que enriquezan as experiencias das crianzas.
Ademais pensamos que se debe buscar un novo xeito de entender estes espazos polo que se debería propor un concurso entre profesionais locais para o deseño e construción actual dun parque infantil que supoña un espazo de ocio e crecemento onde os nenos e nenas poidan xogar e experimentar en liberdade.