31.5.16

Organización e planificación da campaña electoral

A Mesa de CABE, segundo se acordou en Asemblea ordinaria do día 20 de maio, convoca unha reunión o próximo día 3 de xuño ás 20:00h no Centro Neural (se houbese algún cambio informaríase do novo lugar de reunión), cun único punto na orde de día:

OBXECTO: Organización e planificación da campaña electoral que realizará En Marea sobre as Eleccións Xerais que se celebrará o próximo día 26 de Xuño.
  • LUGAR: Centro Neural (salvo novo aviso)
  • DÍA E HORA: Venres 3 de xuño ás 20:00h 
  • ROGO: Rógase a maior asistencia posible de tod@s para repartir o traballo xustamente

20.5.16

Asemblea de Gondomar Concello Aberto 0 20 de maio

Convócase Asemblea de Gondomar Concello Aberto para o próximo venres día 20 ás 20.45 na Casa da Cultura de Gondomar coa seguinte orden do día:

1. Aprobación se procede da acta anterior.
2. Información da Intermareal (Votación se CABE entra na mesma e en caso afirmativo elección representantes)
3. Plan de actuación de CABE ante a nova situación.
4. Alegacións Plan Sectorial da Pasaxe.
5. Información do grupo de Comunicación.
6. Rolda de intervencións libres.
7. Renovación de dous membros da mesa

7.5.16

Resumo do pleno ordinario do 5 de maio

Pauliño del Río, voceiro do Grupo municipal de CABE, resumíu o tratado no Pleno ordinario do cinco de maio.


Pleno Ordinario Maio 2016. Celebrado onte, día 5 no Auditorio Lois Tobío, as 20:00h.
Duración do mesmo 02:30 horas.
Propostas do Goberno

-Convenio de Colaboración entre a Deputación e o Concello para a retirada dos vehículos usados.
Aprobado por unanimidade.

-Aprobación inicial da Ordenanza de aparcamento limitado. Rexeitada.
Votos a prol: 7  PSOE e MM.
Votos en contra: 10 CABE, PP e IxG.
Gondomar Concello Aberto, anunciou e votou en contra dunha Ordenanza baseada nunha Lei de tráfico obsoleta, derrogada e que non está en vigor. Di moito da inacción e pasotismo deste goberno polos asuntos públicos a presentación para aprobación inicial dunha Ordenanza municipal xa caduca e ineficaz dende o seu inicio.  Máxime, que advertido do motivo e dándolle a oportunidade de facelo correctamente, se empeñen no erro por pura arrogancia. E xa non entramos nos motivos de fondo dunha ordenanza arbitraria, con importes absolutamente desproporcionados nas sancións pecuniarias ou na discrecionalidade absoluta nas medidas cautelares (inmobilización e retirada da vía pública dos vehículos).

Propostas da Oposición

-Moción do IxG (1) Colocación de marquesiñas na parroquia de Couso. Aprobado por unanimidade.

Mocións de CABE (4) )

DECLARAR A GONDOMAR VILA LIBRE DE CIRCOS CON ANIMAIS. 
Un importante número de países e vilas de todo o mundo xa vetaron o uso de animais nos circos en base a súa protección e benestar, ao considerar que a súa exhibición e condicións de vida supoñen unha crueldade, ao mesmo tempo que incrementan o tráfico ilegal de animais e caza furtiva de especies protexidas. Gondomar únese agora a esa rede e será un Concello libre de circos con animais, que non autorice, promova ou ampare a instalación deste circos con animais e que non permita publicidade de  espectáculos circenses.  Aprobase por maioría
Votos a prol:  14 CABE, MM, PSOE e PP
Abstención:   3 IxG.

SEGURIDADE NA ESTRADA PO331.
Estrada de titularidade autonómica que, dende os Arcos ao Polígono da Pasaxe descorre polo núcleo urbano de Vincios densamente poboado, estrada que se pode considerar unha travesía urbana e pola que descorren a diario 8.600 vehículos (segundo a Memoria de Tráfico do ano 2015). 
Neste núcleo prodúcense situacións de perigo a diario para os que teñen que cruzar esta vía, e hai algúns pasos de peóns que na actualidade non dan unha resposta adecuada e satisfactoria á seguridade dos mesmos. É o caso do paso de peóns que esta á altura da ferretería Vincios, onde a un e outro lada da estrada hai paradas de autobuses, que son utilizadas tamén para o transporte escolar, tanto do alumnado do CEIP Serra Vincios como dos que se desprazan ao centro da Vila para ir aos institutos IES Terra de Turonio e IES Auga da Laxe. 
Sabendo da preocupación da veciñanza de Vincios por esta situación (as nove entidade veciñais, de toda índole existentes na parroquia, teñen remitido escritos ao Concello e á Estradas da Xunta) como da toma en consideración da administración para resolver este problema que  sen embargo segue sen facerse e dado que a situación actual non permite garantir a seguridade dos escolares como da veciñanza usuaria da vía solicitamos dirixirnos á Administración autonómica para que solucione este asunto implementando as medidas técnicas e normativas necesarias.
Aprobada por unanimidade.

TRANSPORTE INTERURBANO EN GONDOMAR. 
Hai unha nova situación creada no transporte interurbano na Galiza polo fallo do Tribunal Supremo que anula a prorroga das concesións feita pola Xunta ás empresas de transporte. Prórroga dada en contra da normativa comunitaria (de obrigado cumprimento). 
A aprobación en 2010 desta prórroga exprés, agora anulada, xa fora contravertida, fíxose sen o ditame do Comité Galego de Transportes, nin do Consello Económico e Social, sen a súa remisión a outras consellerías (mesmo da de Educación e iso que tamén afectaba ao transporte escolar) e cunha tramitación parlamentar en lectura única sen posibilidade de emendas parcial . 
Esta sentencia incide de xeito directo no noso Concello e no conflito e problemática do transporte de viaxeiros en Gondomar (as empresas concesionarias estaban personadas na causa) Conflito que dende hai décadas afecta aos veciños e veciñas de Gondomar usuarios deste servizo esencial e que teñen que sufrir o esperpento de terse que baixar en Mañufe en vez de na estación de autobuses ou non poden ir máis aló dda Florida en Vigo. 
O Pleno acordou solicitar da Xunta de Galiza información sobre como afecta esta sentenza ao transporte interurbano en Gondomar, a situación das liñas e concesións ou se se vai producir unha nova licitación. Para isto solicitamos unha xuntanza entre a Xunta e os representantes da Corporación Municipal de Gondomar para abordar este tema e porlle solución. Debemos ver esta sentenza como unha xanela de oportunidade para resolver este conflicto absurdo e enquistado no tempo.
Apróbase por unanimidade.

USO DO CENTRO NEURAL. 
Despois do traslado da Policía Local a determinadas dependencias do  Centro Neural, o actual goberno impide a celebración de actos cidadáns e políticos na sala multiusos , como sempre se fixo. A maiores o antigo salón de Plenos da Casa de Cultura foi dividido e destinado a arquivo e futura aula de formación, polo que tampouco se pode usar. Deste xeito dos dous locais que tiña o concello para realizar cidadáns actos cidadáns quedamos sen ningún. Non parece razonable nin de sentido común privar á veciñanza de locais para actos ou asembleas. 
O acordo tomado é que a sala multiusos do Centro Neural estará ao servizo da cidadanía de Gondomar e seguirá tendo entre os seus cometidos o seu uso para xuntanzas veciñais e cidadáns, incluídas ás das formación políticas, a fin de fomentar e facilitar a participación de todos e todas na vida política, económica, cultural e social do noso Concello. 
Apróbase por unanimidade.

Na quenda de rogos e preguntas o Sr.Alcalde en vez de contestalas no Pleno, como era habitual remitiuse a que as contestaría por escrito. Onde quedou a transparencia, a participación e facer do Pleno o centro da vida política de Gondomar? 

Gondomar,  6 de maio de 2016
Pauliño del Río Iglesias.

Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.

3.5.16

Mocións e convocatoria do pleno o 5 de maio

Para o xoves, 5 de maio, ás 20:00 horas, está convocado pleno no Auditorio Lois Tobío. A orde do día e que figura abaixo. CABE presentará a seguintes mocións:

Mocións

Orde do día
  1. Aprobación da renovación do Convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Gondomar para o servizo de recollida de vehículos abandonados e o seu posterior tratamento.
  2. Aprobación inicial da modificación da Ordenanza reguladora do estacionamento limitado e gratuíto (zona azul).
  3. Fiscalización e control dos órganos de goberno: Dación de conta das Resolucións.
  4. Mocións.
  5. Rogos e preguntas.