31.1.17

Concentración en A Ramallosa contra os asasinatos machistas

Ante outro asasinato machista, o de Virginia F. no Carballiño, convócase de novo unha concentración no Val Miñor como xeito de repulsa e para berrar unha vez máis que O MACHISMO MATA!!
Será o vindeiro Mércores 01 de Febreiro ás 20:00 h. na Ramallosa.
Agradécese acudir vestidas de negro.


24.1.17

Convocatoria de Asamblea Veciñal o 28 de xaneiro

A Mesa convoca asemblea extraordinaria o vindeiro sábado 28 de xaneiro ás 19:00 (en primeira convocatoria) no Centro Neural (segunda convocatoria, sen quorum, ás 19:30), coa seguinte orde do día:

1.- Lectura e aprobación, se procede, das actas das asembleas anteriores.
2.- Información municipal.
3.- Cuestións varias de organización:
      -Renovación da mesa (e proposta de "grupo de mesa").
      -Axeitamento á lei vixente.
      -Comisión de contas. Información (e integración de novos compoñentes).
      -Propostas sobre transparencia.
      -Boletín de CABE. Proposta do grupo de comunicación.
4.-, Proposta de integración de CABE na plataforma anti-TTIP.
5.- CABE e En Marea: Información xuntanza con Luis Villares. Decisións.
6.- Preguntas, suxestións e outros temas.


Nota de Prensa sobre desperdicio de auga por parte do Concello

Mentres Augas de Galicia activaba o día 12 deste mes a prealerta por seca na demarcación hidrolóxica Galicia-Costa ante a falla de choivas e o baixo nivel de ríos e encoros por estar nun nivel moi inferior ao normal nesta altura do ano. Por exemplo o embalse de Zamáns está nun 70% da súa capacidade en pleno mes de xaneiro e o de Eiras está nun 80%, cando o habitual nesta época do ano e que estean ao 100%.

Mentres a Axencia Galega de Emerxencia, a Consellaría do Medio Rural, Meteogalicia e Augas de Galicia mantiveron unha xuntanza de coordinación no día de onte onde insistiron na necesidade de moderar o consumo de auga e realizar un uso responsable deste recurso.

Cando a situación metereolóxica atípica dos últimos meses está a provocar que os sistemas hídricos naturais (ríos e acuíferos naturais) non recarguen como sería de esperar e non se produce o almacenamento para unha maior reserva das augas na época estival.

O goberno municipal de Gondomar adícase dende hai cando menos 15 días a baldear as rúas do casco urbano de vila, nun exercicio disparatado de desperdicio de auga.

Cando de todos é sabido que un dos grandes déficits estruturais do noso termo municipal (xunto co saneamento) é a falla de subministro de auga corrente municipal, máis da metade das vivendas do noso concello carecen deste subministro municipal e se teñen que servir das traídas veciñais privadas que existen nas parroquias, ou da auga dos pozos.

E cando levamos escoitando dende sempre que o problema que hai que resolver para solucionar este déficit é que non hai auga dabondo para abastecer a totalidade do subministro municipal, o goberno municipal baldea as rúas en pleno inverno.

Unha vez máis este goberno municipal exemplifica o que non hai que facer e inasequible ao desalento está a estragar un recurso escaso e vital. Logo, dentro duns meses, como cada ano polo vran, emitirán un bando pedíndolle á cidadanía un consumo responsable da auga.

Dende o grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto preguntaremos por este tema no próximo Pleno.

Gondomar, 20 de xaneiro de 2017
Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.

17.1.17

Nota de Prensa sobre a Taxa da Rede Sumidoiros

O período de pago para a Taxa da Rede Sumidoiros, do Concello de Gondomar, vai dende o 16 de novembro de 2016 ao 16 de xaneiro de 2017.

O normal é que antes de que empece este período de pago os contribuíntes reciban nos seus domicilios tributarios o recibo para proceder ao seu pago no devandito período nas contas das entidades bancarias habilitadas a este efecto polo Concello de Gondomar.

Transcorrido este prazo de pago, período voluntario, iniciarase o procedemento executivo de prema, de conformidade coas disposicións establecidas no vixente Regulamento Xeral de Recadación, procedéndose ao cobro das cotas tributarias que non foran satisfeitas, con recargo de prema, xuros de demora e as costas que procedan.

Pois ben, os veciños e veciñas de Gondomar están a recibir nesta semana os recibos para o pago da devantida taxa de Rede Sumidoiros, cando restan menos de 5 días para o peche do período de pago voluntario (16/01/2017). Son máis de dous mil os contribuíntes afectados. O que está a producir un malestar xeralizado cando reciben a comunicación da obrigación do pago e ven o tempo que lles queda para pagar o recibo. Mesmo hai contribuíntes que non recibiron a comunicación a día de hoxe.

Este retraso na notificación dos recibos en ningún caso debe ser imputado aos veciños e veciñas afectados polo que non poden verse de ningún xeitos perxudicados se non poden pagar, polos motivos que sexan, neste período de pago voluntario ordinario e moito menos que teñan que pagar un recargo de prema, xuros de demora ou costas que procedan.

É por este motivo que o grupo municipal de Gondomar Concello Aberto solicita ao Goberno Municipal que se amplíe o prazo de cobro voluntario desta taxa como mínimo nun mes para poder satisfacer o pago do imposto, que se emita a correspondente Resolución da Alcaldía ao efecto, e se publicite a ampliación do prazo mediante un bando da Alcaldía e nun sitio preferente na páxina web do Concello de Gondomar, ou por calquera outro medio que o goberno estime pertinente para darlle a publicidade necesaria a esta medida para que sexa de xeral coñecemento pola cidadanía.

Gondomar, 11 de xaneiro de 2017.

Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal Gondomar Concello Aberto.

Convocatoria de Asamblea Veciñal o 19 de xaneiro

A Mesa convoca asemblea extraordinaria o vindeiro xoves 19 de xaneiro ás 21,30 no local de Cabe no CDL cun uúnico punto na orde do día:

- Relación Cabe - En Marea