25.10.17

Nota de Prensa sobre a situación do GES do Val Miñor

A Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, integra aos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, e espállase nun territorio de 145,2 km cadrados dos que 34,9 pertencen a Nigrán, 34,4 a Baiona e 74,5 a Gondomar.
Na actualidade habitan esta mancomunidade preto de 45.000 habitantes, chegando aos 100.000 residentes nos meses do verán.
A dispersión e a grande extensión do seu territorio, complican a atención ás emerxencias, e o tempo de resposta é fundamental.
Logo da vaga de incendios da fin de semana do 14 e 15 deste mes e da situación de caos, de ausencia de medios, de falta de protocolos de actuacións e de carencia de brigadistas e bombeiros. Logo da alarma xerada e da constatación de que estamos unha vez máis vendidos por falla de xestión das administracións competentes. De constatar unha vez máis, como no Prestige, que ante unha catástrofe o estado desaparece e actúa a xente do común. Seguimos nas mesmas.
Agora veñen as promesas, pero imponse a realidade. Despois de todo o acontecido, no Grupo de Emerxencias Supramunicipais do Val Miñor (GES) segue coas mesmas carencias, nesta semana que andamos durante 3 días o servizo estará cuberto por quendas con 1 so bombeiro. Acabouse o lume, acabouse o tema.
Volveremos repetir os mesmos erros? Lembremos que onte mesmo tívose que apagar un lume en Parada Nigrán, nunha zona xa afectada polo lume. Desde Gondomar Concello Aberto queremos denunciar esta situación e reclamamos que se mellore ás condicións de traballo e os recursos materiais e humanos do GES do Val Miñor.

Gondomar, 24 de outubro de 2017.
Asdo.: Pauliño do Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de CABE.

22.10.17

Visita de Luis Villares e Paula Quinteiro a Gondomar

CABE, como marea local dentro do proxecto En Marea, organizou onte unha xuntanza no Centro Cultural de Vincios co noso voceiro nacional Luis Villares e a nosa deputada Paula Quinteiro para que coñeceran de primeira man a situación no noso concello tras a vaga de lumes. 

Ademáis de visitar algunha das zonas máis afectadas, xuntámonos con representantes de comunidades de montes, comunidades de augas, centros culturias e outras entidades, ademáis de con veciñas e veciños afectados, e expuxémoslles, entre outras cosas o abandono e falta de medios que sufrimos durante os lumes, e o desleixo que seguimos a sufrir, unha semana despois, por parte da Xunta de Galicia. Tamén falamos de iniciativas que se poderían levar a cabo nos próximos días e a máis longo prazo para paliar a situación actual e evitar que algo como o que estamos a sufrir volva ocorrer.





20.10.17

CABE ante o desastre do lume no Concello de Gondomar


A Asemblea Veciñal de CABE, ante a catástrofe do lume vivida nestes días quere sumarse á multitude de manifestacións, en primeiro lugar de pésame polas persoas falecidas no noso país e no veciño Portugal, e de solidaridade coas máis directamente afectadas polos efectos das lapas; en segundo lugar de  recoñecemento e agradecemento á veciñanza polo seu comportamento na loita contra o lume, que suplíu de novo a evidente carencia de medios; e, por último de esperanza en que os investigadores e a xustiza poidan facer o seu labor coa eficacia, liberdade e medios necesarios para esclarecer ata as últimas consecuencias as actuacións delictivas que orixinaron esta vaga de lumes.
Sen embargo, consideramos que quedarnos somente nunha declaración deste tipo sería quedar de brazos cruzados esperando a que algo como o acontecido volva ocorrer. Por elo, e co ánimo constructivo que sempre caracteriza as nosas propostas, queremos pór enriba da mesa unha serie de actuacións que consideramos necesarias, dentro do noso ámbito municipal, para paliar na medida do posible o efecto do desastre do lume vivido e evitar a súa repetición. Así, e con caracter inmediato, nas próximas horas, consideramos que o Concello debería pór en marcha medidas efectivas para:
1.     Organizar brigadas de voluntarias: Hai moitas persoas desexosas de facer algo, que ademáis se senten impotentes por non saber como actuar. Aproveitemos esa forza.
2.     Rexenerar o monte:
Minimizar a erosión: Facernos cun protocolo de actuación. Que os hai, doados de conseguir e doados de aplicar con voluntarios. Con indicacións adecuadas.
Favorecer a recuperación: Non se pode facer de calquera xeito, por máis que o ímpetu nos leve a querer plantar e sementar. Porque se queremos recuperar os ecosistemas non se pode sementar nin plantar calquera planta en calquera sitio. Neste senso, dado que este é un ano de landras, deberíase aproveitar para crear viveiros de carballos para a súa posterior plantación nos montes queimados.
3.     Realoxar o gando do monte. No Galiñeiro había dous rabaños grandes de cabras e algúns outros pequenos, polos menos tres de vacas e un de ovellas. Agora mesmo están acurralados onde os donos puideron metelos. En todo o concello hai extensións de campos de poulo, é decir, leiras que xa non se cultivan, pero que teñen diferentes donos e donas. O concello debería facer o esforzo de xestionar isto xa que é o último gando que queda en Gondomar.
4.     Investigar que aconteceu cos cabalos do monte.
5.     Visitar as parroquias e falar coa veciñanza nos seus distintos elementos organizativos: gandeiros, comunidades de augas, de montes, de veciñas, centros culturais....., como única maneira efectiva de conseguir unha información real da situación actual e poder organizar adecuadamente as medidas anteriores. Así mesmo, estas visitas permitirían facer unha recollida de danos particulares co fin de propoñer e solicitar axudas. Hai xente que perdeu os seus cultivos e ten dificultades para manter agora os animais.
Ao marxe destas actuacións inmediatas, consideramos que hai que analizar cuestións como, por exemplo, se se pediu colaboración aos concellos veciños en dotación de bombeiros, bombas de auga, policia... ou tiveron que ofrecela eles; se houbo a adecuada comunicación das autoridades coa poboación; se os presotes de auga contra incendios que hai construídos no monte tiñan auga; ou se as tomas de auga das traídas veciñais respectaron a cantidade mínima que debía quedar para o hábitat correspondente ou estaba toda nas nosas piscinas e duchas. E a máis longo prazo, abordar asuntos como se teremos coraxe de facer un PXOM que respecte os espazos naturais, que delimite seriamente os núcleos habitados e que respecte a distancia das casas ao monte; ou tentar reunir ás Comunidades de Montes cos propietarios das tomadas (montes particulares) e facer que xestionen o monte cun mesmo criterio, un criterio que sexa económico e ao mesmo tempo ambiental. Para abordar todas estas e outras cuestións, consideramos imprescindible que, tras case dous anos sen reunirse, se reactive a Axenda 21 local, como foro aberto e participativo no ámbito medioambiental e de desenvolmento sostible, no que todos os actores involucrados poidan reflexionar sobre os erros que se cometeron e definir políticas que eviten que o acontecido volva suceder.
Outro compoñente que consideramos esencial, é a posta en marcha no noso municipio dun labor educativo, implicando aos centros docentes do noso concello no coidado e reforestación do monte, así como a realización de actividades que impliquen ao alumnado e ás comunidades educativas no seu coidado, única maneira efectiva  para que se sintan parte do mesmo.
Esperamos e desexamos que, cada quen dende as súas responsabilidades, todas sexamos quen de estar á altura do que este desastre demanda, evitando, na medida do posible a sua repetición e que a veciñanza teña que recurrir a autoorganización para suplir carencias ou ineficiencias das diferentes administracións.
Gondomar, a 19 de outubro de 2017

Manifestación o próximo domingo 22 de outubro en Compostela

Dende CABE apoiamos a manifestación que se vai celebrar en Compostela o próximo domingo 22 de Outubro contra a Lei de Depredación de Galicia, e animamos a toda a veciñanza a participar.


Para aqueles que aínda non o saiban, chamamos Lei de Depredación de Galicia a unha lei aprobada o pasado martes 17 de outubro no Parlamento de Galicia e que oficialmente denomínase "Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais".
Esta lei foi aprobada pola vía de urxencia e facilitará que empresas multinacionáis "depreden" o noso rural, xa que modifica outras leis de gran importanca para a xestión do territorio, como son a Lei de Montes, a Lei de Augas, a Lei de Minería, a Lei de Aproveitamento Eólico..., provocando en todas unha maior desregulación e facilidades para as grandes empresas.

Algúns dos efectos de esta lei son:
  • Desregulación de todos os ámbitos: mineiro, eólico, forestal...
  • Desprotección da poboación afectada, que vai ver moi limitado o seu dereito a alegar ou poder obxectar algo a calquera proxecto. 
  • Facilidades nas expropiacións forzosas
  • Recortes na capacidade dos Concellos para decidir ante grandes proxectos empresariais eludindo así os controis locais e dependendo da Xunta.
  • A Consellería Industria terá poder case absoluto sobre case todos os temas, sen necesidade de ter en conta consideración que outra consellería poida facer, nin Medio Ambiente, nin Medio Rural, nin Urbanismo. Os informes destes outros departamentos van ser preceptivos pero non van ser determinantes. O último criterio, o que vale, vai ser o de Consellería de Industria.
Podedes obter máis información en:
http://www.contraminaccion.org/depredacion/

18.10.17

Convocatoria de Asemblea Veciñal de CABE o xoves 19 de outubro de 2017

Convócase Asemblea Veciñal de Gondomar Concella Aberto (CABE)

Día:  xoves 19 de outubro
 
Hora:
     20,45 h en primeira convocatoria
     21,15 h en  segunda convocatoria 
 
Lugar: Local de Cabe

Orde do día: 
  • Lectura e aprobación se procede de actas anteriores
  • Análise e propostas ante a situacion actual
  • Renovación da mesa da asemblea
  • Varios

12.10.17

Outra máis

Nunhas declaracións feitas hoxe o Sr. Alcalde de Gondomar aconsellou ao Grupo Municipal de GONDOMAR CONCELLO ABERTO a que se “pongan a trabajar por Gondomar que para eso fueron elegidos”.

Que diga isto quen hoxe mesmo suspendeu a Comisión informativa de asuntos do pleno, porque o goberno non tiña propostas que levar á sesión da Corporación municipal do mes de outubro, ten narices.

Esta é a realidade deste goberno e o seu compromiso coa solución dos problemas da xente de Gondomar. Ningunha iniciativa, cero asuntos que trasladar, tratar ou acordar no pleno de outubro. Non é a primeira vez que isto sucede nin será a última. Seica non hai temas dabondo que resolver.

Como di agora a xente nova de Gondomar “Que grande cavaliño”.

Nos si temos propostas e as levaremos a Pleno, que esperemos que se celebre, o próximo martes, día 17.

Gondomar, 11 de outubro de 2017. 
Asdo.: Pauliño del Río Iglesias. 
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto

8.10.17

Nota de Prensa: Uso do galego

Diante da desaparición do galego nos sinais de tráfico no Polígono da Pasaxe e na entrada ao IES Terra de Turonio de Gondomar, sinais que levaban case dúas décadas sen que orixinaran ningunha controversia ou prexuízo a ninguén, o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto quere manifestar o seu estupor e repulsa antes estes feitos ante esta nova agresión gratuíta e sen fundamento á lingua galega.

A normativa estatal de tráfico nada expresa contra os idiomas propios, entre eles o idioma propio de Galiza, o galego. (O artigo 5, apartado 1, do vixente Estatuto de Autonomía que establece que “A lingua propia de Galicia é o galego) 

O Real Decreto Lexislativo 6/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Tráfico, sinala no seu artigo 56 que “As indicacións escritas dos sinais se expresaran, alomenos, na lingua española oficial do Estado”. 

O Real Decreto 1428/2003, de 21 de novembro polo que se aproba o Regulamento Xeral de Circulación establece no seu artigo 138 que as indicacións que acompañen os sinais "figurarán en idioma castelán e, ademais, na lingua oficial da comunidade autónoma recoñecida no estatuto de autonomía, cando a sinalización estea ubicada no ámbito territorial de dita comunidade”. A menos que Gondomar estea fora de Galiza, a retirada do idioma galego dos sinais é claramente ilegal, faise vulnerando a norma. Polo que é radicalmente falso que o goberno municipal estea cumprindo a lei ao establecer o uso exclusivo do español nos sinais.

Ademais esta acción do goberno municipal supón unha nova embestida aos espazos de normalidade e consenso no uso do galego. Os sinais do Polígono da Pasaxe levaban máis de unha década, o do IES Terra de Turonio 18 anos. Que interese esconde crear unha polémica artificial que non existe en Gondomar? A estas alturas quen denuncie un uso abusivo do galego en calquera ámbito da vida ou non vive na realidade ou simplemente ten mala fe.

Estamos ante unha proba máis da falla do apoio decidido polo uso e normalidade do galego do goberno municipal. A hipocresía dun goberno que mentres dicía unha cousa (manteremos o galego nos sinais) facían outra (encargar os sinais so en español).

Os poderes públicos están mandatados para garantir o uso do galego e para potenciar o seu emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.

Ante o retroceso en todos os eidos do galego, os representantes políticos temos a obriga de defendelo, de normalizar un legado histórico que recibimos.

En vez diso este goberno municipal non contento con deturpar a toponimia do Concello, de non cumprir coa Lei de normalización linguística en escritos, documentos, convocatorias ou informes, de utilizar carteis so en español nas indicacións das obras municipais ou nas novas instalacións de lecer ou deportivas, agora incumpre a norma ao excluír o galego dos sinais de tráfico.Debemos recordar que ninguén pode ser discriminado por razón da lingua.

Dende a normalidade e a cordialidade na defensa e o agarimo polo noso idioma o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto exixe a reposición inmediata do galego nos sinais que foron suprimidos polo goberno municipal e levaremos ao próximo Pleno ordinario unha Moción en defensa da normalidade da lingua galega.

Gondomar, 7 de outubro de 2017
Asdo: Pauliño del Rio Iglesias
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto