21.3.18

Convocatoria de Asemblea Veciñal o 23 de marzo

Convócase Asamblea Extraordinaria de Gondomar Concello Aberto,

Día: venres, 23 de marzo
Primeira convocatoria: 20.45 horas
Segunda convocatoria 21,15
Lugar: local de CABE no CDL

Punto único: 
- Análise da situación política actual no Concello de Gondomar, e adopción de acordos, se procede.

18.3.18

Presentadas 4000 sinaturas a prol do Parque de Bombeiros no Val Miñor

Os concelleiros de Gondomar Concello Aberto, Nigrán Decide e EU Son Baiona, Pauliño del Río, José Cuevas e Silvano Montes presentaron este venres no parlamento 4000 sinaturas apoiando a Iniciativa Popular para a Creación dun Parque de Bombeiros no Val Miñor de xestión pública directa no que se integre o actual persoal do GES. Compre destacar que esta cantidade supera as 2500 necesarias para a continuación da súa tramitación e aprobación se procede no Parlamento.

A Comisión Promotora da Iniciativa Popular considera que un 10% da poboación do Val Miñor asine esta iniciativa é un éxito polo que espera que, unha vez verificadas as sinaturas, sexa asumida por tódolos grupos parlamentarios.
 

Para finalizar a Comisión Promotora, formada polos concelleiros de Gondomar Concello Aberto, Nigrán Decide e EU Son Baiona, así como representantes de colectivos sociais, quere agradecer á veciñanza do Val Miñor a acollida que tivo esta iniciativa, así como a súa colaboración nesta campaña.

13.3.18

Convocatoria de Asemblea Veciñal o día 15 de marzo

Convócase Asamblea Extraordinaria de Gondomar Concello Aberto,
 
Día: xoves, 15 de  marzo
Primeira convocatoria: 20.45 horas
Segunda convocatoria 21,15
Lugar: local de CABE no CDL

Punto único: 
- Posta en común de posturas de cara ao plenario de En Marea do día 17 de marzo.

8.3.18

Gondomar Concello Aberto esixe unha rectificación do anuncio do alcalde con respecto á participación das concelleiras de CABE na Folga do 8M

No pasado pleno do día 1 de marzo, o noso Grupo municipal preguntou ao respecto da programación do Concello de Gondomar para o 8 de marzo. Tamén preguntamos pola declaración institucional en apoio á folga feminista que o goberno, por iniciativa propia, comprometeuse a facer a través dunha moción (aprobada por unanimidade) presentada pola concelleira Rocío Cambra.

Vén sendo a tónica habitual que se ignoren as mocións aprobadas polo pleno municipal, pero é que tamén incumpren as súas propias propostas. O alcalde respondeu coas súas evasivas habituais, e só tras falar el lembrou que “ao mellor a concelleira de Igualdade quere engadir algo”. Nuria Lameiro negouse a intervir dicindo que para o 8 de marzo non había aínda “nada pechado” e a concelleira de Benestar Social, que “estaban preparando moitas cousas pero non se ían poñer no pleno a explicar todo”.

Dende Gondomar Concello Aberto non podemos deixar de reprobar a actitude patriarcal do alcalde, que en lugar de deixar responder á concelleira de Igualdade, acapara toda a intervención. Non contento con isto, aproveitou para queixarse de que na asemblea convocada polo movemento feminista para organizar a folga, o pasado 28 de febreiro, non se lle enviara “unha invitación personalizada á concelleira”.

Despois do sucedido, o noso Grupo decidiu que non ía participar na fotografía das mulleres da corporación que organizara o goberno. Nós non estamos no concello para facer propaganda, se non para traballar de forma real e efectiva polos dereitos das mulleres, que o que menos necesitamos son fotos conmemorativas que non teñen nada detrás. As feministas que estamos nas institucións temos a obriga de tomar medidas concretas contra as violencias machistas, e no pasado pleno o único feito a prol das mulleres foi a aprobación da moción presentada por CABE, na que propoñiamos que non se contratara publicidade en periódicos con anuncios de prostitución, e que se fixera unha ordenanza que impida a colocación de anuncios de carácter machista no termo municipal.

Coa publicación da foto, o alcalde minte descaradamente ao anunciar que a nosa ausencia é porque “as concelleiras de CABE non secundarán a folga”, desviando a atención dos motivos reais polos que decidimos non aparecer. As concelleiras e participantes de Gondomar Concello Aberto sumámonos á folga e participaremos nas mobilizacións. Fraco favor faille á folga do 8M o señor Ferreira con estas acusacións falsas. Esiximoslle que rectifique esas palabras e que deixe de facer demagoxia e loita partidista coas reinvindicacións das mulleres.

Gondomar, 4 de marzo de 2018
Jimena Varela

3.3.18

O Sr. Alcalde retira no pleno o punto correspondente á regorma da plaza da Paradela

O Sr. Ferreira levou no punto nº 3 da orde do día do Pleno da Corporación municipal do mes de marzo celebrada onte o Expediente 1801/2017. Proxecto Praza Paradela, correspondente á aprobación dos Pregos de claúsulas económico administrativas que rexerán a contratación da Reforma da Praza da Paradela”. Montante da obra 800.000€.

Ante a denuncia feita por parte do grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto sobre a situación do expediente que non cumpría cuns mínimos de legalidade e transparencia na acción de goberno ao ter os informes dos técnicos desfavorables, faltándolle ás autorizacións e cesións preceptivas por parte da Xunta, e mesmo requirido pola propia Deputación para a subsanación do proxecto presentado, o Sr. Alcalde manifestou que isto non era verdade, que os informes eran correctos, que todo estaba en marcha e que era urxente a contratación xa que a obra debería estar rematada en abril de 2019, e que por iso o levaba á sesión plenaria para a súa aprobación.

Unha vez máis o Sr. Ferreira faltou á verdade. A proba evidente e irrefutable disto é que chegado o momento de tratar este asunto no Pleno, retirouno da orde do día. Se todo estaba perfecto por que o retirou?

Un retrato acaído e recorrente do xeito de facer e xestionar os asuntos públicos do Sr. Alcalde de Gondomar, consistente en dicir e facer o primeiro que se lle pasa pola cabeza sen medir as consecuencias dos seus actos, facendo o que lle peta, obviando as recomendacións e informes dos técnicos municipais e recorrendo cada vez máis a informes externos. Todos sabemos onde acaba iso.

Dende o noso grupo municipal recomendámoslle, unha vez máis , ao Sr. Alcalde que se cinga á legalidade, leve en debida forma o expediente e o presente no Pleno con todas as garantías. E non trate de buscar atallos que non levan a ningures.

Por certo, o prazo de execución da obra non remata, como manifestou o Sr. Ferreira en abril de 2019 senón o 30 de xuño de 2019. Esperemos que os actos do Sr. Ferreira non leven aparellada a perda dunha subvención pública de case 1 millón de euros.
 
Gondomar, 02 de marzo de 2018.

Asdo.: Pauliño do Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de CABE.

2.3.18

Faladoiro do noso voceiro Luis Villares en Gondomar

Hoxe, venres 2 de marzo ás 20:30 horas, o noso voceiro Luis Villares participará no segundo faladoiro do ciclo "Galicia 2017-2020: presente e futuros" no que se tratará a situación de Galicia respecto de problemáticas do territorio en relación coa Lei de Montes e Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais".
O acto será presentado por Xulián Maure Rivas, director do IEM e moderará a xornada David Reinero, xornalista de Praza Pública.
A xornada desenvolverase na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avenida da Feira Nº 10 baixo, Gondomar.