28.2.18

Nota de Prensa: A insensatez do Sr. Ferreira

O Sr. Alcalde incluíu na orde do día da sesión plenaria deste xoves, día 1 de marzo, "Os Pregos de claúsulas económico administrativas que rexerán a contratación da Reforma da Praza da Paradela". Montante da obra 800.000€.

Este expediente conta cos seguintes informes:
  • Informe de Patrimonio: que non autoriza as obras tal como están no proxecto. Existen unha serie de condicionantes que implican un Modificado do Proxecto aprobado polo Pleno en setembro.
  • Non consta a autorización da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.
  • Non existe a cesión, por parte da Xunta de Galiza, da estrada autonómica PO-340, requisito indispensable xa que a subvención concedida pola Deputación de Pontevedra precisa necesariamente que as obras se realicen sobre terreos de propiedade municipal ou cedidos ao concello.
  • Existe un requirimento da Deputación Provincial de Pontevedra para que se subsanen no proxecto técnico unha manchea de cuestións, entre outras : modificar partidas que afectan a descrición das mesmas para evitar marcas comerciais, incorporación dun estudio de seguridade e saúde valorado, xustificación do cumprimento de accesibilidade, estudio xeotécnico e outra serie de cuestións que afectan á memoria, presuposto e planos do proxecto. Modificacións non incluídas no expediente. O que pode levar á perda da subvención.
  • Informe do Arquitecto municipal onde se ratifica no informado no seu día sobre os trocos a realizar no proxecto e que non se fixeron. Implicaría tamén un modificado do Proxecto que non se fixo.
  • Informe de Reparo (desfavorable) da Intervención Municipal.
Con todos estes informes cuestionando os Pregos tal e como están a día de hoxe, sen modificación do Proxecto de Reforma da Praza (que incidiría en novos planos, nova memoria, distintas medicións e orzamentos), sen autorización da Xunta que impide a realización das obras, cun requirimento da propia administración concedente da subvención que vai financiar o proxecto para que se modifique o proxecto, con todo isto o Sr. Ferreira leva a Pleno este asunto nun acto de incomprensible irresponsabilidade.

Un proxecto de reforma da praza da Paradela e a súa contorna que realizou o Sr. Ferreira pola súa conta e risco sen consensuar con ninguén, nin resto dos grupos políticos municipais, nin veciñanza , nin profesionais ou comerciantes afectados. E que manifestou no Pleno de setembro que non pasaba nada que tempo habería antes dos pregos para consensuala. Ata hoxe.

Agora presenta ao Pleno deste xoves, 1 de marzo, uns Pregos que non cumpren os mínimos de legalidade e transparencia na acción de goberno. Non se pode estragar case un millón de euros de subvención pública por torpeza, ineficacia e falla de xestión. Non se poden aprobar uns Pregos dun contrato de 800.000€ levantando un reparo de legalidade debido a graves irregularidades manifestas.
 
O escándalo é de tal calibre que dende o grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto lle advertimos ao Sr. Alcalde que de persistir na aprobación destes Pregos nas condicións que constan no expediente municipal que se presentan ao Pleno non so botaremos en contra senón que levaríamos o asunto á Fiscalía.

Gondomar, 28 de novembro de 2018.
Asdo.: Pauliño do Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de CABE.