13.2.18

Nota de Prensa: Retirada do Proxecto de Seguridade PO 331 ao seu paso por Vincios


No pasado mes de xaneiro aprobouse por unanimidade solicitar da Axencia Galega de Infraestructuras prorrogar por dous meses o prazo de exposición pública do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria no contorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-331, p.q. 11+200 a 14+600, de clave PO/17/137.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados.
A resposta da Xunta xa está en mans da Administración municipal denega a ampliación do prazo.
Diante desta negativa e da evidencia que este Plan de seguridade viaria está feito sen coñecer o territorio sobre o que se actúa e esta feito cunha concepción que prioriza a entrada e saída dos vehículos na parroquia de Vincios en vez de integrar este tramo como un tramo urbano urbanizado con limitacións de velocidade, pasos de peóns, rede semafórica e beirarrúas. É dicir faise un Vincios para os coches en vez de un Vincios para a xente.
Un plan tan disparatado que impediría o paso de autobuses escolares e outros vehículos polo estrada que vai a Chandebrito, tanto cara a Gondomar polo valado e o peralte da estrada como cando se suba, xa que estaría prohibido xirar á esquerda. Este plan tamén impediría á entrada e saídas de material ao aserradoiro, co que esta empresa  tería que pechar a súa actividade, por poñer so dous un exemplo e non reiterar os casos coñecidos e postos enriba da mesa por distintos colectivos (prohibir todos os xiros á esquerda, dificultar a entrada e saída ao Centro Veciñal de Vincios, Escola de Música, CEIP Serra Vincios, torreiro..., ou eliminación de pasos de peóns, ou a creación de raquetas  de xiro que crearían máis problemas que os actuais, etc).
Unha estrada pola que circulan entre 10.000 e 15.000 vehículos diarios, o que indica tamén a importancia de apostar por un transporte público que sexa eficaz para comunicar o Val Miñor co Vigo ou coa Universidade e que hai que seguir reivindicando, e que sacaría unha parte importante dos vehículos que circulan por esta vía.
Tendo en conta, ademais a entrevista mantida polo Sr. Alcalde co Director Xeral da Axencia Galega de Infraestructuras, o Delegado da Xunta e técnicos da Xunta e polo que o grupo municipal de Gondomar Concello Aberto levara ao Pleno ordinario do mes de febreiro, a celebrar este xoves, dia 15 ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío, unha Moción coa seguinte proposta de Acordo:

O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar insta á Xunta de Galiza:
A retirada do actual Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria no contorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-331, p.q. 11+200 a 14+600, de clave PO/17/137.06. 
Que a Axencia Galega de Infraestructuras ou organismo competente da Xunta de Galiza elabore outro documento que presentará ao Concello e aos distintos colectivos veciñais da parroquia de Vincios para o seu consenso.
Que este documento se someta a un novo período de exposición pública.
 
Gondomar, 12 de febreiro de 2018
Asdo:Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.