![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjfXTwHU1r-YVLHEch-_iU4c58zbkNxmdd_c3PGUODJQra-YUJQ3qekCoQpACFc_U7aJLFAs36NvyPDd6dVXE5yV0fUPayyJWtd6d9KCdGP2lfM7_DyRjR8mCcS23nzf6F6K2cUnetOisiv/s200/logosolo-transp.gif)
Agora hainos e debemos de aproveitar esta oportunidade. O Plan de Obras e Servizos 2018-2019 da Deputación Provincial ten como especial novidade nesta edición que se establecen dúas anualidades para a Liña 1 (Investimentos), unha a correspondente ao exercicio 2018 destinándolle alomenos un mínimo do 67,87% ao capítulo de Investimentos, isto supón un montante de 658.195,41 €. E a outra ao exercicio do 2019, cunha cantidade de 697.438,60% que se pode facer efectivo este ano. A suma total das dúas anualidades é de 1.355.195,41€ para investimentos en Gondomar.
O proxecto está feito e orzamentado (350.000€). As autorizacións sectoriais favorables, e incluso os permisos dos terreos de particulares afectados feita. So está pendente de adxudicarlle os cartos e da vontade política para levalo a cabo.
Estamos a falar do saneamento dun dos barrios máis singulares que hai no concello de Gondomar e na parroquia de Morgadáns, cun valor histórico e patrimonial inmenso. Unha obra de especial importancia que xa se debeu de acometer a través do Plan de Reequilibrio territorial feito pola Deputación de Pontevedra a mediados do ano pasado, destinado a subvencionar proxectos singulares e relevantes en concellos de menos de 20.000 habitantes. Non pareceu entendelo así o goberno municipal.
A oportunidade de facelo a través dun financiamento extraordinario da Deputación Provincial deixouse pasar, optando o goberno por un proxecto de reforma da praza da Paradela e a súa contorna sen consensuar con ninguén, nin resto dos grupos políticos municipais, nin veciñanza ou profesionais ou comerciantes afectados.
Dende Gondomar Concello Aberto si nos parece unha prioridade rematar o saneamento integral do noso concello e pensamos que non debíamos de perder, novamente, a oportunidade de facer esta infraestrutura tan necesaria para o benestar dos veciños e veciñas do barrio da Pedra, e para por en valor un dos poucos barrios de alto valor histórico e patrimonial que aínda existen do noso concello.
Tendo o proxecto, os informes sectoriais favorables, os permisos concedidos, so faltaba o orzamento e a vontade política, polo que na sesión do Pleno de febreiro celebrado onte, o noso grupo municipal levou unha Moción pedindo a inclusión desta obra no Plan de Obras e Servizos 2018 - 2019. Foi aprobado por unanimidade. Esperamos que o goberno, que votou tamén a prol, cumpra este acordo Plenario e se leve a cabo obra tan demandada e necesaria.
As parroquias tamén existen.
Gondomar, 16 de febreiro de 2018.
Asdo.: Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal Gondomar Concello Aberto.