14.2.18

Nota de Prensa: Mantemento dos Centros de Ensino

Hai agora un ano, na sesión ordinario do Pleno da Corporación do 2 de febreiro de 2017, aprobouse por unanimidade unha Moción da nosa formación política para destinar 75.000€ ao mantemento dos colexios de infantil e primaria do noso Concello.

O goberno, co seu talante habitual de incumprimento dos acordos plenarios non fixo efectivo este acordo e destinou os cartos a outras prioridades, entre as que non se atopaban nin atopan os centros escolares (si outras como Anos do Conde, rotondas, mostradores, coellos, televisores, axendas e cousas variadas).

Un ano despois o mantemento dos centros escolares seguen na mesma ou peor situación. Algúns exemplos: O CEIP de Souto Donas xa alertou da situación do tellado e o seu beirís nun Consello Escolar de data 1 de febreiro de 2017, agora hai que porlle unha rede para que non caian os cachotes. No CEIP Serra Vincios os baños e os vestiarios seguen a estar nun estado lamentable, o comedor quedou pequeno para poder atender a demanda , etc. Outro tanto poderiamos falar do restos dos centros de infantil e primaria.

E non é un problema de cartos, que os hai, senón de prioridades, e a calidade no mantemento dos centros escolares non está entre elas. A vontade e as gañas de mellorar e falar coa comunidade educativa para avanzar entre tod@s, tampouco. As veces abondaría con ir aos Consellos Escolares e escoitalos.

As competencias no Concello nesta materia están establecidas na Lei de Bases de réxime Local no seu artigo 25 apartado 2 "O Concello exercerá en todo caso como competencias propias, nos termos da lexislación do estado e das Comunidades Autónomas, nas seguintes materias:
Letra f) A conservación, mantemento e vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil, educación primaria ou de educación especial."
E son claras e delimitadas despois do Acordo Marco entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o desenvolvemento do pacto local en materia de educación en relación cos centro públicos, asinado en Santiago de Compostela, a 9 de xaneiro de 2008, na sede da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

O Plan Concellos 2018, xa está publicado e está na fase de que os Concellos fagan as propostas de gasto á Deputación.

A totalidade dos Centros escolares de Primaria e Infantil do noso concello remiten todos os cursos escolares e periodicamente as súas necesidades e carencias ao goberno municipal para que as atenda no ámbito das súas competencias. Moitas destas necesidades quedan sen ser atendidas, entre outras cousas por falla de orzamento municipal.

Neste 2018 o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto mantén a súa aposta polo ensino público e de novo levará ao Pleno deste mes de febreiro unha proposta para que dos cartos destinados pola Deputación de Pontevedra ao Concello de Gondomar no Plan de Obras e Servizos 2018 (1 millón de euros) se lle dedique unha partida exclusivamente aos Centro Educativos e as súas necesidades, que son moitas e necesarias.

Proporemos no Pleno de febreiro deste xoves día 15 no Audotorio Lois Tobío que se tome o acorde de que

A Administración Local de Gondomar destinará, a conta do Plan Concellos 2018, un mínimo de 75.000€ para o mantemento e conservación dos Colexios de Infantil e Primaria Públicos do noso termo municipal. Está cantidade será independente da destinada a este fin no orzamento municipal.

A prioridade das necesidades en mantemento e conservación dos centros citados serán consensuadas entre o Concello e a Comunidade educativa dos mesmos.

Que o Sr. Alcalde dará conta a este Pleno do resultado desta Moción.

Veremos se desta vai ou seguen poñendo escusas.


        Gondomar, 14 de xaneiro de 2018.       
        Asdo.: Pauliño del Río Iglesias.
        Voceiro do Grupo Municipal de CABE.