![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjFfgXSPu1lvfxGlto-K7XGSEFYly0Yk2zknehvX0EwBzd1ACq60mEU4Pb0oBG41M2J1OeAEarfiXuFQCSZykIcC4r5drf2nsfz9Ml5pF9BEOsNChIu4KYxAozVnOIoQV97QuoE16kMpaEc/s1600/bannerg.jpg)
Estes proxectos son:
- Elaboración prego prescricións técnicas licitación mantemento zonas verdes. Importe: 5.203,00€.
- Redacción proxecto mellora pavimento camiño Barcalla (Donas). Importe: 7.187,40€.
- Proxecto Reforma e pavimentación camiño Sequeiros dende PO-340 fase 1. Importe líquido: 8.379,25€.
- Proxecto conexión rede pluviais transversal San Bieito a Párroco Mariño. Importe: 5.142,50€
Proxectos adxudicados a dedo e pagados previo levantamento por parte do Sr. Alcalde dos reparos e informes negativos dos técnicos municipais. Así queda acreditado nas resolucións postas a disposición do Pleno da Corporación municipal de Gondomar.
Preguntado por Gondomar Concello Aberto por esta forma de contratación nada contestou o Sr. Ferreira tan locuaz e dado a publicitarse, obviou as preguntas feitas a este respecto, tanto no pleno de maio como no pleno de xuño.
Estas adxudicación, totalmente arbitrarias, infrinxen a normativa de aplicación, xa que incumpren a Base de Execución nº 16 do Orzamento municipal que exixe obrigatoriamente pedir e xuntar tres ofertas (orzamentos) de provedores ao superar o gasto o importe de 3.000€. Omitiuse este trámite e se contratou de xeito improcedente e inmotivado por parte do Sr. Alcalde. Un dedazo de manual.
Incumpriuse ademais ao contratar estes proxectos o preceptuado nos artigos 23, 86 e 138 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público e o 72 do seu Regulamento, sobre os contratos menores e o seu uso de xeito fraudulento por parte da administración en canto a súa duración, contía e uso.
Por se isto fose pouco se incumpre tamén o artigo 62 do TRLCSP sobre a solvencia económica e financeira, profesional e técnica e non queda acreditada a habilitación para contratar coa administración pública dos provedores.
Revestido dun caudillismo exacerbado e coa filosofía de “as urnas me xulgaran” o Sr. Ferreira hai tempo que perdeu non so as formas senón tamén a legalidade na acción de goberno.
Por que se contrata deste xeito improcedente, abusivo e despótico impedindo a outras empresas e profesionais participar é algo que moitos en Gondomar se preguntan. A quen está beneficiando o Sr. Ferreira con este xeito de actuar e por que son preguntas que lexitimamente nos temos que facer e que requiren resposta.
O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto volverá preguntar ao Sr. Ferreira para que dea unha explicación, que esperamos que sexa motivada e coherente, deste xeito de contratar no próximo pleno ordinario. De obter de novo a calada por resposta, CABE estudiara outras accións para cumprir coa súa obriga de fiscalizar a acción do goberno municipal.
Gondomar, 25 de xuño de 2018.
Pauliño del Rio Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de CABE.