![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgNXH6j6ynb7Gh3sKW2IwvQn6DFN0zCuUGFMHKROVJjElVC2uB2epy2piUBWWgwEyCr_0NpcYXf2Jn6-qEO1wnnnJvJR_MHpBwvCxMzU2DrqWJj2QpwPxFn7_kr-yuvL9XbqmiBJuwQvUOt/s320/IMG_2017.jpg)
En numerosas ocasións constatouse que os actuais servizos na bisbarra miñorana para dar unha resposta ante o risco de incendios e outras emerxencias non foron realizados coa eficacia e eficiencia que son necesarios.
Que de acordo coa artigo 16 da Lei 7/2015, de 7 de agosto, de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galiza, faculta a calquera cidadán ou cidadá, xunto con outros nove, a promover e presentar unha proposición non de lei de iniciativa popular ao Parlamento galego.
A comarca do Val Miñor formada polos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán ten unha poboación permanente de 43.904 persoas. Esta poboación multiplícase na época estival chegando aos 100.000 residentes e tendo picos de poboación preto dos 120.000 habitantes, aos que hai que sumar a existencia de varios polígonos industriais como o do Porto do Molle ou a Pasaxe, no que están instalados numerosas empresas.
Esta bisbarra miñorana espállase nun territorio de 145,2 km cadrados dos que 34,9 pertencen a Nigrán, 34,4 a Baiona e 74,5 a Gondomar. A dispersión e a grande extensión do seu territorio, complican a atención das emerxencias, subliñando que os datos xeográficos falan da disparidade e contraste de altitudes que se rexistran entre as distintas parroquias, ás que temos que engadir as longas distancias e os pasos estreitos e dificultosos dalgunhas vías secundarias ou terciarias, polo que o tempo de resposta é fundamental e as veces vital.
Tanto a veciñanza estable como a estacional ou esporádica teñen dereito a unha resposta eficaz ante os riscos é a unha adecuada protección da súa integridade, dos seus bens e do seu entorno.
Actualmente os poderes públicos tratan de garantir este dereito cun infradotado Grupo de Emerxencias Supramunicipal que é xestionado pola mancomunidade do Val Miñor, contando co apoio do parque comarcal de bombeiros de O Porriño, que pola distancia entre a súa base e a comarca ten un tempo de resposta superior ao que consideramos adecuado (De 20 a 25 minutos).
Por todas estas razóns as formacións políticas de unidade veciñal e popular de Gondomar Concello Aberto, Nigrán Decide e Esquerda Unida de Baiona vimos de presentar hoxe no Rexistro Xeral do Parlamento de Galiza en Compostela unha Proposición Non de Lei por Iniciativa Popular para a Creación dun Parque de Bombeiros no Val Miñor, de xestión pública directa con base nalgún dos Concellos da Comarca, e no que se integre o actual persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Mancomunidade do Val Miñor.
A Comisión Promotora desta Proposición non de Lei por Iniciativa Popular está formada por 10 persoas, cinco mulleres e cinco homes. Tres son de Baiona (Silvano Montes, Aroa Dominguez e Marta Montes), tres de Nigrán (Jose Cuevas, Carlos Gómez e Anxo Mosquera) e catro de Gondomar (Jimena Varela, Fátima R.Areal, Ana López e Pauliño del Río).
Esta iniciativa será examinada pola Mesa do Parlamento Galego na súa sesión do luns entrante para a a súa admisión a trámite.
Unha vez admitida, e logo da seu paso pola Xunta Electoral, procederemos á recollida das 2.500 sinaturas necesarias para a súa tramitación e aprobación se procede polo Parlamento Galego.
Hai razóns máis que de sobra para a instalación dun Parque de Bombeiros no Val Miñor
Gondomar, 03 de novembro de 2017.
Comisión Promotora da IP por un Parque de Bombeiros no Val Miñor.
Comisión Promotora da IP por un Parque de Bombeiros no Val Miñor.