18.11.17

Gondomar Concello Aberto volve levar o peso no Pleno Municipal celebrado onte


O Goberno bipartito de Gondomar tentou de novo levar a aprobación ao Pleno modificacións orzamentarias por 334.000 euros sen buscar apoios para sacalas adiante, e formando un "totum revolutum" de conceptos. Mesturábanse cuestións básicas como son as subvencións competitivas para entidades deportivas, gasto que hai que reservar xa que se fai todos os anos, pero que o Goberno gastou noutras cousas, con outros que non compartimos en absoluto, como o financiamento da obra da biblioteca municipal que supuxo a expulsión de Espazo Lectura da mesma, entre outros.

Ante esta situación, que se repite por segunda vez, e véndonos na tesitura de ter que votar de novo en contra, presentamos una emenda consistente en aprobar unas modificacións por importe de 71.220 euros e que contemplaba as partidas correspondentes as subvencións a entidades deportivas, ao Servizo de Axuda no Fogar e ao "Premio de Poesía Victoriano Taibo". A proposta coa nosa emenda foi aprobada cos votos a prol de CABE, PP, IxG e MM, e os votos en contra do PSOE, co que conseguimos desbloquear unha situación que levaba preto de catro meses estancada, e que ameazaba con deixar sen financiamento e subvencións a moitas entidades e iniciativas, dada a proximidade da fin de ano. A nosa acción responsable solucionou un problema que durante meses o goberno bipartito non foi quen de levar adiante debido á súa absoluta falta de diálogo e capacidade para chegar a acordos a pesares de estar en minoría, e a súa incapacidade para elaborar un orzamento para o Concello, o que lles obriga a traballar co orzamento de 2012 prorrogado.

O resto de puntos levados ao Pleno polo goberno consistiron en dúas declaracións institucionais ás que nos abstivemos. A primeira solicitaba a declaración de Gondomar como zona de emerxencia polos lumes,e tíñase que ter presentado inmediatamente despois dos incendios, non cando xa fóra solicitada polo Alcalde e aprobada a semana pasada polo goberno do Estado. Non contentos con iso, foi presentada en castelán. A segunda declaración foi unha mostra da improvisación e falla de coordinación cotiá do bipartito. Tiñamos 3 versións do documento porque non se puñan de acordo entre ambos grupos na Comisión previa ao pleno, e ata chegar ao mesmo non sabíamos cal erao o que se ía votar. O alcalde defendeu a súa e Manifesto Miñor intentou enmendala. Ao final quedou en auga de castañas, ao retirar Manifesto Miñor a súa proposta trala intervención do PP e a amenaza velada do alcalde de non aceptar a enmenda, na que se instaba ao goberno a cambiar as políticas forestais e de prevención e extinción de lumes. Nin falar xa de que se prometera enviar ambas declaracións á oposición para facer propostas e non se fixo. Nin sequera son capaces de ser dialogantes nunha cuestión como unha declaración institucional, que ten que ser ampliamente consensuada.

Por último, foron debatidas 9 mocións, 7 delas presentadas por CABE. Cinco delas foron aprobadas e as outras dúas retirámolas, unha porque xa fixo o seu efecto antes do Pleno e foi cumprida na tarde do día anterior polo alcalde, e outra, relativa a políticas forestais,  para intentar pactar unha redacción con outros grupos políticos para o próximo Pleno. Nós si somos quen de dialogar para tentar chegar a acordos.