25.10.17

Nota de Prensa sobre a situación do GES do Val Miñor

A Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, integra aos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, e espállase nun territorio de 145,2 km cadrados dos que 34,9 pertencen a Nigrán, 34,4 a Baiona e 74,5 a Gondomar.
Na actualidade habitan esta mancomunidade preto de 45.000 habitantes, chegando aos 100.000 residentes nos meses do verán.
A dispersión e a grande extensión do seu territorio, complican a atención ás emerxencias, e o tempo de resposta é fundamental.
Logo da vaga de incendios da fin de semana do 14 e 15 deste mes e da situación de caos, de ausencia de medios, de falta de protocolos de actuacións e de carencia de brigadistas e bombeiros. Logo da alarma xerada e da constatación de que estamos unha vez máis vendidos por falla de xestión das administracións competentes. De constatar unha vez máis, como no Prestige, que ante unha catástrofe o estado desaparece e actúa a xente do común. Seguimos nas mesmas.
Agora veñen as promesas, pero imponse a realidade. Despois de todo o acontecido, no Grupo de Emerxencias Supramunicipais do Val Miñor (GES) segue coas mesmas carencias, nesta semana que andamos durante 3 días o servizo estará cuberto por quendas con 1 so bombeiro. Acabouse o lume, acabouse o tema.
Volveremos repetir os mesmos erros? Lembremos que onte mesmo tívose que apagar un lume en Parada Nigrán, nunha zona xa afectada polo lume. Desde Gondomar Concello Aberto queremos denunciar esta situación e reclamamos que se mellore ás condicións de traballo e os recursos materiais e humanos do GES do Val Miñor.

Gondomar, 24 de outubro de 2017.
Asdo.: Pauliño do Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de CABE.