20.11.17

Nota de Prensa: Sobre as notas de prensa relacionadas co pleno de novembro en Gondomar

 É a segunda vez que en Gondomar se presenta unha modificación orzamentaria por valor de 334.000 euros (curiosamente con partidas distintas), sen facer o máis mínimo esforzo para buscar apoios por parte do goberno en minoría.

A pesar de que o alcalde diga que non poderán facer obras importantes, a realidade é distinta: o que se levaba eran cousas que o Goberno xa fixo ou encargou, sen contar cos cartos previamente. Cuestións como as marquesiñas de deseño exclusivo do alcalde, por valor de 12.705 euros por dúas pezas (case tres veces máis do prezo dunha marquesiña estándar), as obras de reforma da biblioteca que significaron a expulsión de facto de Espazo Lectura, ou cartos para Educación, despois de que CABE presentara unha moción para reservar 75.000 euros do Plan Concellos para os colexios, a moción fose aprobada e o goberno a incumprira. Non contentos con iso, na proposta de alcaldía non cadraban os cartos que se pedían cos gastos comprometidos: nalgunhas pedíanse de máis e noutras de menos.

A planificación no uso dos recursos económicos é algo clave tanto para unha familia, como para unha empresa ou unha administración pública, cousa que parece que o Goberno non acaba de entender. CABE tiña claro que non ía apoiar os despilfarros que está acometendo o Goberno, pero consideramos que había algúns gastos que a pesar da mala xestión, tíñamos que salvar, como os relativos a servizos sociais, ás subvencións deportivas competitivas e ao premio Victoriano Taibo. Gastos os dous últimos que se producen todos os anos, e o goberno en lugar de reservar os cartos correspondentes, gastounos noutras cousas.

Como xesto de responsabilidade presentamos unha enmenda recollendo estas partidas. A proposta que a recollía foi aprobada por toda a oposición e un dos grupos do goberno, demostrando que nós dende a oposición temos máis capacidade de chegar a consensos que quen preside o goberno.

Con respecto á aprobación inicial da taxa da auga, o sentido do noso voto foi en contra por presentarse practicamente fóra de prazo (tiña que ser publicado no BOPPO, abrirse un prazo de alegacións de 30 días e aprobarse definitivamente antes de fin de ano) e por non negociar ningún tipo de mellora coa empresa Espina e Delfín, a cal o bipartito lle prorrogou a concesión 5 anos máis.

En relación á moción da APLU, o que vive fóra da realidade é o concelleiro de Urbanismo, quen se dedica a informar a poboación dicindo que non poden optar a axudas por ter ordes de derribo. A realidade é que estas casas non poden solicitalas por non dispoñer de licencia de obra.

Nós ofrecímonos a apoiar a súa moción se se comprometía a dar licencias independentemente da situación xurídica das vivendas, proposta que o concelleiro non recolleu.

Se quere resolver a situación urbanística de Gondomar, o que ten que facer é traballar nun PXOM. A día de hoxe, aínda non temos sequera un documento de inicio.

Jimena Varela

Gondomar Concello Aberto