14.5.15

Nuria Andión Rodríguez

Dende que era nova, sempre considerei que a política era un asunto que tiña que atinxir a toda a sociedade, xa que a xestión política é a que condiciona a nosa vida cotiá. Estamos a ver agora que os partidos que se veñen alternando no poder dende hai máis de 30 anos toman decisións atendendo aos intereses duns poderes económicos que nós non eliximos, polo que a democracia queda nun mero formalismo. Por outra banda, a permanencia das mesmas persoas nas institucións fai que o caciquismo e a corrupción se convertesen nun mal endémico no noso país. Por isto estou moi ilusionada con esta candidatura de unidade popular, que quere contar con persoas implicadas con este concello, non só para formar parte das candidaturas, senón tamén para participar activamente na vida social, cultural e económica do noso entorno máis próximo. Por iso quero animar a todo o mundo a unirse a este proxecto para sermos o cambio que queremos ver no mundo.