13.5.15

Un paso adiante en participación política

Manuel Janeiro
O que o autor da teoría da identidade social, Henri Tajfel, chamaba paradigma de grupo mínimo, establece que a mera categorización social das persoas en grupos conduce á competición social, baixo a fórmula de favoritismos e sesgos endogrupales, aínda que se trate de grupos artificiais sen a máis mínima interdependencia realista. E dicir, que se vinte descoñecidos divídense en dous grupos de dez e a cada grupo dáselle camisetas diferentes, unhas amarelas e outras verdes, por exemplo, rematan constituíndose como grupo e considerando aos outros o exogrupo. O chamado sesgo  endogrupal consiste en que as persoas favorecen inxustamente aos membros do seu grupo en detrimento dos membros do exogrupo, aínda que a única diferenza entre os dous grupos sexa a cor das súas camisetas.

Os grupos dominantes na participación política son os partidos. Nos partidos, amén das diferenzas ideolóxicas e de clase que os xustifican, dáse, como en calquera outra agrupación, o sesgo endogrupal.  Esta circunstancia non so promove a inxustiza, senón que entorpece a análise social e a reflexión política, pero a solución non é a eliminación dos partidos políticos, porque o que xurde entón é o partido único e o totalitarismo. O exogrupo do partido único e a poboación non militante, que se converte nun grupo vulnerable, silenciado e desarmado.

Na medida que unha organización política sexa quen de articular un sistema de participación cidadán aberto, máis aló dun inxenuo multitudinismo negriano excluinte dos partidos, a outras organizacións coas que comparta pensamento político e obxectivos sociais, e que  estas pluriagrupacións sexan dinámicas; e dicir, susceptibles de distintas conformacións en función de obxectivos sociais lícitos, estarase en disposición de superar o cancro do sesgo endogrupal. Unha de cuxas manifestación máis deplorables é a de antepor a propia supervivencia do grupo ao ben común. 

Para chegar a este estadio de organización aberta, que en principio semella caer en unha temeridade ontolóxica,  porque está disposta a deixar de ser para ser nos outros ou cos outros, hai que superar cando menos tres crenzas entrelazadas: a certeza de que se está en disposición dun absoluto (a verdade), a de crer coñecer o ben común e a de considerarse a ferramenta indispensable para alcanzalo.

Sobre o ben común permítaseme traer aquí algunhas ideas de Slavoj Zizek sobre o concepto:

Non existe un ben común a priori, de antemán, por natureza. Nós non somos só responsables de traballar polo ben común, tamén somos responsables de decidir cál é ese ben común.  Non é algo que simplemente esta aí; pola contra, temos que asumir a responsabilidade de definilo.  
   
O camiño para definir este ben común zizekiano co que acordamos, e establecer fórmulas de reflexión colectiva ao través do que en tempos chamábamos diálogo democrático, que debe entenderse agora como conversación democrática, posto que non son só os axentes sociais os que dialogan, senón as persoas en representación de se mesmas. A conversación política entre persoas fundaméntase no respecto por todas as posición e a multiaxencialidade como método para evitar a aparición do chamado pensamento grupal (groupthinking), que non é outra cousa que unha forma de polarización extrema, tan condicionada pola busca do consenso (ilusión de unanimidade, autocensura) que deteriora a percepción da realidade do grupo. Outra condición necesaria, ao meu xuízo, é que a discusión se estableza dende, en termos lacanianos, o lugar do que sabe, o que non quere dicir que só podan opinar os que saben, os expertos, senón que as opinións deben producirse dende un lugar de coñecemento. A crítica eficaz a un planeamento urbanístico, a un produto cultural ou a unha decisión bioxenética, por exemplo, non pode partir de posición individualistas, como cando os alumno de secundaria determinan a calidade da telebasura baseándose no criterio: "A min gústame". A discusión crítica dende un lugar concreto de coñecemento obriga a un esforzo metodolóxico e documental, pero é probablemente o único xeito de superar, tanto a ditadura do experto, como a banalidade do lego.      

Manuel Janeiro

Gondomar 9 de maio de 2015