5.7.18

Celebración dos plenos e comisión de urbanismo


Na sesión extraordinaria organizativa do Pleno da Corporación Municipal de Gondomar, celebrada o 17 de xullo de 2015,  levouse no punto nº2 da orde do día PROPOSTA DE ALCALDIA RELATIVA A FIXACIÓN DA PERIODICIDADE DAS SESIONS PLENARIAS. 

A proposta literalmente establecía: Primeiro.- Establecer a periodicidade mensual na celebración das sesións ordinarias do Pleno desta Corporación Municipal e fixar como data de celebración da citada sesión ordinaria o primeiro xoves de cada mes, ás 20:00 horas, agás no mes de agosto e no mes de xaneiro, que terán lugar na data previamente consensuada coa Xunta de Voceiros de acordo co calendario laboral de cada ano. Este punto foi aprobado por unanimidade.

Pois ben, mañán día 5 de xullo tería que celebrarse a sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo. Non se celebrará, nin tan sequera está convocada a previa Comisión Informativa de asuntos do Pleno.

Non é un feito inhabitual, nin extraordinario. Dende xuño de 2017 so se celebrou no Concello de Gondomar un so Pleno Ordinario, marzo de 2018,  todos os demais foron convocados fora do acordo adoptado na sesión organizativa do Pleno da Corporación Municipal, mesmo chegándose a desconvocar sesións xa convocadas, como a de outubro do ano pasado. Sen irnos moi para atrás no pasado mes de xuño, a peregrina escusa esgrimida polo Sr. Ferreira para non celebrar sesión ordinaria,  foi a grabación dun programa de televisión. A deste mes de xullo non sabemos cal é, ao mellor o Sr. Ferreira está de probas co seu novo gasto suntuario como é a adquisición dun coche para o seu uso como Alcalde, veleiquí as prioridades da súa acción de goberno.

Entendemos que se teña que modificar un pleno por un problema puntual pero non que se convirta nunha práctica habitual que encubre unha ineficaz ou desnortada acción na xestión do goberno municipal.

Logo  o goberno do Sr. Ferreira chega tarde mal e arrastro nas convocatorias de subvencións ou se perden, ou nin tan sequera se tramitan, feito habitual, ou temos os camiños das parroquias abandonados a súa sorte, cheas de broza e fochancas, ou os contratos adxudícanse a dedo, e determinados servizos duplican o prezo da súa concesión e se pagan.

Outro tanto poderiamos dicir do que tería que ser unha prioridade na acción de goberno, o urbanismo. A comisión funcionou ata xullo de 2016. Tivo unha xuntanza en 2015 e sete no 2016, a última celebrouse o 4 de xullo de 2016. Dende entón a esta comisión de urbanismo vai de suspensión en suspensión ata hoxe. A última desconvocatoria a do mes de xuño, a anterior a do mes de maio,......

E non será por temas a tratar: situación actual do PXOM, cal é o estado do PXOM de Gondomar? Ninguén o sabe máis aló do goberno municipal. A falla de transparencia, publicidade e información é total. En que etapa está o seu contrato de redacción do PXOM, cal é a situación dos núcleos rurais, etc... Temas de suficiente calado e transcendencia para a convocatoria, e celebración, da Comisión de Urbanismo e da que todos, os grupos políticos da corporación e a veciñanza en xeral, deberiamos estar informados.  

Dende o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto expresamos a nosa protesta por este novo desprezo do goberno ás representantes da veciñanza de Gondomar. Hai que ter un mínimo de rigor e de respecto cando se traballa para a cidadanía. 




Gondomar, 4 de xullo de 2018.
Pauliño del Rio Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de CABE.