8.10.17

Nota de Prensa: Uso do galego

Diante da desaparición do galego nos sinais de tráfico no Polígono da Pasaxe e na entrada ao IES Terra de Turonio de Gondomar, sinais que levaban case dúas décadas sen que orixinaran ningunha controversia ou prexuízo a ninguén, o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto quere manifestar o seu estupor e repulsa antes estes feitos ante esta nova agresión gratuíta e sen fundamento á lingua galega.

A normativa estatal de tráfico nada expresa contra os idiomas propios, entre eles o idioma propio de Galiza, o galego. (O artigo 5, apartado 1, do vixente Estatuto de Autonomía que establece que “A lingua propia de Galicia é o galego) 

O Real Decreto Lexislativo 6/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Tráfico, sinala no seu artigo 56 que “As indicacións escritas dos sinais se expresaran, alomenos, na lingua española oficial do Estado”. 

O Real Decreto 1428/2003, de 21 de novembro polo que se aproba o Regulamento Xeral de Circulación establece no seu artigo 138 que as indicacións que acompañen os sinais "figurarán en idioma castelán e, ademais, na lingua oficial da comunidade autónoma recoñecida no estatuto de autonomía, cando a sinalización estea ubicada no ámbito territorial de dita comunidade”. A menos que Gondomar estea fora de Galiza, a retirada do idioma galego dos sinais é claramente ilegal, faise vulnerando a norma. Polo que é radicalmente falso que o goberno municipal estea cumprindo a lei ao establecer o uso exclusivo do español nos sinais.

Ademais esta acción do goberno municipal supón unha nova embestida aos espazos de normalidade e consenso no uso do galego. Os sinais do Polígono da Pasaxe levaban máis de unha década, o do IES Terra de Turonio 18 anos. Que interese esconde crear unha polémica artificial que non existe en Gondomar? A estas alturas quen denuncie un uso abusivo do galego en calquera ámbito da vida ou non vive na realidade ou simplemente ten mala fe.

Estamos ante unha proba máis da falla do apoio decidido polo uso e normalidade do galego do goberno municipal. A hipocresía dun goberno que mentres dicía unha cousa (manteremos o galego nos sinais) facían outra (encargar os sinais so en español).

Os poderes públicos están mandatados para garantir o uso do galego e para potenciar o seu emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.

Ante o retroceso en todos os eidos do galego, os representantes políticos temos a obriga de defendelo, de normalizar un legado histórico que recibimos.

En vez diso este goberno municipal non contento con deturpar a toponimia do Concello, de non cumprir coa Lei de normalización linguística en escritos, documentos, convocatorias ou informes, de utilizar carteis so en español nas indicacións das obras municipais ou nas novas instalacións de lecer ou deportivas, agora incumpre a norma ao excluír o galego dos sinais de tráfico.Debemos recordar que ninguén pode ser discriminado por razón da lingua.

Dende a normalidade e a cordialidade na defensa e o agarimo polo noso idioma o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto exixe a reposición inmediata do galego nos sinais que foron suprimidos polo goberno municipal e levaremos ao próximo Pleno ordinario unha Moción en defensa da normalidade da lingua galega.

Gondomar, 7 de outubro de 2017
Asdo: Pauliño del Rio Iglesias
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto