17.1.17

Nota de Prensa sobre a Taxa da Rede Sumidoiros

O período de pago para a Taxa da Rede Sumidoiros, do Concello de Gondomar, vai dende o 16 de novembro de 2016 ao 16 de xaneiro de 2017.

O normal é que antes de que empece este período de pago os contribuíntes reciban nos seus domicilios tributarios o recibo para proceder ao seu pago no devandito período nas contas das entidades bancarias habilitadas a este efecto polo Concello de Gondomar.

Transcorrido este prazo de pago, período voluntario, iniciarase o procedemento executivo de prema, de conformidade coas disposicións establecidas no vixente Regulamento Xeral de Recadación, procedéndose ao cobro das cotas tributarias que non foran satisfeitas, con recargo de prema, xuros de demora e as costas que procedan.

Pois ben, os veciños e veciñas de Gondomar están a recibir nesta semana os recibos para o pago da devantida taxa de Rede Sumidoiros, cando restan menos de 5 días para o peche do período de pago voluntario (16/01/2017). Son máis de dous mil os contribuíntes afectados. O que está a producir un malestar xeralizado cando reciben a comunicación da obrigación do pago e ven o tempo que lles queda para pagar o recibo. Mesmo hai contribuíntes que non recibiron a comunicación a día de hoxe.

Este retraso na notificación dos recibos en ningún caso debe ser imputado aos veciños e veciñas afectados polo que non poden verse de ningún xeitos perxudicados se non poden pagar, polos motivos que sexan, neste período de pago voluntario ordinario e moito menos que teñan que pagar un recargo de prema, xuros de demora ou costas que procedan.

É por este motivo que o grupo municipal de Gondomar Concello Aberto solicita ao Goberno Municipal que se amplíe o prazo de cobro voluntario desta taxa como mínimo nun mes para poder satisfacer o pago do imposto, que se emita a correspondente Resolución da Alcaldía ao efecto, e se publicite a ampliación do prazo mediante un bando da Alcaldía e nun sitio preferente na páxina web do Concello de Gondomar, ou por calquera outro medio que o goberno estime pertinente para darlle a publicidade necesaria a esta medida para que sexa de xeral coñecemento pola cidadanía.

Gondomar, 11 de xaneiro de 2017.

Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal Gondomar Concello Aberto.