30.9.16

Nota de prensa sobre indemnizacións dos órganos colexiados

Ante o anuncio do Sr.Alcalde de Gondomar de levar ao próximo Pleno a celebrar o día 20 deste mes a redución das indemnizacións por asistencia dos órganos colexiados do Concello, o grupo municipal de CABE quer manifestar o seguinte.

Resulta curiosa, contraditoria e moi selectiva, a memoria do Sr.Alcalde a respeito do Pacto alcanzado no seu día por CABE, MM e PSOE para a gobernanza do Concello de Gondomar.

Despois da saída de CABE do goberno municipal o Sr.Alcalde decidiu subirse o soldo máis dun 20%, argumentou que xa que o pacto non existía, pola saída de CABE do goberno municipal, non se sentía vinculado ao mesmo (pretendeu cobrar 48.686€, porque, segundo manifestou no Pleno o seu salario de 38.880€ supoña estar a pan e auga . Vengoñento). Agora seica o pacto segue en vigor e co só argumento do seu cumprimento pretende rebaixar un 10% as indemnización por asistencia a Plenos, Comisións e Xuntas de Goberno.

A diferenza entre o cobro actual 180€ por comisión informativa e a proposta 162,50€, multiplicada polo número de membros da Comisión, oito, é de 144€. E para realizar este cambio o Sr.Alcalde convoca unha Comisión de Economía, Facenda e Contas, sen mais asunto ca este, que lle vai custar ao erario público 1.440€. Para aforrar 144€ despilfarra 1.440€. Tremendo. Disparate típico do Sr.Ferreira. So pasaran catro días dende que se celebrara a Comisión de Economía, Facenda e Contas correspondente ao Pleno deste mes, onde se puido levar esta proposta sen ningún problema. Non o fixo. Resultado: a súa falla de eficacia vaille custar ao cidadáns de Gondomar 1.440€. Cando reclama aforrar dilapida por incompetente. O pretendido aforro xa o gastou anticipadamente.

Pero hai máis. No tema dos Plenos estamos no mesmo nivel. O Sr.Alcalde pretende aforrar 552€ por pleno, que serían 6.027€ anuais (11 Plenos/ano, en agosto non se celebran). Nada di sen embargo como vai restituír ao erario público os 11.050€ gastados pola súa ineficacia e ineficiencia, ao convocar 2 Plenos para ter que elixir ao xuíz de Paz ou cando necesitou outros dous plenos para nomear aos compoñentes das mesas electorais (veuse obrigado a celebrar dous porque no primeiro non se podían escoller aos membros das mesas porque aínda estaba o censo en período de reclamacións).

Se botamos contas o Sr.Ferreira e o seu Goberno dilapidaron do erario público no asunto de referenza (indemnización dos órganos colexiados), en tan so 8 meses do que vai de ano, dous Plenos, que non deberon ser convocados (5.525 por Pleno) máis 1.440€ dunha Comisión de Contas que tampouco se debeu celebrar, por innecesaria. En total 12.190€ tirados, malgastados pola falla de xestión dun Alcalde incapaz de xestionar unha Administración Pública, un gobernante máis preocupado do seu perfil de facebook que dos problemas reais e cotiás dos veciños e veciñas de Gondomar. Dende CABE nos preguntamos, como vai devolver ao erario público estes 12.190€ ? A súa falla total de control sobre a administración local, a súa inoperancia quedan unha vez máis á vista.

Agora para agochar a súa ineptitude pretende a rebaixa das indemnizacións aos órganos colexiados. Pedímoslle ao Sr.Alcalde un mínimo de responsabilidade na xestión dos cartos públicos, os veciñ@s non poden pagar a factura da súa incapacidade para tramitar, xestionar e resolver os asuntos públicos.

Gondomar, 14 de setembro de 2016.
Asdo.: Pauliño del Río Iglesias.

Voceiro municipal de Gondomar Concello Aberto.