PEDO
Plan Especial de Destrución Organizada
O PEDO redactado polo actual equipo de goberno do Concello de Gondomar substitúe con vantaxe a calquera PXOM convencional, segundo a opinión cualificada dos políticos populares.
O PEDO de Gondomar consta do seguinte articulado.
1. A meirande parte do presuposto será repartido entre o equipo de goberno, baixo a fórmula de soldos, dietas e corruptelas.
2. Os veciños serán desatendidos sistematicamente e saqueados a mínima oportunidade.
3. Para traballar co Excelentísimo Concello de Gondomar haberá que ser membro do partido reinante, nomeadamente o partido popular e os seus aliados.
4. Os servizos municipais tais como auga, alumado e saneamento estarán restrinxido ao centro da vila. Nas parroquias non existirán ou estarán sometidos as leis do amíguesmo e o clientelismo político.
5. Non se limparán os camiños salvo catro ou cinco días antes das eleccións municipais.
6. En todo caso, os camiños serán insuficientes, aleatorios, bacheados, tortuosos, inundables e a ser posible dunha soa dirección.
7. Para axilizar o tráfico rodado, nas estradas non existirán veira rúas, e de existir serán intransitables co gallo de desalentar a actividade peonil.
8. Os tendidos eléctricos e telefónicos serán aéreos contradicindo a normativa europea e demostrando así a nosa soberanía; é dicir, en vez de servizos públicos, serán considerados verdadeiros perigos públicos.
9. Consentirase calquera aterramento, levantamento de muros e usurpación de espazo público sempre que beneficie o interese privado.
10. O urbanismo estará presidido por dous principios incontestables e identitarios: a especulación e o feismo.
11. O patrimonio histórico artístico, pontes, acueduto, muíños, matadoiro, etc. será reducido a ruína, para fomentar a futura actividade dos arqueólogos locais.
12. Non se despilfarrará un só euro en creación de espazos públicos porque para iso xa está Praia América e Vila Nova de Cerveira.
13. Os ríos do municipio son un recurso inestimable para desfacermos das augas sucias, o lixo e a merda que a depuradora da Señorita Pepis non e quen de depurar. A contaminación da Foz non é cousa nosa, pertence a Nigrán e que cada pau aguante a súa vela.
Seguen sesenta e tres artigos máis e algúns anexos, entre os que cabe salientar o que leva por título: Apoio aos familiares e amigos dos alcaldes e concelleiros inhabilitados.