3.5.18

Nota de Prensa: Resuspensión da Xunta de Voceiros

Que o actual goberno vai a deriva é un feito constatable, que o Sr. Alcalde perdeu o siso tamén.

A semana pasada, o 24 de abril, o Sr. Alcalde convoca unha Xunta de Voceiros o 26 de abril para tratar os seguintes temas:
  • Plan remodelación e mellora seguridade de viarios municipais (Plan Depo-REMSE) e Convenio co Povo Saharaui
O Sr. Paco Ferreira que foi quen convocou, poñendo o día e hora que el considerou pertinente, non se presenta á reunión. (Motivo real: estaba tomando café). O mesmo día da súa espantada nos convoca de novo para o día 3 de maio, engadíndolle aos anteriores asuntos os seguintes:
  • Data do Pleno do mes de maio.
  • Data da celebración da Comisión de Urbanismo.
Presentados hoxe na Casa do Concello os distintos voceiros dos grupos municipais para asistir á Xuntanza, esta de novo non se celebra, xa que o Sr. Paco Ferreira estaba noutra reunión.

Non é a primeira vez que o Sr. Paco Ferreira suspende ou mesmo non aparece a unha xuntanza que el mesmo convocou. Pode alguén desconvocar ou non comparecer sen explicar os motivos unha xuntanza que el mesmo convocou e que non consultou con ninguén? O Sr. Paco Ferreira si.

Mentres os demais adaptamos o noso tempo ao que decida o goberno de forma unilateral, eles non respectan nin as súas propias decisións.

Dende o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto expresamos a nosa protesta por este novo desprezo do Sr. Ferreira ás representantes da veciñanza de Gondomar. Hai que ter un mínimo de rigor e de respecto cando se traballa para a cidadanía.

Debemos recordar que tampouco se celebrou a Comisión de Urbanismo convocada para o pasado día 18 de abril logo das discrepancias entre o Sr. Alcalde e o Sr. Tenente de Alcalde a respecto da mesma. Cal é a situación do PXOM de Gondomar? Ninguén o sabe máis aló do goberno municipal. A falla de transparencia, publicidade e información é total. Neste como noutros moitos temas.

O resultado desta calamitosa falla de proceder:
  • Convócase, desconvócase e non se celebra a Comisión de Urbanismo, outra máis, mes de abril. Logo da discusión entre o Sr. Alcalde e o Sr. Tenente e Alcalde sobre cando se ía celebrar e a temática a tratar. Non será pola falla da transcendencia do asunto.
  • Non se convoca en tempo e forma a Comisión Informativa e do pleno ordinario do mes de maio. De novo non haberá pleno ordinario tampouco no mes de maio.
  • Inasistencia por dúas veces da Xunta de Voceiros que el mesmo convocou cando quixo é a hora que quixo. Logo falaremos de consenso e dialogo.

Pero isto non so ocorre no termo municipal de Gondomar, no Pleno de abril da Mancomunidade de Concello do Val MIñor, que el preside, onde se ían tratar os orzamentos do 2018 e o I Convenio Colectivo (GES), chegou 50 minutos tarde, logo de que varios corporativos abandonaran a sesión.

A actitude irresponsable do Sr. Ferreira, a súa falla de respecto aos representantes da veciñanza de Gondomar e a súa forma de comportarse causa estupor e bochorno. Estamos non so ante unha burla ao resto dos grupos municipais, senón ante unha mera e simple falta de educación.

Gondomar, 3 de maio de 2018. 
Pauliño del Río Iglesias. Voceiro de CABE.