27.3.17

Nota de Prensa: CABE denuncia a pérdida dunha subvención de 32.000 euros para actuacións medioambientais

En novembro do pasado ano, e tras consultar con expertas e colectivos en defensa do medioambiente, Gondomar Concello Aberto presentou no Pleno Municipal, mediante moción, unha proposta para a solicitude da subvención correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia. Nesta moción, solicitábamos que estes fondos se destinaran á "rexeneración do tramo que, por parte do persoal técnico, se considere máis necesario ou máis axeitado do río Miñor, cunha plantación de árbores autóctonas de bosque de ribeira que posibilite unha futura eliminacion das invasoras", e que se redactara e executara o proxecto por parte de técnicas competentes na materia.

Pese a ser aprobada por unanimidade, unha vez máis o Goberno Municipal caracterízase polo desleixo coas iniciativas da oposición, e, o que é moito peor, coa búsqueda de financiamento para a acción municipal. O prazo para a presentación desta subvención, que sufraga o 80% de proxectos dun máximo de 40.000 euros, rematou o pasado 20 de febreiro e Gondomar nin sequera o solicitou. É inaceptable o desprezo do bipartito a propostas que eles mesmos votan a prol, chegando ata o punto de perder cartos para accións tremendamente necesarias para o noso municipio como é a rexeneración das ribeiras dos nosos ríos.

Gondomar, 25 de marzo de 2017.

Jimena Varela
Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto