Unha vez analizados os vinte parques que coñecemos, as condicións son moi diversas polo que se pode deducir que non se teñen establecidas unhas condicións mínimas para todos.
O mantemento é escaso ou nulo, excepto no Centro Cultural de Vilaza, o que supón que se vaian deteriorando as instalacións e se incrementen os riscos para os cativos.
Unha vez que se constrúen quedan estáticos sen que se introduzan novos elementos, se modifiquen os existentes ou se introduzan melloras no contorno.
Hai que subliñar que en ningún dos parques existentes existe nin un so elemento adaptado para criaturas con dificultades ou moi pequenas.
Consideramos que se deben establecer uns criterios de mellora para todos eles nos que se contemple:
- Os elementos de xogo a proporcionar aos nenos e nenas, non teñen por que ser os mesmos en todos os parques.
- O mobiliario urbano para acompañar estas instalacións (papeleiras, asentos, fontes de auga potable,...)
- O control do acceso de animais.
- As árbores que doten de sombra, cales son as máis axeitadas. Incrementar a plantación das mesmas, cuidalas para que ofrezan a sombra que se pretende con podas adecuadas e non facendo trasmochados que firan ás árbores e impidan o seu crecemento en boas condicións.
- O mantemento cunha periodicidade establecida que evite riscos aos nenos e nenas.
- A modificación e introdución de elementos que enriquezan as experiencias das crianzas.