26.9.15

Sobre o tanque de tormentas

Imaxe de Gondomar TV

Recibido o correo de Elena Comesaña dicirlle que o compromiso de Gondomar Concello Aberto a respeito do tanque de tormentas e a rexeneración da zona segue a selo mesmo que manifestamos en repetidas ocasións: Non se pode emprazar unha instalación deste tipo no centro da vila de Gondomar. Xa demos os primeiros pasos neste sentido, desbrozando e limpando a zona, queda rexenerala e devolvela ao seu estado orixinal como ribeira do río. E estas actuacións faranse sempre contando coa responsabilidade adquirida cos veciños e veciñas de Gondomar.

Agora e ante as actuacións referidas de recuperación da zona, e despois dunha inacción de case dous anos, e de escusas variadas, a Xunta parece que lle entrou a presa e pretende trocar o proxecto e instalar unha estación de bombeo no mesmo sitio. Agora a tres meses vista do prazo de finalización do proxecto din que se non se fai van perder os fondos europeos. Tarde piaches!

A veciñanza de Gondomar non poder ser quen pague a ineficacia e a ineficiencia dunha administración autonómica ao servizo duns intereses que non son os nosos. Tivo tempo de sobra para rematar o proxecto de saneamento e trocar a ubicación da instalación, e facelo dacordo co sentir da opinión dos veciños e veciñas afectados, que somos todos. Non o fixo e agora pretende levar adiante unha modificación do proxecto para acabar onde empezamos. Un desproposito insensato.

Dende Gondomar Concello Aberto usaremos todos os recursos que temos ao noso alcance, dende os xurídicos normativos e procedimentais, como os da mobilización social para impedir que este novo disparate se leve a cabo.

Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de CABE.