27.3.17

Nota de Prensa: CABE denuncia a pérdida dunha subvención de 32.000 euros para actuacións medioambientais

En novembro do pasado ano, e tras consultar con expertas e colectivos en defensa do medioambiente, Gondomar Concello Aberto presentou no Pleno Municipal, mediante moción, unha proposta para a solicitude da subvención correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia. Nesta moción, solicitábamos que estes fondos se destinaran á "rexeneración do tramo que, por parte do persoal técnico, se considere máis necesario ou máis axeitado do río Miñor, cunha plantación de árbores autóctonas de bosque de ribeira que posibilite unha futura eliminacion das invasoras", e que se redactara e executara o proxecto por parte de técnicas competentes na materia.

Pese a ser aprobada por unanimidade, unha vez máis o Goberno Municipal caracterízase polo desleixo coas iniciativas da oposición, e, o que é moito peor, coa búsqueda de financiamento para a acción municipal. O prazo para a presentación desta subvención, que sufraga o 80% de proxectos dun máximo de 40.000 euros, rematou o pasado 20 de febreiro e Gondomar nin sequera o solicitou. É inaceptable o desprezo do bipartito a propostas que eles mesmos votan a prol, chegando ata o punto de perder cartos para accións tremendamente necesarias para o noso municipio como é a rexeneración das ribeiras dos nosos ríos.

Gondomar, 25 de marzo de 2017.

Jimena Varela
Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto

8.3.17

Son feminista... (IES Politécnico de Vigo)


Convocatoria da manifestación unitaria de feminismo de Vigo - 8 de marzo


Nota de prensa denunciando a perda de subvencións en materia de igualdade do Concello de Gondomar

GONDOMAR CONCELLO ABERTO DENUNCIA A PERDA DE SUBVENCIÓNS EN MATERIA DE IGUALDADE DO CONCELLO DE GONDOMAR

Este 8 de marzo de 2017, conmemórase nun contexto histórico e político cheo de dificultades para as mulleres en particular. Levamos 16 asasinadas por violencia machista no que vai de ano, o peor número da década. Pero iso só é a punta do iceberg dun sistema cultural chamado patriarcado, que está profundamente instalado na nosa sociedade. Poñendo datos enriba da mesa, a fenda salarial supera en Galicia o 20%, sendo os salarios das mulleres galegas os segundos máis baixos do Estado español (tres de cada 10 galegas (o 36,34%) teñen ingresos por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional).

 O pasado día 2 de marzo, no Pleno ordinario do mes de marzo, Gondomar Concello Aberto presentou unha moción con motivo do Día Internacional das Mulleres, aprobada por unanimidade. Ademáis de solicitar que as mulleres do Goberno de Gondomar se sumen ao Paro Feminista Internacional convocado para o 8 de marzo, solicitábamos o aumento do orzamento adicado ás políticas de igualdade. Sabemos as dificultades que isto conleva, tendo en conta que as administracións locais son as máis asfixiadas económicamente, pero trátase dunha aposta política. É por isto que non podemos consentir que, cando existen subvencións doutros entes para políticas de igualde, non se tramiten siquera.

O 2 de xaneiro de 2017, a Federación Española de Municipios e Provincias sacou a seguinte convocatoria: Ayudas para actuaciones dirigidas a facilitar la puesta en marcha de acciones que fomenten la transversalidad de género en los Planes Locales y la conciliación y la corresponsabilidad de mujeres y hombres en la vida personal, familiar y profesional en el ámbito local.  Tratábase dunha subvención que, no caso de Gondomar, podía chegar ata os 10.000 euros. Tras pedir este Grupo Municipal o expediente da tramitación de dita subvención, a resposta da Concellería de Igualdade foi que non tiveron constancia de que existía esa subvención e que polo tanto, non existía ningún expediente .

 Dende Gondomar Concello Aberto novamente esiximos que as políticas en contra da desigualdade entre mulleres e homes sexan unha prioridade real para o Goberno de Gondomar. Isto significa dotalas de recursos, ou ben propios ou mediante subvencións doutros entres, xustamente o que, neste caso, non se fixo no Concello de Gondomar.

 Gondomar, a 7 de marzo de 2017

Jimena Varela Rodríguez
Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto

5.3.17

Nota de prensa denuncioando o incumprimento dos horarios dos autobuses de Melytour

GONDOMAR CONCELLO ABERTO DENUNCIA O INCUMPRIMENTO DOS HORARIOS DOS AUTOBUSES DE MELYTOUR

Melytour publicita na súa páxina web que existe un servizo de autobús os domingos de Vigo a Gondomar ás 20 horas, de Gondomar a Vigo ás 20:30 e novamente de Vigo a Gondomar ás 21 horas. Malia este anuncio, a realidade é que a empresa fai as tres rutas co mesmo conductor e o mesmo autobús, co que lle é imposible chegar a tempo (o percorrido é de 45 minutos aproximadamente) e vai acumulando retrasos: o autobús das 21 horas dos domingos, na práctica non sae ata as 21:30.

Como xa denunciou Gondomar Concello Aberto, a entrada de Gondomar no plan de transporte da Xunta non soluciona o transporte para a xente de Gondomar. Ademáis do histórico problema de Mañufe, temos unha concesionaria que desobedece reiteradamente as súas obrigas, deixando sen transporte a 4 parroquias durante 3 meses ou incumplindo os seus horarios sistemáticamente, e aínda por riba estamos a subvencionala con 90.000 euros de todos e todas as veciñas de Gondomar.

Dende este Grupo Municipal, faremos constar esta queixa á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, solicitando que se inspeccione o servizo prestado por Melytour e se estuden posibles sancións.

Gondomar, 28 de febreiro de 2017.

Jimena Varela
Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto

4.3.17

Posicionamento de CABE sobre o Transporte Interurbano

A equipa de goberno aceptou a entrada de Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano da Xunta de Galicia, cun custe de preto de 90.000 euros nos próximos tres anos. Este diñeiro irá ás mans da Xunta e indirectamente ás empresas de transporte, responsabeis ambalasdúas partes do pésimo servizo do transporte urbano que sufrimos no noso Concello; gástase sen termos por contrapartida a obtención de mellora algunha no servizo. Así por exemplo non obtemos solución ás seguintes situacións:
  • Seguiremos sen ter un servizo directo entre Gondomar e Vigo, xa que non dá solución ao histórico conflito da concesión a dúas empresas.
  • Non se garante ningún novo servizo que solucione as graves deficiencias actuais: o transporte entre a vila e as parroquias; a falta de transporte ao ampus da Universidade, onde cursan este ano académico máis de cen alumnos/as de Gondomar; ou o inadecuado transporte entre as vilas do Val Miñor.
  • A mala planificación do transporte escolar, deixado na man das concesionarias. Iso supón que os horarios dos centros escolares do noso concello estean fixados polas empresas, impedindo que os centros poidan fixar as horas de entrada e saída do alumnado consideradas máis adecuadas. A Xunta FIXA OS HORARIOS DOS CENTROS EN FUNCION DAS DEMANDAS DAS EMPRESAS DE TRANSPORTE; NON DAS DOS COLEXIOS.

Por contra, a única contraprestación obtida é unha subvención universal no prezo do billete, que chega ao 100% no caso dos menores de 19 anos.

CABE debe oporse a entrada neste Plan de Transporte da Xunta nas condicións nas que vén proposto polas seguintes razóns:
  • Posicionamento político xeral do noso grupo, contrario ás subvencións lineais e universais, entendendo que estas deben ser progresivas en función da renda.
  • Falta dun estudo de necesidades do transporte do noso concello que dea lugar a unha planificación axeitada a nivel municipal, incluíndo o transporte mediante empresas concesionarias, o servizo de taxis e posibeis medios propios do Concello. Este sería o punto de partida para negociar a nosa entrada, de ser o caso, no Plan da Xunta.
  • Consideramos que con 90.000 euros pódense facer moitas cousas na mellora do transporte en Gondomar, incluíndo unha subvención do billete; mellor ás persoas que ás empresas e en función da renda. É polo que nos opoñemos a entregar ás cegas ese diñeiro á Xunta de Galicia, proposta defendida polo PP de vello e agora polo goberno.

O principal problema, moi típico do noso Concello, é a falta absoluta de planificación, implicando descoñecemento e análise da realidade. A improvisación, o seguidismo de certas políticas (e políticos) pola actual equipa de goberno, este alcalde á fronte. Só observando as declaración do alcalde hai días na prensa para xustificar a petición (tarde piamos) dun transporte entre as parroquias e a vila: “Si Mos tiene un servicio de líneas internas financiado por la Consellería ¿por que los demás no?” Se estes son os argumentos que ten para xustificar as necesidades do noso Concello, podemos dar por seguro que os graves problemas actuais do transporte non van ter solución en moito tempo.

Mos leva máis dun ano traballando neste tema, dispón dun Plan de Transporte Metropolitano e ten constituída unha comisión de Estudo do Transporte Municipal dende hai máis de seis meses, na que participan todos os grupos políticos e os usuarios, ademais dos técnicos/as municipais.

Polo que concluímos que nos poñamos a traballar por Gondomar con sentido e seriedade dende a participación veciñal e non xoguemos alegremente cos cartos e as verdadeiras necesidades dos veciños e veciñas.

24.2.17

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) no Día de Rosalía de Castro 2017


- En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente.
A lírica que abraza os versos de Rosalía posúe as cores reveladoras da primeira luz.

Imaxino a Rosalía no século XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.


- En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente.
A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas! A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.

Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.


- En Galicia existen infinitas formas de chover:

Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.

E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias. Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un libro e unha flor.

Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo.
#RosalíaTe!


Ledicia Costas
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

19.2.17

Convocatoria de xuntanza do Grupo de Comunicación

Convócase xuntanza do grupo decomunicación,
Día e hora: xoves 23 de febreiro ás 20:45 da mañá
Lugar: local CABE

Convocatoria de xuntanza do Grupo Municipal: Luns 20 de febreiro

Convócase xuntanza do grupo de traballo municipal.
Día e hora: luns 20 de febreiro ás 10:00 da mañá
Lugar: local CABE

16.2.17

Marchas da Dignidade: CABE apoia a manifestación do 25 de febrero.


As Marchas da Dignidade, movemento social que en Galicia aglutina a máis de sesenta organizacións e colectivos sindicais, culturais, sociais e políticos, levan tres anos mobilizándose na rúa para esixir o remate das políticas austericidas que agreden a maioría social.

O vindeiro 25 de febreiro hai convocada na Coruña unha manifestación coa defensa das pensións como tema central, aparte das reinvindicacións habituais do movemento: pan, traballo e teito.

Conscientes da situación dramática que padecen moitas persoas maiores, e incluso moitas familias, que dependen dxs pensionistas da casa para sobrevivir, a asemblea de Gondomar Concello Aberto do pasado 14 de febreiro acordou apoiar a mobilización convocada polas Marchas da Dignidade, prevista para o próximo día 25 de febreiro na Coruña, facendo un chamamento aos veciños e veciñas deste concello a participar na mesma.

Gondomar, a 16 de febreiro de 2016

Jimena Varela Rodríguez
Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto

11.2.17

Convocatoria de xuntanza do Grupo de Traballo sobre urbanismo, mobilidade e medio ambiente

Convócase xuntanza do grupo de traballo sobre urbanismo, mobilidade e medio ambiente
Día e hora: luns 13 de febreiro ás 9:30 da mañá
Lugar: local CABE

Convocatoria de Asemblea Veciñal o 14 de febreiro de 2017

A Mesa convoca asemblea veciñal o vindeiro martes 14 de febreiro ás 21:00 no local de CABEcoa seguinte orde do día:



  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.
  2. Información municipal.
  3. CABE e EN MAREA. Decisións de relación.
  4. Situación económica de CABE. Débedas. Decisións.
  5. Propostas do grupo de comunicación: páxina web, ... Decisións.
  6. Mesa da asemblea. Decisións.
  7. CABE e plataforma anti-TTIP. Adhesión. Decisión.
  8. Preguntas, suxestións e outros temas.

1.2.17

Mocións presentadas por CABE ao Pleno ordinario do mes de febreiro de 2017



Mocións presentadas por CABE ao Pleno ordinario do mes de febreiro de 2017:

  1. Moción sobre o mantemento dos centros de ensino
  2. Moción sobre a participación cidadán en obras nas parroquias

Nota de Prensa sobre o Xulgado de Paz

No Xulgado de Paz de Gondomar aténdese calquera cuestión rexistral que lle planteen as veciñas e veciños, entre outras a expedición de certificados de nacemento, matrimonio ou defunción, xa sexa en forma literal ou de extracto así como expedicións de fe de vida ou estado civil. Tamén se tramitan expedientes de matrimonio e celebracións de voda. Inscricións de matrimonio civil ou relixioso así como a inscrición do nacementos dos fillos ou as defuncións no Concello de Gondomar.

No ámbito civil celébranse xuízos verbais sobre demandas que se refiran a reclamacións de cantidades non superiores aos 90€, actos de conciliación na orde xurisdicional e ditado de dilixencias por auxilio xudicial.

No mes de nadal o goberno municipal, sen avisar, decidiu cambiar a portabilidade do sistema de telefonía. Como consecuencia desta modificación trocouse o seu número fixo de sempre por un número móbil. Evidentemente o fax do Xulgado deixou de funcionar.

Un mes e medio despois o Xulgado de Paz de Gondomar segue sen ter operativo o seu fax, ferramenta imprescindible para realizar de forma correcta o seu traballo xa que a través deste se reciben os exhortos para notificacións ou citacións urxentes dos xulgados de Vigo ou calquera outra demarcación xudicial; tampouco se poden facer peticións de expedición de calquera tipo de certificados ao Rexistro Civil; nin se poden realizar citacións de conciliacións ou mesmo realizar comunicacións varias coa Xunta de Galiza.

A pesares das queixas da veciñanza e dos avisos realizados ao Sr.Alcalde e o seu secretario (Eladio Costas, que para máis inri exerceu de Xuíz de Paz de Gondomar durante anos) esta deficiencia está a día de hoxe sen solucionar.

Dende o grupo municipal de Gondomar Concello Aberto exixímoslle ao Sr.Alcalde una reposición inmediata deste servizo esencial para o funcionamento do Xulgado de Paz e facémoslle responsable de calquera incidencia que se produza por esta falla de dilixencia na acción municipal. Así como faremos chegar unha queixa á Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galiza, competente tamén na materia.

Gondomar, 31 de xaneiro de 2017

Asdo.: Pauliño del Río Iglesias.

Voceiro do Grupo Municipal de CABE.

Acta da Asemblea Veciñal do 19 de xaneiro de 2017

Xa está dispoñible a acta aprobada da asemblea veciñal celebrada o 19 de xaneiro de 2017 no seguiente enlace:

Acta da Asemblea Veciñal do 16 de xullo de 2016

Xa está dispoñible a acta aprobada da asemblea veciñal celebrada o 16 de xullo de 2016 no seguiente enlace:

31.1.17

Concentración en A Ramallosa contra os asasinatos machistas

Ante outro asasinato machista, o de Virginia F. no Carballiño, convócase de novo unha concentración no Val Miñor como xeito de repulsa e para berrar unha vez máis que O MACHISMO MATA!!
Será o vindeiro Mércores 01 de Febreiro ás 20:00 h. na Ramallosa.
Agradécese acudir vestidas de negro.


24.1.17

Convocatoria de Asamblea Veciñal o 28 de xaneiro

A Mesa convoca asemblea extraordinaria o vindeiro sábado 28 de xaneiro ás 19:00 (en primeira convocatoria) no Centro Neural (segunda convocatoria, sen quorum, ás 19:30), coa seguinte orde do día:

1.- Lectura e aprobación, se procede, das actas das asembleas anteriores.
2.- Información municipal.
3.- Cuestións varias de organización:
      -Renovación da mesa (e proposta de "grupo de mesa").
      -Axeitamento á lei vixente.
      -Comisión de contas. Información (e integración de novos compoñentes).
      -Propostas sobre transparencia.
      -Boletín de CABE. Proposta do grupo de comunicación.
4.-, Proposta de integración de CABE na plataforma anti-TTIP.
5.- CABE e En Marea: Información xuntanza con Luis Villares. Decisións.
6.- Preguntas, suxestións e outros temas.


Nota de Prensa sobre desperdicio de auga por parte do Concello

Mentres Augas de Galicia activaba o día 12 deste mes a prealerta por seca na demarcación hidrolóxica Galicia-Costa ante a falla de choivas e o baixo nivel de ríos e encoros por estar nun nivel moi inferior ao normal nesta altura do ano. Por exemplo o embalse de Zamáns está nun 70% da súa capacidade en pleno mes de xaneiro e o de Eiras está nun 80%, cando o habitual nesta época do ano e que estean ao 100%.

Mentres a Axencia Galega de Emerxencia, a Consellaría do Medio Rural, Meteogalicia e Augas de Galicia mantiveron unha xuntanza de coordinación no día de onte onde insistiron na necesidade de moderar o consumo de auga e realizar un uso responsable deste recurso.

Cando a situación metereolóxica atípica dos últimos meses está a provocar que os sistemas hídricos naturais (ríos e acuíferos naturais) non recarguen como sería de esperar e non se produce o almacenamento para unha maior reserva das augas na época estival.

O goberno municipal de Gondomar adícase dende hai cando menos 15 días a baldear as rúas do casco urbano de vila, nun exercicio disparatado de desperdicio de auga.

Cando de todos é sabido que un dos grandes déficits estruturais do noso termo municipal (xunto co saneamento) é a falla de subministro de auga corrente municipal, máis da metade das vivendas do noso concello carecen deste subministro municipal e se teñen que servir das traídas veciñais privadas que existen nas parroquias, ou da auga dos pozos.

E cando levamos escoitando dende sempre que o problema que hai que resolver para solucionar este déficit é que non hai auga dabondo para abastecer a totalidade do subministro municipal, o goberno municipal baldea as rúas en pleno inverno.

Unha vez máis este goberno municipal exemplifica o que non hai que facer e inasequible ao desalento está a estragar un recurso escaso e vital. Logo, dentro duns meses, como cada ano polo vran, emitirán un bando pedíndolle á cidadanía un consumo responsable da auga.

Dende o grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto preguntaremos por este tema no próximo Pleno.

Gondomar, 20 de xaneiro de 2017
Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.