Amosando publicacións coa etiqueta transporte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta transporte. Amosar todas as publicacións

5.3.17

Nota de prensa denuncioando o incumprimento dos horarios dos autobuses de Melytour

GONDOMAR CONCELLO ABERTO DENUNCIA O INCUMPRIMENTO DOS HORARIOS DOS AUTOBUSES DE MELYTOUR

Melytour publicita na súa páxina web que existe un servizo de autobús os domingos de Vigo a Gondomar ás 20 horas, de Gondomar a Vigo ás 20:30 e novamente de Vigo a Gondomar ás 21 horas. Malia este anuncio, a realidade é que a empresa fai as tres rutas co mesmo conductor e o mesmo autobús, co que lle é imposible chegar a tempo (o percorrido é de 45 minutos aproximadamente) e vai acumulando retrasos: o autobús das 21 horas dos domingos, na práctica non sae ata as 21:30.

Como xa denunciou Gondomar Concello Aberto, a entrada de Gondomar no plan de transporte da Xunta non soluciona o transporte para a xente de Gondomar. Ademáis do histórico problema de Mañufe, temos unha concesionaria que desobedece reiteradamente as súas obrigas, deixando sen transporte a 4 parroquias durante 3 meses ou incumplindo os seus horarios sistemáticamente, e aínda por riba estamos a subvencionala con 90.000 euros de todos e todas as veciñas de Gondomar.

Dende este Grupo Municipal, faremos constar esta queixa á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, solicitando que se inspeccione o servizo prestado por Melytour e se estuden posibles sancións.

Gondomar, 28 de febreiro de 2017.

Jimena Varela
Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto

4.3.17

Posicionamento de CABE sobre o Transporte Interurbano

A equipa de goberno aceptou a entrada de Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano da Xunta de Galicia, cun custe de preto de 90.000 euros nos próximos tres anos. Este diñeiro irá ás mans da Xunta e indirectamente ás empresas de transporte, responsabeis ambalasdúas partes do pésimo servizo do transporte urbano que sufrimos no noso Concello; gástase sen termos por contrapartida a obtención de mellora algunha no servizo. Así por exemplo non obtemos solución ás seguintes situacións:
  • Seguiremos sen ter un servizo directo entre Gondomar e Vigo, xa que non dá solución ao histórico conflito da concesión a dúas empresas.
  • Non se garante ningún novo servizo que solucione as graves deficiencias actuais: o transporte entre a vila e as parroquias; a falta de transporte ao ampus da Universidade, onde cursan este ano académico máis de cen alumnos/as de Gondomar; ou o inadecuado transporte entre as vilas do Val Miñor.
  • A mala planificación do transporte escolar, deixado na man das concesionarias. Iso supón que os horarios dos centros escolares do noso concello estean fixados polas empresas, impedindo que os centros poidan fixar as horas de entrada e saída do alumnado consideradas máis adecuadas. A Xunta FIXA OS HORARIOS DOS CENTROS EN FUNCION DAS DEMANDAS DAS EMPRESAS DE TRANSPORTE; NON DAS DOS COLEXIOS.

Por contra, a única contraprestación obtida é unha subvención universal no prezo do billete, que chega ao 100% no caso dos menores de 19 anos.

CABE debe oporse a entrada neste Plan de Transporte da Xunta nas condicións nas que vén proposto polas seguintes razóns:
  • Posicionamento político xeral do noso grupo, contrario ás subvencións lineais e universais, entendendo que estas deben ser progresivas en función da renda.
  • Falta dun estudo de necesidades do transporte do noso concello que dea lugar a unha planificación axeitada a nivel municipal, incluíndo o transporte mediante empresas concesionarias, o servizo de taxis e posibeis medios propios do Concello. Este sería o punto de partida para negociar a nosa entrada, de ser o caso, no Plan da Xunta.
  • Consideramos que con 90.000 euros pódense facer moitas cousas na mellora do transporte en Gondomar, incluíndo unha subvención do billete; mellor ás persoas que ás empresas e en función da renda. É polo que nos opoñemos a entregar ás cegas ese diñeiro á Xunta de Galicia, proposta defendida polo PP de vello e agora polo goberno.

O principal problema, moi típico do noso Concello, é a falta absoluta de planificación, implicando descoñecemento e análise da realidade. A improvisación, o seguidismo de certas políticas (e políticos) pola actual equipa de goberno, este alcalde á fronte. Só observando as declaración do alcalde hai días na prensa para xustificar a petición (tarde piamos) dun transporte entre as parroquias e a vila: “Si Mos tiene un servicio de líneas internas financiado por la Consellería ¿por que los demás no?” Se estes son os argumentos que ten para xustificar as necesidades do noso Concello, podemos dar por seguro que os graves problemas actuais do transporte non van ter solución en moito tempo.

Mos leva máis dun ano traballando neste tema, dispón dun Plan de Transporte Metropolitano e ten constituída unha comisión de Estudo do Transporte Municipal dende hai máis de seis meses, na que participan todos os grupos políticos e os usuarios, ademais dos técnicos/as municipais.

Polo que concluímos que nos poñamos a traballar por Gondomar con sentido e seriedade dende a participación veciñal e non xoguemos alegremente cos cartos e as verdadeiras necesidades dos veciños e veciñas.