28.5.15
Convocatoria da Asemblea Veciñal de Gondomar Concello Aberto
Como xa ben saberedes os resultados electorais do 24 de maio sitúan a Gondomar Concello Aberto (CABE) nunha posición clave para o futuro do Concello. Os veciños e veciñas de Gondomar decidiron co seu voto apartar o PP do Goberno Municipal e non outorgar unha nova maioría a ningunha das outras forzas políticas. Isto supón que Gondomar esixe unha nova forma de enfocar o seu goberno na que se superen as maneiras autoritarias de exercelo convidándonos a pensar no mesmo de xeito colaborador. É dicir, os resultados esíxenos que se acade a estabilidade de goberno dende un entendemento dentro da pluralidade e dentro da esquerda.Un dos compromisos básicos acordados na constitución do noso movemento foi o de decidir na Asemblea Veciñal os eventuais pactos post-electorais. E nesas estamos. O escenario que se abre tras os resultados electorais esíxennos discutir e decidir nesa delicada materia. Por iso convocamos a Asemblea presencial a celebrar no local de Gondomar Concello Aberto o próximo sábado, día 30 de maio, ás 20:00 h, coa seguinte Orde do día:
1. Valoración dos resultados das Eleccións Municipais
2. Propostas de actuación e marco xurídico no que encaixalas
3. Equipo de traballo municipal. Eventual elección do mesmo (1)
4. Elección da Mesa da Asemblea que funcionará ata a seguinte Asemblea presencial
5. Rolda libre de intervencións
Por parte da Mesa da Asemblea:
Pepe Paraños
(1) Dada as circunstancias sobrevidas a partir dos resultados electorais con demandas de declaracións por parte da prensa, nunha reunión informal da candidatura, ampliada con participantes activos/as na campaña electoral, acordouse nomear como portavoces provisionais ata esta Asemblea á nosa candidata, xa concelleira, Jimena Varela e aos nosos candidatos, xa concelleiros, Josué Villar e Pauliño del Río.
22.5.15
Josué Villar Ballesteros
Dende que traballo en política perseguín como obxectivos a unidade da esquerda, a democracia participativa, e unha xestión responsable do público. Por iso considero que Gondomar Concello Aberto me representa. E fágoo porque neste momento da miña vida podo garantir o meu compromiso absoluto con este proxecto veciñal que, entendo, pode significar unha transformación profunda e irreversible da nosa vila.
Aínda sendo novo sei que podo aportar a miña experiencia política desenvolta nestes últimos anos así como o coñecemento do funcionamento do Concello, xa que traballei nel, en prácticas, en 2014.
Pura González Martínez
Presento a miña candidatura a Gondomar Concello Aberto para dar a cara por esta iniciativa política. Levo moitos anos ansiando unha opción política de unidade dende a esquerda, non só para o concello senón para todas as Administracións, e Gondomar Concello Aberto é todo o que puidemos conseguir.Mágoa que non sexa a unidade de todas as opcións políticas de esquerda, pero os e as que aquí estamos intentámolo ate o final. Mágoa! Quero manifestar que para min a esquerda é irremediablemente nacionalista. E quero decir que se goberna quen goberna é porque nós llo permitimos, co noso voto, coa nosa abstención, co noso desleixo, coa nosa desunión.... Os que gobernan agora non son maioría, son minoría unida, e moi unida, por intereses espurios.
PEDO. Plan Especial de Destrución Organizada
PEDO
Plan Especial de Destrución Organizada
O PEDO redactado polo actual equipo de goberno do Concello de Gondomar substitúe con vantaxe a calquera PXOM convencional, segundo a opinión cualificada dos políticos populares.
O PEDO de Gondomar consta do seguinte articulado.
1. A meirande parte do presuposto será repartido entre o equipo de goberno, baixo a fórmula de soldos, dietas e corruptelas.
2. Os veciños serán desatendidos sistematicamente e saqueados a mínima oportunidade.
3. Para traballar co Excelentísimo Concello de Gondomar haberá que ser membro do partido reinante, nomeadamente o partido popular e os seus aliados.
4. Os servizos municipais tais como auga, alumado e saneamento estarán restrinxido ao centro da vila. Nas parroquias non existirán ou estarán sometidos as leis do amíguesmo e o clientelismo político.
5. Non se limparán os camiños salvo catro ou cinco días antes das eleccións municipais.
6. En todo caso, os camiños serán insuficientes, aleatorios, bacheados, tortuosos, inundables e a ser posible dunha soa dirección.
7. Para axilizar o tráfico rodado, nas estradas non existirán veira rúas, e de existir serán intransitables co gallo de desalentar a actividade peonil.
8. Os tendidos eléctricos e telefónicos serán aéreos contradicindo a normativa europea e demostrando así a nosa soberanía; é dicir, en vez de servizos públicos, serán considerados verdadeiros perigos públicos.
9. Consentirase calquera aterramento, levantamento de muros e usurpación de espazo público sempre que beneficie o interese privado.
10. O urbanismo estará presidido por dous principios incontestables e identitarios: a especulación e o feismo.
11. O patrimonio histórico artístico, pontes, acueduto, muíños, matadoiro, etc. será reducido a ruína, para fomentar a futura actividade dos arqueólogos locais.
12. Non se despilfarrará un só euro en creación de espazos públicos porque para iso xa está Praia América e Vila Nova de Cerveira.
13. Os ríos do municipio son un recurso inestimable para desfacermos das augas sucias, o lixo e a merda que a depuradora da Señorita Pepis non e quen de depurar. A contaminación da Foz non é cousa nosa, pertence a Nigrán e que cada pau aguante a súa vela.
Seguen sesenta e tres artigos máis e algúns anexos, entre os que cabe salientar o que leva por título: Apoio aos familiares e amigos dos alcaldes e concelleiros inhabilitados.
21.5.15
Jimena Varela Rodríguez
Vivimos en tempos de emerxencia social, de crise sistémica. Ante este escenario de excepción, a resposta das organizacións políticas debe ser tamén de excepción. Por isto, dende Esquerda Unida Gondomar apostamos pola confluencia dende o momento do noso nacemento: unha unidade non só das organizacións, se non da maioría social que se sinte atacada polas políticas actuais.
Pauliño del Río Iglesias
Todos e todas facemos política, por acción ou omisión, e articulamos a sociedade coa nosa actitude. Cada xesto e cada práctica crea e modula a sociedade na que vivimos. Do mesmo xeito que queremos un mundo sostible, hai que realizar unha política sostible, sen privilexios ou prebendas.Non so hai que trocar o discurso senón as formas e prácticas de facer política. Un proceso que non empeza nin remata no presente, somos herdeiros de moita boa xente que deixou os mellores anos da súa vida na loita polo ben común.
No proceso colectivo de participación cívica a ética é a creación de espazos de xustiza e liberdade para vivir con dignidade. Do mesmo xeito que é importante rodearte de xente que non sempre che dea a razón, é importante confluír en procesos transversais cos veciños e veciñas para facer cousas en común. As cousas colectivas debémolas facer entre tod@s. Debemos sumar esforzos, xerar empatía, ilusión e gañas.
Xente do común para un traballo en común, a gobernanza do noso Concello.
Margarita Cachaza Valeiro
Estou moi ilusionada co movemento Gondomar Concello Aberto, coa implicación que nel teñen veciños e veciñas, coa súa innovadora maneira de querer facer política de confluencia no Concello entendendo esta como unha construción colectiva que guíe o que debe facerse no concello e como debe facerse. A nosa é unha vila pródiga en bens naturais que proporcionan á área recursos incomprensiblemente desatendidos. Aséntase, así mesmo, nun lugar estratéxico e privilexiado percibido así polos foráneos. Políticas activas de comunicación no Val e diversificación formativa para a nosa xuventude proporcionarían un pulo eficaz e irreversible ao desenvolvemento sostible da nosa vila.
Lamento fondamente o tempo perdido por corporacións incompetentes nas que non faltaron persoas indignas de ostentar un cargo público. Por iso no podo ser indiferente á necesidade de contribuír coa miña forza e experiencia en xestión pública á formación dun goberno municipal forte e competente. Gondomar aínda está a tempo.
20.5.15
Manuel Anxo Fortes Torres
Participar nun proxecto unitario de conquista da democracia municipal. Colaborar con facer real o que o nome da candidatura di, facer de Gondomar un concello aberto, aberto á cidadanía, na que esta conquiste a política, a partipación directa e transparente en todo o que afecta ao seu concello. Colaborar en facer real en Gondomar o que aquela cantiga dicía: "o povo é quen máis ordena, dentro de ti oh cidade!
19.5.15
Fátima Rodríguez Areal
18.5.15
Jesús Araújo Nores
Eli Suárez Amarelo
Creo que con esta proposta podemos cambiar Gondomar entre todas as personas que vivimos aquí. Levo anos de disgusto con como se xestiona este concello, coa corrupción demostrada, coa falta de transparencia e as prácticas a espaldas da xente. Confío na posibilidade de cambiar este funcionamento: primeiro elaborando o programa entre todos logo co compromiso ético dos que participen na candidatura e, por último, coa participación da veciñanza para facer propostas e controlar o desempeño dos cargos electos.A min gústame Gondomar, estou orgullosa de vivir aquí, e confío en que pode ser un lugar no que teñamos unha mellor calidade de vida e máis oportunidades de traballo, lecer e relación. Creo que temos moitas posibilidades e estou disposta a aportar o meu compromiso, traballo e servizo para conseguilo.
Borja Nande Domínguez
Nacín en Mañufe hai 24 anos e pico. Coñecín, tal e como ía crecendo, as formas de ver a realidade dunha morea de persoas, de procedencia totalmente distinta. E nese proceso tiven que aprender a razoar e a falar para expresar o que eu pensaba, sacando unha conclusión fundamental: As palabras serven para expresar o que pensas ou tentar acadar o que desexas, pero non din nunca quen es exactamente. Existiu sempre un abuso desta utilidade, ata degradar as palabras a un nivel nunca visto, sobre todo pola clase política.Podería dar centos de argumentos sobre a xestión municipal e o que se podería facer en Gondomar cun cambio na vontade política, como xustificación desta candidatura. Pero, non sería orixinal, ese é o caso que nos une a todos os que traballamos nesta forza. Realmente, a única motivación válida é a de facer un exercicio de coherencia. Ilusióname escoitar a persoas que se queixan de todo o existente, pero estou farto de todos aqueles que se queixan e quedan tranquilamente na casa, agardando. Dar un paso adiante, todos nós, confírenos una grao de coherencia, que é a primeira pedra para conformar unha nova realidade tan, absurdamente, necesaria.
17.5.15
Ana Valenzuela Amorín
O nacemento en Gondomar dun movemento aberto, plural, de unidade, que pretende facer partícipes aos veciños e veciñas nas decisións que corresponden ao Concello é a razón fundamental pola que eu quero implicarme e me implico nesta candidatura.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)



.jpg)






