31.1.17

Concentración en A Ramallosa contra os asasinatos machistas

Ante outro asasinato machista, o de Virginia F. no Carballiño, convócase de novo unha concentración no Val Miñor como xeito de repulsa e para berrar unha vez máis que O MACHISMO MATA!!
Será o vindeiro Mércores 01 de Febreiro ás 20:00 h. na Ramallosa.
Agradécese acudir vestidas de negro.


24.1.17

Convocatoria de Asamblea Veciñal o 28 de xaneiro

A Mesa convoca asemblea extraordinaria o vindeiro sábado 28 de xaneiro ás 19:00 (en primeira convocatoria) no Centro Neural (segunda convocatoria, sen quorum, ás 19:30), coa seguinte orde do día:

1.- Lectura e aprobación, se procede, das actas das asembleas anteriores.
2.- Información municipal.
3.- Cuestións varias de organización:
      -Renovación da mesa (e proposta de "grupo de mesa").
      -Axeitamento á lei vixente.
      -Comisión de contas. Información (e integración de novos compoñentes).
      -Propostas sobre transparencia.
      -Boletín de CABE. Proposta do grupo de comunicación.
4.-, Proposta de integración de CABE na plataforma anti-TTIP.
5.- CABE e En Marea: Información xuntanza con Luis Villares. Decisións.
6.- Preguntas, suxestións e outros temas.


Nota de Prensa sobre desperdicio de auga por parte do Concello

Mentres Augas de Galicia activaba o día 12 deste mes a prealerta por seca na demarcación hidrolóxica Galicia-Costa ante a falla de choivas e o baixo nivel de ríos e encoros por estar nun nivel moi inferior ao normal nesta altura do ano. Por exemplo o embalse de Zamáns está nun 70% da súa capacidade en pleno mes de xaneiro e o de Eiras está nun 80%, cando o habitual nesta época do ano e que estean ao 100%.

Mentres a Axencia Galega de Emerxencia, a Consellaría do Medio Rural, Meteogalicia e Augas de Galicia mantiveron unha xuntanza de coordinación no día de onte onde insistiron na necesidade de moderar o consumo de auga e realizar un uso responsable deste recurso.

Cando a situación metereolóxica atípica dos últimos meses está a provocar que os sistemas hídricos naturais (ríos e acuíferos naturais) non recarguen como sería de esperar e non se produce o almacenamento para unha maior reserva das augas na época estival.

O goberno municipal de Gondomar adícase dende hai cando menos 15 días a baldear as rúas do casco urbano de vila, nun exercicio disparatado de desperdicio de auga.

Cando de todos é sabido que un dos grandes déficits estruturais do noso termo municipal (xunto co saneamento) é a falla de subministro de auga corrente municipal, máis da metade das vivendas do noso concello carecen deste subministro municipal e se teñen que servir das traídas veciñais privadas que existen nas parroquias, ou da auga dos pozos.

E cando levamos escoitando dende sempre que o problema que hai que resolver para solucionar este déficit é que non hai auga dabondo para abastecer a totalidade do subministro municipal, o goberno municipal baldea as rúas en pleno inverno.

Unha vez máis este goberno municipal exemplifica o que non hai que facer e inasequible ao desalento está a estragar un recurso escaso e vital. Logo, dentro duns meses, como cada ano polo vran, emitirán un bando pedíndolle á cidadanía un consumo responsable da auga.

Dende o grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto preguntaremos por este tema no próximo Pleno.

Gondomar, 20 de xaneiro de 2017
Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.

17.1.17

Nota de Prensa sobre a Taxa da Rede Sumidoiros

O período de pago para a Taxa da Rede Sumidoiros, do Concello de Gondomar, vai dende o 16 de novembro de 2016 ao 16 de xaneiro de 2017.

O normal é que antes de que empece este período de pago os contribuíntes reciban nos seus domicilios tributarios o recibo para proceder ao seu pago no devandito período nas contas das entidades bancarias habilitadas a este efecto polo Concello de Gondomar.

Transcorrido este prazo de pago, período voluntario, iniciarase o procedemento executivo de prema, de conformidade coas disposicións establecidas no vixente Regulamento Xeral de Recadación, procedéndose ao cobro das cotas tributarias que non foran satisfeitas, con recargo de prema, xuros de demora e as costas que procedan.

Pois ben, os veciños e veciñas de Gondomar están a recibir nesta semana os recibos para o pago da devantida taxa de Rede Sumidoiros, cando restan menos de 5 días para o peche do período de pago voluntario (16/01/2017). Son máis de dous mil os contribuíntes afectados. O que está a producir un malestar xeralizado cando reciben a comunicación da obrigación do pago e ven o tempo que lles queda para pagar o recibo. Mesmo hai contribuíntes que non recibiron a comunicación a día de hoxe.

Este retraso na notificación dos recibos en ningún caso debe ser imputado aos veciños e veciñas afectados polo que non poden verse de ningún xeitos perxudicados se non poden pagar, polos motivos que sexan, neste período de pago voluntario ordinario e moito menos que teñan que pagar un recargo de prema, xuros de demora ou costas que procedan.

É por este motivo que o grupo municipal de Gondomar Concello Aberto solicita ao Goberno Municipal que se amplíe o prazo de cobro voluntario desta taxa como mínimo nun mes para poder satisfacer o pago do imposto, que se emita a correspondente Resolución da Alcaldía ao efecto, e se publicite a ampliación do prazo mediante un bando da Alcaldía e nun sitio preferente na páxina web do Concello de Gondomar, ou por calquera outro medio que o goberno estime pertinente para darlle a publicidade necesaria a esta medida para que sexa de xeral coñecemento pola cidadanía.

Gondomar, 11 de xaneiro de 2017.

Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal Gondomar Concello Aberto.

Convocatoria de Asamblea Veciñal o 19 de xaneiro

A Mesa convoca asemblea extraordinaria o vindeiro xoves 19 de xaneiro ás 21,30 no local de Cabe no CDL cun uúnico punto na orde do día:

- Relación Cabe - En Marea

5.12.16

Convocatoria de Asamblea Veciñal o 10 de decembro

A mesa da asemblea convoca á  Asemblea de CABE o vindeiro sábado 10 de decembro de 2016 ás 19:00 en primeira convocatoria e ás 19:30 en segunda convocatoria no centro Neural coa seguinte orde do día.

Orde do dia :
  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.
  2. Información municipal.
  3. Cuestións varias de organización:
    • Renovación da mesa (e proposta de "grupo de mesa").
    • Axeitamento á lei vixente.
    • Comisión de contas. Información (e integración de novos compoñentes).
    • Propostas sobre transparencia.
    • Boletín de CABE. Proposta do grupo de comunicación.
  4. Proposta de integración de CABE na plataforma anti-TTIP.
  5. CABE e En Marea.
  6. Preguntas, suxestións e outros temas.

Asambleas veciñais de CABE sobre a Taxa do Lixo en Borreiros e Mañufe

Dende os principios de participación e cooperación cidadáns, o grupo municipal de CABE fará as seguintes asambleas veciñais para falar da Taxa do Lixo e do Regulamento Medioambiental propostos polo goberno municipal e da nosa alternativa:


  • Borreiros: xoves, 8 de decembro ás 12:30 horas.
  • Mañufe: domingo, 11 de decembro ás12.30 horas,.

24.11.16

Nota de Prensa sobre a falta de políticas municipais serias no ámbito da violencia machista

Tras un ano e medio no goberno, o bipartito de Gondomar segue sen convocar o Consello Municipal de Muller, a pesar das preguntas de CABE no Pleno ao respecto, e segue sen presentar a avaliación do III Plan de Igualdade 2012-2015, polo que a participación e o seguimento das políticas de igualdade, non só de parte da Corporación senón da sociedade civil, non existen.

Qué loita contra a violencia de xénero conmemora un goberno que non cumple nin sequera os seu propio Plan de Igualdade (que por certo, é o do goberno anterior prorrogado, porque un plan novo, según o Alcalde, “costaba moitos cartos”)? Non se presentou a avalación anual prevista no mesmo, nin a finais do 2015, nin parece que se vaia a facer no 2016.

Dende Gondomar Concello Aberto esiximos que, máis alá dos actos puntuais, as políticas contra a violencia machista sexan unha prioridade durante todo o ano no Concello de Gondomar. As mulleres non queremos nin necesitamos que nos solten globos na nosa honra nin que nos dediquen luces de Nadal, como fai o Concello de Gondomar no Día Internacional contra as Violencias Machistas.

Necesitamos que non nos asasinen, que non nos maltraten, que non nos violen.
Necesitamos formación contra o machismo na infancia e na adolescencia, necesitamos servizos públicos de calidade, necesitamos políticas de conciliación, necesitamos e esiximos ao goberno de Gondomar que nos faga partícipes das decisións e das políticas de igualdade municipais.

Gondomar, 23 de novembro de 2016.
Jimena Varela
Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto

Concentración convocada pola Marcha Mundial das Mulleres polo 25N



Nota de Prensa sobre a incomparecencia dos grupos do goberno municipal na Xunta de Voceiros

Mediante escrito do Concello de Gondomar de data 11.11.2016 fomos convocados polo goberno a unha Xunta de Voceiros a celebrar este pasado xoves día 17 na Sala de Xuntas do Concello de Gondomar.

A devandita Xunta de Voceiros, tiña como orde do día os seguintes puntos:

  1. Data da celebración Pleno de decembro.
  2. Adhesión convenio de transportes metropolitano.
  3. Procedemento de presentación de mocións.
  4. Información sobre o Proxecto Sectorial de A Pasaxe.

Ningún membro dos grupos municipais que integran o goberno asistiu á devandita Xunta. Incomparecencia inxustificada e inxustificable. Para máis inri na propia convocatoria puña “en caso de non poder acudir o comunique para poder escusalo”. Tremendo.

Resulta escandaloso que quen convoca unha xuntanza non compareza na mesma, nin tan sequera dea algunha explicación da súa ausencia, mesmo cando existe a posibilidade da súa substitución por outros representantes dos seus grupos políticos.

Ou considera o Sr. Alcalde que os temas a tratar e polo que convocou ao resto dos partidos (Transporte metropolitano ou a Ordenación do Polígono industrial da Pasaxe) non son temas transcendentes e importantes para o Concello de Gondomar. Logo virán coa milonga do consenso. Ou tal vez pretenda o Sr.Ferreira a celebración da Xunta de Voceiros vía facebook.

Esta espantada dos voceiros dos grupos do goberno ven demostrar, unha vez máis, a falla de control e de xestión da administración pública que pretendidamente dirixen. Unha mostra máis do desprezo que o actual goberno, co Sr.Alcalde á cabeza, teñen polo traballo e o tempo do resto da Corporación municipal, que tamén representan á cidadanía de Gondomar.

Dende o grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto exiximoslle ao Sr.Alcalde un mínimo de respecto institucional á Corporación que representa.

Gondomar, 18 de novembro de 2016.
Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.

14.11.16

Convocatorio do Grupo de Traballo de Participación Cidada o 16 de novembro de 2016

Convócase Grupo de Traballo Municipal de Participación para este Mércores 16 de Novembro ás 21:00h na sede de Gondomar CABE sita no CDL de Gondomar.
Orde do día:
  1. Lectura do borrador da alegación ao Regulamento de Participación Veciñal por parte do Concelleiro.
  2. Propostas de corrección, eliminación e/ou sustitución dos diferentes enunciados do borrador.
  3. Propostas.

Charla sobre Axudas Sociais en Nigrán o 18 de novembro


13.11.16

Mocións presentadas por CABE ao Pleno ordinario do mes de novembro

Mocións presentadas por CABE ao Pleno ordinario do mes de novembro:

  1. Moción pola derrogación das reválidas
  2. Moción para a creación de hortas comunitarias
  3. Moción para a solicitude da subvención do fondo de compensación ambiental 2017
  4. Moción de apoio ás reivindicacións das traballadoras e traballadores de Extel 

Xuntanza aberta para a formación de En Marea Gondomar

O vindeiro martes 15 de Novembro celebrarase unha xuntanza previa aberta para a formación de En Marea Gondomar.
Lugar: Cafetería Píntega de Gondomar.
Hora: 20,00

Análise e conclusións do Grupo de Traballo Infancia de CABE sobre o equipamento dos parques infantís do concello

O grupo de traballo Infancia de Cabe ten adicado as súas primeiras reunións a analizar os equipamentos dos parques infantís do noso concello xa que consideramos que o xogo é imprescindible para o desenvolvemento dos nenos e nenas e así esta recollido na carta dos dereitos da infancia.
Unha vez analizados os vinte parques que coñecemos, as condicións son moi diversas polo que se pode deducir que non se teñen establecidas unhas condicións mínimas para todos.
O mantemento é escaso ou nulo, excepto no Centro Cultural de Vilaza, o que supón que se vaian deteriorando as instalacións e se incrementen os riscos para os cativos.
Unha vez que se constrúen quedan estáticos sen que se introduzan novos elementos, se modifiquen os existentes ou se introduzan melloras no contorno.
Hai que subliñar que en ningún dos parques existentes existe nin un so elemento adaptado para criaturas con dificultades ou moi pequenas.
Consideramos que se deben establecer uns criterios de mellora para todos eles nos que se contemple:

  • Os elementos de xogo a proporcionar aos nenos e nenas, non teñen por que ser os mesmos en todos os parques.
  • O mobiliario urbano para acompañar estas instalacións (papeleiras, asentos, fontes de auga potable,...)
  • O control do acceso de animais.
  • As árbores que doten de sombra, cales son as máis axeitadas. Incrementar a plantación das mesmas, cuidalas para que ofrezan a sombra que se pretende con podas adecuadas e non facendo trasmochados que firan ás árbores e impidan o seu crecemento en boas condicións.
  • O mantemento cunha periodicidade establecida que evite riscos aos nenos e nenas.
  • A modificación e introdución de elementos que enriquezan as experiencias das crianzas.
Ademais pensamos que se debe buscar un novo xeito de entender estes espazos polo que se debería propor un concurso entre profesionais locais para o deseño e construción actual dun parque infantil que supoña un espazo de ocio e crecemento onde os nenos e nenas poidan xogar e experimentar en liberdade.

18.10.16

Nota de prensa sobre verquido no río Zamáns

NOVO VERQUIDO DE FECAIS AO RÍO ZAMANS EN VINCIOS.

O pasado 27 de setembro, Gondomar Concello Aberto denunciou un verquido de augas fecais orixinado no colector de saneamento do Zamáns á altura do barrio de Rocha na parroquia de Vincios, concretamente na Ponte do Seixidal a 100 metros cara Zamans. No entronque entre o colector principal e o ramal secundario.

Dende Gondomar Concello Aberto pedíramoslle ao goberno municipal, Concellaría de Infraestruturas e Servizos Básicos que tomara cartas no asunto, avaliara os seus efectos, minimizara o seu impacto e puxera os medios necesarios para que non se volvera producir.

Nada disto fixo o incompetente goberno municipal, que obviou o asunto, e seguiu tranquilamente paseando polo facebook e demais redes sociais.

Froito deste pasotismo e inacción do Sr.Alcalde e concelleir@s responsables é que o verquido de augas fecais volveuse producir estes días (achegamos de fotos da desfeita ocasionada).

Tendo en conta que no pasado Pleno Ordinario do mes de outubro, que se celebrou o pasado día 6, preguntamos por este asunto sen que o Sr.Alcalde se dignase nin tan sequera a contestar.

E de que existe na parroquia de Vincios unha evidente e lóxica alarma e preocupación por estes verquidos continuados nas beiras e no propio río Zamáns. Co agravante da súa localización, debemos ter en conta a situación da area de verquido que por estar situada na zona alta do cauce afecta a gran parte do curso do río e a propia Foz do Miñor. Xerando un problema medioambiental e de saúde pública.

É por polo que Gondomar Concello Aberto presentará unha Moción no Pleno de Novembro para tratar este asunto e darlle unha solución.

Gondomar. 14 de outubro de 2016
Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.