16.6.16

Acto de campaña de En Marea en Gondomar

O xoves 17 de xuño ás 19 horas celébrase no Auditorio Lois Tobío de Gondomar un acto central de campaña de En Marea, cos seguintes intervintes:
  • ALEXANDRA FERNÁNDEZ, cabeza de lista por Pontevedra ao Congreso.
  • ÁNGELA RODRÍGUEZ, nº2 da lista por Pontevedra ao Congreso.
  • JOSUÉ VILLAR, concelleiro de Gondomar Concello Aberto e nº3 da lista por Pontevedra ao Congreso.
  • VANESSA ANGUSTIA, candidata por Pontevedra ao Senado.
  • XOSÉ LUIS MÉNDEZ FERRÍN, candidato de En Marea ao Senado por Pontevedra.
  • EVA SOLLA, vicevoceira de AGE no Parlamento Galego e Secretaria Xeral do PCG.

12.6.16

Acto de campaña de En Marea en Baiona

O domingo 12 de xuño as 20:00 haberá un acto informal de campaña de En Marea na Plaza do Concello de Baiona.

Intervirán:
  • Alexandra Fernández (Número 1 da lista ao Congreso)
  • Ángela Rodríguez (Número 2 da lista ao Congreso)
  • Josué Villar (Número 2 da lista ao Congreso)
  • Vanesa Angustia (Candidata ao Senado)
  • Silvano Montes (Coordenador local de Esquerda Unida en Baiona)
  • Rubén Pérez (voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo)

31.5.16

Organización e planificación da campaña electoral

A Mesa de CABE, segundo se acordou en Asemblea ordinaria do día 20 de maio, convoca unha reunión o próximo día 3 de xuño ás 20:00h no Centro Neural (se houbese algún cambio informaríase do novo lugar de reunión), cun único punto na orde de día:

OBXECTO: Organización e planificación da campaña electoral que realizará En Marea sobre as Eleccións Xerais que se celebrará o próximo día 26 de Xuño.
  • LUGAR: Centro Neural (salvo novo aviso)
  • DÍA E HORA: Venres 3 de xuño ás 20:00h 
  • ROGO: Rógase a maior asistencia posible de tod@s para repartir o traballo xustamente

20.5.16

Asemblea de Gondomar Concello Aberto 0 20 de maio

Convócase Asemblea de Gondomar Concello Aberto para o próximo venres día 20 ás 20.45 na Casa da Cultura de Gondomar coa seguinte orden do día:

1. Aprobación se procede da acta anterior.
2. Información da Intermareal (Votación se CABE entra na mesma e en caso afirmativo elección representantes)
3. Plan de actuación de CABE ante a nova situación.
4. Alegacións Plan Sectorial da Pasaxe.
5. Información do grupo de Comunicación.
6. Rolda de intervencións libres.
7. Renovación de dous membros da mesa

7.5.16

Resumo do pleno ordinario do 5 de maio

Pauliño del Río, voceiro do Grupo municipal de CABE, resumíu o tratado no Pleno ordinario do cinco de maio.


Pleno Ordinario Maio 2016. Celebrado onte, día 5 no Auditorio Lois Tobío, as 20:00h.
Duración do mesmo 02:30 horas.
Propostas do Goberno

-Convenio de Colaboración entre a Deputación e o Concello para a retirada dos vehículos usados.
Aprobado por unanimidade.

-Aprobación inicial da Ordenanza de aparcamento limitado. Rexeitada.
Votos a prol: 7  PSOE e MM.
Votos en contra: 10 CABE, PP e IxG.
Gondomar Concello Aberto, anunciou e votou en contra dunha Ordenanza baseada nunha Lei de tráfico obsoleta, derrogada e que non está en vigor. Di moito da inacción e pasotismo deste goberno polos asuntos públicos a presentación para aprobación inicial dunha Ordenanza municipal xa caduca e ineficaz dende o seu inicio.  Máxime, que advertido do motivo e dándolle a oportunidade de facelo correctamente, se empeñen no erro por pura arrogancia. E xa non entramos nos motivos de fondo dunha ordenanza arbitraria, con importes absolutamente desproporcionados nas sancións pecuniarias ou na discrecionalidade absoluta nas medidas cautelares (inmobilización e retirada da vía pública dos vehículos).

Propostas da Oposición

-Moción do IxG (1) Colocación de marquesiñas na parroquia de Couso. Aprobado por unanimidade.

Mocións de CABE (4) )

DECLARAR A GONDOMAR VILA LIBRE DE CIRCOS CON ANIMAIS. 
Un importante número de países e vilas de todo o mundo xa vetaron o uso de animais nos circos en base a súa protección e benestar, ao considerar que a súa exhibición e condicións de vida supoñen unha crueldade, ao mesmo tempo que incrementan o tráfico ilegal de animais e caza furtiva de especies protexidas. Gondomar únese agora a esa rede e será un Concello libre de circos con animais, que non autorice, promova ou ampare a instalación deste circos con animais e que non permita publicidade de  espectáculos circenses.  Aprobase por maioría
Votos a prol:  14 CABE, MM, PSOE e PP
Abstención:   3 IxG.

SEGURIDADE NA ESTRADA PO331.
Estrada de titularidade autonómica que, dende os Arcos ao Polígono da Pasaxe descorre polo núcleo urbano de Vincios densamente poboado, estrada que se pode considerar unha travesía urbana e pola que descorren a diario 8.600 vehículos (segundo a Memoria de Tráfico do ano 2015). 
Neste núcleo prodúcense situacións de perigo a diario para os que teñen que cruzar esta vía, e hai algúns pasos de peóns que na actualidade non dan unha resposta adecuada e satisfactoria á seguridade dos mesmos. É o caso do paso de peóns que esta á altura da ferretería Vincios, onde a un e outro lada da estrada hai paradas de autobuses, que son utilizadas tamén para o transporte escolar, tanto do alumnado do CEIP Serra Vincios como dos que se desprazan ao centro da Vila para ir aos institutos IES Terra de Turonio e IES Auga da Laxe. 
Sabendo da preocupación da veciñanza de Vincios por esta situación (as nove entidade veciñais, de toda índole existentes na parroquia, teñen remitido escritos ao Concello e á Estradas da Xunta) como da toma en consideración da administración para resolver este problema que  sen embargo segue sen facerse e dado que a situación actual non permite garantir a seguridade dos escolares como da veciñanza usuaria da vía solicitamos dirixirnos á Administración autonómica para que solucione este asunto implementando as medidas técnicas e normativas necesarias.
Aprobada por unanimidade.

TRANSPORTE INTERURBANO EN GONDOMAR. 
Hai unha nova situación creada no transporte interurbano na Galiza polo fallo do Tribunal Supremo que anula a prorroga das concesións feita pola Xunta ás empresas de transporte. Prórroga dada en contra da normativa comunitaria (de obrigado cumprimento). 
A aprobación en 2010 desta prórroga exprés, agora anulada, xa fora contravertida, fíxose sen o ditame do Comité Galego de Transportes, nin do Consello Económico e Social, sen a súa remisión a outras consellerías (mesmo da de Educación e iso que tamén afectaba ao transporte escolar) e cunha tramitación parlamentar en lectura única sen posibilidade de emendas parcial . 
Esta sentencia incide de xeito directo no noso Concello e no conflito e problemática do transporte de viaxeiros en Gondomar (as empresas concesionarias estaban personadas na causa) Conflito que dende hai décadas afecta aos veciños e veciñas de Gondomar usuarios deste servizo esencial e que teñen que sufrir o esperpento de terse que baixar en Mañufe en vez de na estación de autobuses ou non poden ir máis aló dda Florida en Vigo. 
O Pleno acordou solicitar da Xunta de Galiza información sobre como afecta esta sentenza ao transporte interurbano en Gondomar, a situación das liñas e concesións ou se se vai producir unha nova licitación. Para isto solicitamos unha xuntanza entre a Xunta e os representantes da Corporación Municipal de Gondomar para abordar este tema e porlle solución. Debemos ver esta sentenza como unha xanela de oportunidade para resolver este conflicto absurdo e enquistado no tempo.
Apróbase por unanimidade.

USO DO CENTRO NEURAL. 
Despois do traslado da Policía Local a determinadas dependencias do  Centro Neural, o actual goberno impide a celebración de actos cidadáns e políticos na sala multiusos , como sempre se fixo. A maiores o antigo salón de Plenos da Casa de Cultura foi dividido e destinado a arquivo e futura aula de formación, polo que tampouco se pode usar. Deste xeito dos dous locais que tiña o concello para realizar cidadáns actos cidadáns quedamos sen ningún. Non parece razonable nin de sentido común privar á veciñanza de locais para actos ou asembleas. 
O acordo tomado é que a sala multiusos do Centro Neural estará ao servizo da cidadanía de Gondomar e seguirá tendo entre os seus cometidos o seu uso para xuntanzas veciñais e cidadáns, incluídas ás das formación políticas, a fin de fomentar e facilitar a participación de todos e todas na vida política, económica, cultural e social do noso Concello. 
Apróbase por unanimidade.

Na quenda de rogos e preguntas o Sr.Alcalde en vez de contestalas no Pleno, como era habitual remitiuse a que as contestaría por escrito. Onde quedou a transparencia, a participación e facer do Pleno o centro da vida política de Gondomar? 

Gondomar,  6 de maio de 2016
Pauliño del Río Iglesias.

Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.

3.5.16

Mocións e convocatoria do pleno o 5 de maio

Para o xoves, 5 de maio, ás 20:00 horas, está convocado pleno no Auditorio Lois Tobío. A orde do día e que figura abaixo. CABE presentará a seguintes mocións:

Mocións

Orde do día
  1. Aprobación da renovación do Convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Gondomar para o servizo de recollida de vehículos abandonados e o seu posterior tratamento.
  2. Aprobación inicial da modificación da Ordenanza reguladora do estacionamento limitado e gratuíto (zona azul).
  3. Fiscalización e control dos órganos de goberno: Dación de conta das Resolucións.
  4. Mocións.
  5. Rogos e preguntas.

13.4.16

Concentración do 14 de abril


Convocamos á cidadanía a concentrarnos mañá, 14 de abril, ás 12:30,  diante da Praza do Concello, como homenaxe á II República.

9.4.16

Resumo do Pleno ordinario do concello do 8 de abril

Resumo de Pauliño del Río, o noso voceiro no Concello de Gondomar, do acordado no Pleno
ordinario do oito de abril
Pleno Ordinario, Abril 2016. Celebrado onte, día 8 no Auditorio Lois Tobío, as 20:00h.

Duración do mesmo 5:30 horas.

Propostas do Goberno:

Única: Mostrar conformidade co borrador consensuado polos 14 Alcaldes da Área Metropolitana.

Votos a prol: PSOE, PP, MM e IxG.

Abstención Gondomar Concello Aberto. Motivos principais: Non se garante unha solución a curto prazo no tema do Transporte interurbano de Gondomar (seguimos co esperpento de deixar aos viaxeiros a 2 quilómetros de Gondomar). Non hai nin un somero estudio económico financeiro dos custes para os concellos e o financiamento da Area Metropolitana. Non se nos aclara se supón a desaparición da Mancomunidade do Val Miñor. Moitas dúbidas co subministro de auga en alta e a súa repercusión nas tarifas cando se traspasen os encoros de Eiras e Zamáns. Unha ocasión perdida polo Sr. Alcalde para consensuar co resto das forzas políticas de Gondomar a postura do Concello cara a futura Área Metropolitana. Ao longo destes meses non convocou unha soa xunta de voceiros para tratar este tema.

Propostas da Oposición:

Moción do PP (1) Comparecencia da concelleira de Igualdade: Unanimidade.
Moción de IxG (1) Proposta de Asfaltado de viario do camiño da Costa e Seidons. Unanimidade.

Propostas de CABE: (5)

CONMEMORACIÓN DO 14 ABRIL, PROCLAMACIÓN DA II REPÚBLICA. Condena do alzamento militar do 18 de xullo do 1936. Que ondee a bandeira republicana coma homenaxe aos que defenderon a II República e a legalidade democrática. Organización polo Concello de actos
 conmemorativos e divulgativos deste 85 aniversario. Apróbase por maioría.

  • Votos a prol 6: CABE, MM
  • En contra: 4 PP
  • Abstención: 7 PSOE e IxG.


POLA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA. Cumprimento da Lei da Memoria histórica. Apróbase por maioría.

  • Votos a prol: 10 CABE, MM, PSOE.
  • Abstencións: 6 PP e IxG.


SEGURIDADE PÚBLICA EN GONDOMAR: Ínstase ao Sr. Alcalde como Presidente da Xunta Local de Seguridade para que traslade a inquedanza de veciñanza e comerciantes polo roubos e entradas en locais, garaxes e vehículos, que se trate este tema e se implementen as medidas necesarias para corrixir esta situación. Apróbase por unanimidade.

REVERSIÓN A PUBLICO DO HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO. Que a corporación Municipal sesume á denuncia ante Europa da concesión privada do HAC realizada pola Asociación para a defensa da sanidade pública. Que se sume á petición parlamentaria de rescate da concesión. Que se dea traslado desta Moción ao resto dos concello do Val Miñor. Apróbase por maioría.

  • Votos a prol: CABE, MM, PSOE e IxG.
  • En contra o PP.

MOCIÓN DE URXENCIA DO MM: Dirixirse á Consellaría de Educación para instar a que renuncie ao peche anunciado e manteña aberta a Escola Infantil de Mañufe. Aprobada por unanimidade.

MOCIÓN DE URXENCIA PRESENTADA POR CABE: SEGURIDADE E ACCESO AO CEIP SERRA- VINCIOS. Medida inmediata, peche do recinto escolar dotando ao portal exterior dun porteiro automático e videoporteiro. Medidas a tomar antes do comezo do curso escolar 2016/2017 que se consensúe entre a comunidade escolar e as Administracións local e autonómica a planificación e execución das obras de acceso ao recinto escolar. Aprobada por unanimidade.
Salientar nesta moción a indignación das nais e pais presentes que increparon constante e repetidamente ao Sr. Alcalde acusandoo de mentir de forma reiterada nas súas explicación par xustificar a súa falla de xestión e como se perdeu todo un curso escolar con escusas, mentiras e constantes cambios de opinión e de solucións a esta problemática. Incluso lle esixiron en numerosas ocasións un mínimo de respecto.

Non se pode mentir e terxiversar os feitos de forma reiterada para xustificarse ante a súa falla de cumprimento das promesas dadas, a falla de consideración e desplantes á comunidade educativa, a ineficacia e ineficiencia da xestión do seu goberno, a falla de compromiso coa seguridade dos nenos e nenas e a ausencia total de criterio para abordar este tema. Cando un gobernante perde a noción da realidade, mal asunto.

Gondomar, 8 de abril de 2016

Pauliño del Río Iglesias.

Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.

5.4.16

Convocatoria do grupo de comunicación o 6 de abril

Convócase reunión de comunicación para o vindeiro mércores 6 de abril ás  20:30 h para tratar da maquetación, deseño e elaboración do boletin nº 2.

Mocións e convocatoria de pleno ordinario para o xoves 7 de abril

O próximo Pleno Ordinario, xoves día 7 de abril ás 20:00 horas, no Auditorio Lois Tobío.

Orde do día:
Punto Único: Proposta da Alcaldía para dar conformidade ao borrador de modificación da Lei 4/2012 da Área Metropolitana.

MOCIÓNS:

CABE (pica encol do texto para acceder ao documento)

PP
  • Comparecencia da Concelleira de Igualdade.
IxG
  • Amaño camiño de Piquetes. Mañufe.

24.3.16

Eu acollo

Queremos un lugar seguro para as persoas refuxiadas

Desde que empezou a crise de persoas refuxiadas, a sociedade civil en España mostrouse enormemente solidaria e a favor da acollida das xentes que o perderon todo fuxindo dos conflitos, a violencia e as crises humanitarias. Con todo, o goberno español segue sen escoitarnos.
Pero queremos que se nos escoite e, para iso, faise imprescindible unirnos e xerar unha gran presión desde abaixo na que organizacións, colectivos e asociacións de todo tipo sumémonos e esixamos ao goberno español que aumente significativamente o número de prazas de reasentamento, incluídas as destinadas a mulleres e nenas e a persoas en situación de especial vulnerabilidade.
Por iso queremos pedirvos que vos sumedes a un manifesto que faremos chegar ao goberno.

Propuxémonos sumar 1.000 organizacións ou colectivos. Só facendo moito ruído o goberno, que ata agora permaneceu de costas ao sufrimento de miles de persoas en situación desesperada, se dignará a escoitar.


Descarga o Manifesto aquí

Andaina polo Galiñeiro

O domingo 17 de abril hai unha nova edición da Andaina polo Galiñeiro, a sexta.

Dende a Plataforma de defensa da serra do Galiñeiro fan un chamamento a todas as persoas que sintan o monte Galiñeiro como seu para que colaboren con ela. Este convite é extensible a todas as organizacións, asociacións e entidades da redonda (e doutros lugares tamén) a participar na medida das súas posibilidades, e no xeito que eles e elas estimen, a traballar coa Plataforma na protección desta serra.

16.3.16

Convocatoria de Asemblea veciñal o 16 de marzo

Convócase á Asamblea de Gondomar Concello Aberto para o mércores día 16 ás 20:30 horas na
Casa da Cultura de Gondomar coa seguinte orde do día:


  1. Aprobación se procede da acta anterior.
  2. Plan de actuación de CABE na nova situación.
  3. Información das xuntanzas das Mareas; debate do documento de Marea de Vig e proposta de regulamento para xuntanzas intermareais.
  4. Alegacións Plan Sectorial de A Pasaxe
  5. Información grupo de comunicación.
  6. Rogos e preguntas.
  7. Cambio dos membros da mesa.

2.3.16

Mocións de CABE no pleno do xoves tres de marzo

No pleno ordinario do Concello de Gondomar do xoves tres de marzo (20:00 no Auditorio Lois Tobío) os concelleiros de CABE presentarán as seguintes mocións:




  •                 Solicitude de comparecencia do Concelleiro de Urbanismo.
  •                 Asociación Galega de Artesáns Tradicionais (AGAT) 
  •                 PAH. Desafiuzamentos e Plan de vivenda.
  •                 40º Aniversario da República Árabe Saharaui Democrática


29.2.16

Convocatoria do grupo de comunicación do 2 de marzo

Convócase reunión do Grupo de comunicación para o mércores 2 de marzo, ás 20:30 horas, no local de CABE.

24.2.16

Comunicado de CABE

O pasado sábado, 20 de febreiro, a asemblea de Cabe decidiu recoñecer e agradecer a labor que desenvolve a Asociación Galega de Artesáns Tradicionais (AGAT) en Gondomar.
Esta asociación forma artesáns de diferentes sectores e convoca cursos de perfeccionamento, de custo cero para as participantes, en diferentes técnicas, sobor de todo no téxtil.

Grazas ao seu traballo, dáselle un recoñecemento oficial ás competencias dos artesáns que alí se forman e ademais o nome de Gondomar é coñecido no ámbito da artesanía en Galicia e en toda España.
Son estes os motivos polos que Gondomar Concello Aberto defende a permanencia do Taller da AGAT en Gondomar e, fronte as declaracións vertidas por parte de algúns membros do equipo de goberno, entendemos que por absoluto descoñecemento do labor alí desenvolvido, solicita que o concello valore e difunda a súa actividade.

Convocatoria do grupo de traballo do PERI 0 25 de febreiro

Para o xoves 25 ás 16:00 horas no local de CABE convócase ao Grupo de traballo para preparar as alegacións ao PERI, tal como acordamos na pasada asemblea. 

17.2.16

Convocatoria de Asemblea veciñal o sábado 20 de febreiro

Convócase Asemblea veciñal para o sábado 20 de febreiro, ás 19:00, na Casa da Cultura de
Gondomar, coa seguinte orde do día minutada:

1.  Lectura e aprobación se procede da acta da asemblea anterior (10 min.)
2. Valoración das respostas á saída de CABE do goberno municipal (15 min.)
3. Información dos concelleiros de CABE (15 min.)
4. Información da situación do polígono da Pasaxe e da gasolineira de Vincios (Referencia Pura) (30 min.)
5. Información da proposta de usos do CDL (Referencia Chechu).
Carta da veciña de Peitieiros sobre o conflito polo Taller de Artesanía Téxtil de Gondomar (20 min.)
6. Plan de actuación de CABE na nova situación (20 min.)
7. Información das xuntanzas das Mareas (15 min.)
8. Cambio dos membros da mesa (5 min.)
9. Rogos e preguntas (5 min.)